Arquivos da etiqueta: Confusión e morte de María Balteira
Kathleen March, gañadora da I Residencia Xacobeo para tradutoras/es da Xunta
“A profesora emérita da Universidade de Maine (Estados Unidos) Kathleen March, vén de obter a I Bolsa en Residencia Xacobeo, a primeira axuda en formato residencia para tradutores/as de literatura galega convocada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Residencia 1863 da Coruña que naceu este ano para impulsar ao sector da tradución e contribuír á proxección exterior da literatura galega. March é unha das máis prestixiosas investigadoras e divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos e tamén experta nos estudos sobre Rosalía de Castro.
Ao abeiro da bolsa, a investigadora realizará o seu traballo durante o vindeiro mes de maio na Coruña e traballará sobre dúas obras en prosa das escritoras Marica Campo e Emma Pedreira. Doutora en Español e Creatividade e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Maine, vén realizando unha dilatada contribución ao estudo da escrita e cultura de Galicia. É tamén experta en Rosalía de Castro, editora e tradutora dun altísimo número de pezas literarias galegas para o inglés, e premio da Cultura Galega en Proxección Exterior en 2015.
En concreto, March planea traducir Confusión e morte de María Balteira e Bibliópatas e Fobólogos (2017) para alén de desenvolver actividades que podan atraer outros tradutores/as de lingua inglesa a empregar temas galegos no seu labor. A convocatoria da Residencia Xacobeo concitou o interese dun bo número de tradutores e tradutoras, que concorreron con proxectos para linguas coma o sueco, o inglés, o italiano, o francés, o ruso ou o alemán. A autoría abrangueu dende figuras da Idade Media á contemporaneidade, inclinándose a balanza cara autoras actuais de distintos xéneros (narrativa, poesía e teatro) nunha participación de alta esixencia valorada moi positivamente polo xurado.
A I Residencia Xacobeo enmárcase no traballo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por divulgar e difundir a literatura galega e apoiar os profesionais. Consiste en que a Xunta e a Residencia Literaria 1863 fornecen ao beneficiario/a dun espazo en Galicia para o seu traballo e investigación durante todo o mes de maio. Así, a profesora aloxaranse na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña que combina residencia con centro de xestión cultural. O programa incluirá o billete aéreo dende o país da tradutora e dietas para gastos básicos.
A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación ao público, con accións abertas. Porque o beneficiario, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo durante o tempo de residencia. Ademais, na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural.”
As contadoras de contos, por Lara Rozados
Artigo de Lara Rozados na Sega:
““A contadora de contos” é o último dos doce relatos que integran o volume Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo (Baía Edicións, 1996). Como podemos confirmar ao longo da obra de Campo, mestúranse e hibrídanse os xéneros literarios para que a poética, entendida como a acción, a capacidade transformadora do texto, opere desde todo o seu potencial. E este conto, a contadora de contos, máis dramático ca narrativo, ao se tratar dun diálogo entre avoa e neta, é o tal colofón para esta ducia de relatos que, coma doas, van enfiados nunha complexa rede que aínda non se pechou. Velaí a conxunción e que pecha o relato e o libro, solicitando que, lectoras críticas que somos, sigamos enfiando estas xoias de cristal. (…)”
Gondomar: Marica Campo no Clube de Lectura Sete Vidas
O martes 7 de febreiro na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co Clube de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo, publicado en Baía Edicións, ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia escritora achegarase á Biblioteca para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.