Adolfo Caamaño, novo gañador do premio Modesto R. Figueiredo de narración curta 2020

“O premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, fallouse o 6 de marzo no Concello de Silleda, que colabora nesta 46 edición do certame. O escritor e historiador pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) alzouse co galardón polo relato Derradeiras paisaxes do Conde, pola súa proposta orixinal e por abordar un relato histórico xa coñecido –segundo transmitiu o xurado– dende unha perspectiva inédita.
O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Estíbaliz Espinosa, escritora e gañadora da anterior edición de 2019; a escritora silledense Ana Cabaleiro, en representación do Concello de Silleda; Agustín Agra, escritor en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Rubén Eiré, escritor en representación do Pen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, e por David Otero, secretario do xurado e da fundación, tamén destacou a boa documentación deste relato que supón “unha metáfora da decadencia”.
Nesta edición de 2020, que veu retrasando a data do fallo prevista por mor da situación sociosanitaria, tamén se outorgaron dos acceses: para Esteban Brea Castro (Cambre, 1990), polo relato Progresión en escala menor, que aborda unha temática complicada de xeito elegante, cunha proposta anovadora e frescura na narración; e para o profesor e escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), polo relato Áncora, do que o xurado destacou o ritmo intenso e áxil desta historia de temática marítima, con frescura e argumentalmente ben resolta.
O xurado reuniuse ese mediodía no Salón de Plenos do Concello de Silleda, municipio que colabora nesta edición de 2020, e no que se entregarán –previsiblemente no mes de maio– os galardóns desta 46 edición do certame, ao que concorreron un total de 75 traballos.”

A verdade nos espellos, de Rubén Eyré, gañadora do XV Premio Risco de Creación Literaria

DesdeVicente-Risco o Concello de Ourense:
A verdade nos espellos é o novo libro gañador do Premio Risco de Creación Literaria que organiza o Concello de Ourense. O xurado vén de resolver a obra gañadora correspondente á XV edición deste certame, que foi elixido dun total de 16 traballos presentados.
A verdade nos espellos é un libro de relatos autoría de Pablo Rubén Jorge Eyré. O xurado destacou que o contexto da literatura galega está moi ligada ao relato tal e como se manifesta neste libro que conecta coa nosa tradición literaria. Asemade subliña como foi artellando os contos, a maneira de traballar os finais, sorprendentes, ben resoltos e destaca tamén a riqueza lingüística do texto e o coidadoso dominio do idioma. Pablo Rubén Jorge Eyré (Rubén Eyré) é natural de Chantada.
O xurado desta XV Edición do Premio Risco de Creación Literaria estivo formado por:
– Rubén Martínez Alonso, gañador da pasada edición.
– María Garrido, profesora de ensino secundario.
– Constantino Pazos Sobrino, profesor de ensino secundario.
– Ánxela Gracián, responsable editorial Sotelo Blanco.
Luís Martínez-Risco, representante da Fundación Vicente Risco.”