Arquivos da etiqueta: Contos mariños de Carballo
Xabier Maceiras: “De pequeno eu non xogaba, escoitaba”
Entrevista a Xabier Maceiras en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): De onde vén ese gusto por escarvar no pasado [Contos mariños de Carballo]?
– Xabier Maceiras (XM): Sempre me gustou escoitar. De pequeno pasaba moito tempo atendendo a historias que contaban na miña casa e tamén en Camelle, a onde acostumaba ir moito. Eu non xogaba, escoitaba.
– LVG: Que cre que lle pode aportar o pasado ao presente?
– XM: Sobre todo hai que poñer en valor o respecto da xente maior, o que gardan eles na súa memoria. Vivimos nun mundo de présas no que moitas veces nin temos tempo de dar os bos días. Este mundo estanos poñendo unha venda nos ollos que non nos deixa ver o tesouro que as persoas maiores gardan no seu interior.
– LVG: Houbo algo que descubrise buscando no pasado que o sorprendera especialmente?
– XM: Realmente, eu estou descubrindo cousas sempre. Cada día é unha aventura. Cada vez que teño conversas con esta xente ou cada vez que me mergullo na hemeroteca descubro cousas que me fascinan. É unha aprendizaxe continua e diaria.
– LVG: ¿Como comeza a recompilación de historias que despois derivarían nestes Contos mariños de Carballo?
– XM: Eu estaba facendo un traballo en Arteixo, porque moitas veces cando falamos da costa danos a impresión de que só teñen mar Caión e Malpica. Sentía que en Arteixo viviamos de costas ao mar. Por iso quería facer unha recompilación de feitos mariños do meu concello e durante esa investigación fun atopando información de Carballo que gardei para un hipotético libro no futuro e que se acabaría convertendo en Contos Mariños de Carballo.
– LVG: E se tivese que describir agora o seu contido? ¿Que diría?
– XM: É unha mestura entre a información hemerográfica que atopei e as testemuñas das fontes orais, sobre todo nas historias que datan dos anos 20 do século pasado en diante. (…)”
Xabier Maceiras: “Recomendo a lectura de Contos mariños de Carballo porque abre camiños ao pasado e á recuperación da memoria”
Entrevista a Xabier Maceiras en Carballo a un paso:
“(…) – Carballo a un paso (C): Como xorde a idea de recoller nun libro as historias dos naufraxios acontecidos na costa carballesa [Contos mariños de Carballo]?
– Xabier Maceiras (XM): A idea xorde a raíz das investigacións levadas a cabo entre os anos 2011 e 2012 para o meu outro libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios. Así, na procura de datos para ese traballo foron aparecendo informacións sobre o litoral de Carballo que fun recompilando para un futuro e hipotético libro, informacións que posteriormente, e logo de concretalo co Concello de Carballo, darían pé a estes Contos mariños.
– C: No libro hai unha referencia constante a fontes orais e escritas. Canto tempo durou e como foi o proceso de documentación da obra?
– XM: Como xa che comentaba, as fontes escritas empecei a recollelas en arquivos e hemerotecas para as investigacións de O mar de Arteixo e os seus naufraxios, e posteriormente para De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam. Estas informacións funas recompilando durante anos, e a partir do verán do 2015 comecei a ir polas parroquias costeiras de Carballo para coñecer á xente maior de 70, 80 e 90 anos e conseguir que me contasen eses contos mariños de lareira que escoitaban na súa casa cando eran cativos.
– C: Entre os 35 capítulos que podemos ler, houbo algunha historia que che impresionase en especial?
– XM: Unha das que máis me impactou foi a do sinistro do petroleiro “Andros Patria” acontecido en 1979 e no que, ademais da desfeita medioambiental, houbo un balance final de 19 desaparecidos, 11 mortos e 3 superviventes. Outras historias que tamén me impresionaron foron as traxedias das embarcacións pesqueiras como a catástrofe do “Princesa de Asturias”, acontecida en novembro de 1910 na que afogaron 10 mariñeiros; ou a máis recente dos “Tonechos”, con 9 víctimas afogadas nos Baixos en outubro de 1991. (…)”
Carballo: actividades do venres 7 na Praza dos Libros
Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 6 ao 9 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o venres 7, destacamos os seguintes:
– 12:00 h. Presentación do libro ilustrado Kosmocán, de Alberto Varela Ferreiro, coa participación de nenas e nenos que dramatizarán o conto.
– 18:30 h. Concerto infantil a partir dos libro-discos Teatro de Guiñol e Lucecús, de Pirilampo (Galaxia). Colabora: Ler Conta Moito – Xunta de Galicia.
– 20:00 h. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema, publicado por Xerais. O autor estará acompañado por Xosé Manuel Varela.
– 21:00 h. Presentación de Contos mariños de Carballo, de Xabier Maceiras, publicado polo Concello de Carballo. O autor estará acompañado por Fernando Patricio Cortizo e Xosé Regueira.