Artigo en Sermos Galiza:
“Novos nomes e persoas xa coñecidas nos distintos ámbitos culturais déronse cita no acto de entrega dos premios das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña deste ano que premiaron, entre outros e outras, as escritoras Eli Ríos e Lorena Conde e o escritor Vicente Luís Mora, ás bandas Bala e Colaxe en música infantil, a Pablo Carpintero e Lidia Neves en artesanía, a Emilio Fonseca en banda Deseñada ou a David Calle en arte. Os premios de lingua recoñecen o labor de Xabier P. DoCampo, a Semente e Correlingua. A lingua e a presenza de mulleres foron claras protagonistas no acto de entrega que se desenvolveu na mañá do xoves 22 de decembro na sede da Deputación.
Os premios recoñecen nesta edición, como destacou Goretti Sanmartín no acto, a persoas creadoras e investigadoras con xa importante tradición no noso país, como Pablo Carpintero, que gañou o premio de Artesanía cunha reprodución da gaita de fol dunha cantiga de Santa María ou o escritor Xabier DoCampo, “gran mestre e, sobre todo, mestre do entusiasmo en cuxo ronsel navegamos”, dixo. Descobren tamén novos nomes para a cultura como o caso de Emilio Fonseca, que con Fóra de Mapa resultou elixido polo xurado da décimo primeira edición do certame de Banda Deseñada Castelao, Lorena Conde, con longa traxectoria como actriz que se dá a coñecer como poeta co Premio González Garcés polo seu libro Entullo ou Eli Ríos, con obra como poeta mais que asina en Luns a súa primeira novela para público adulto que nace xa co Torrente Ballester. Esta é tamén a edición en que, por primeira vez, o premio de narrativa se convoca en dúas modalidades, unha para obras en lingua galega e outra para obras en lingua castelá, da que resultou gañador o escritor Vicente Luis Mora coa novela Cabeza de vaca. Con 25.000 euros cada un, o Torrente Ballester converteuse no certame con maior premio económico dos convocados en Galiza. (…)”
Arquivos da etiqueta: Correlingua
O escritor Xabier P. DoCampo, Correlingua e a Semente gañan o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña
Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña recoñece a traxectoria na defensa e promoción da lingua do escritor Xabier P. DoCampo. Na categoría de iniciativas destinadas á infancia o premio recaeu ex aequo no Correlingua e na Semente.
O xurado composto por Valentina Formoso Gosende, Mónica Pazos Martínez, Mercedes Queixas Zas e Anxos Sobriño Pérez, coa deputada e responsábel da área de Cultura e Normalización, Goretti Sanmartín, como presidenta e a técnica Dores Sánchez Alegre como secretaria decidiu concederlle o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua ao escritor Xabier P. DoCampo, “pola súa traxectoria literaria e recoñecemento dentro do ámbito internacional e nacional da literatura infantil e xuvenil galega e polo seu compromiso e implicación coa lingua demostrado ao longo de moitos anos de intervención e dinamización sociolingüística a prol do noso idioma”, segundo consta na acta do premio.
Na reunión que se desenvolveu este venres na sede da Deputación da Coruña, o xurado decidiu tamén que o premio á nova categoría dirixida a traballos para a normalización da lingua en infantil e xuvenil fose compartido por dúas iniciativas de especial relevancia para o proceso de normalización: a A. C. Correlingua e a Escola de Ensino Galego Semente, “polo seu labor de intervención nun sector de especial relevancia para o futuro do galego como é a infancia e a mocidade”. (…)”
Disponíbeis as bases dos concursos de manifesto, vídeo, banda deseñada e do Cantalingua do 2013
Desde Correlingua:
“O Correlingua, que nesta edición terá lugar baixo o lema Galego, chave do mundo, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
Xa se poden consultar as bases dos diferentes concursos do Correlingua 2013.
– Banda Deseñada: para o alumnado de Educación Infantil e Primaria.
– Manifesto: Para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Postobrigatoria.
– Vídeo: Para todo o alumnado.
– Cantalingua: Para a escolla dos grupos ou solistas que actuarán nas festas finais do Correlingua 2013.”
O Correlingua 2012 comezará en Ourense e entregou xa os seus premios
“Co lema Galego. Todo o que buscas, a edición 2012 de Correlingua comezará o vindeiro 2 maio en Ourense. A organización deste evento presentou os premios dos certames escolares deste ano. O CPI Pontecesures levou o premio ao Manifesto, mentres en vídeo impúxose o o IES Mosteirón de Sada. Pola súa banda, o premio á mellor banda deseñada foi ex-aequo para o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín. Logo da saída, a carreira transcorrerá por once comarcas, Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo e a Ribeira Sacra e para rematar o vindeiro 16 de maio na Mariña.” Vía Cultura Galega.
Bases dos concursos do Correlingua 2012
BASES PARA A ELABORACIÓN DO CONCURSO DO MANIFESTO CORRELINGUA 2012: GALEGO, TODO O QUE BUSCAS
1. Pode participar todo o alumnado de Educación Secundaria Secundaria e Postobrigatoria menor de 20 anos, de calquera centro de Galiza.
2. A participación no concurso será EN GRUPO e o premio será para todo o grupo, preferibelmente unha aula completa.
3. O manifesto deberá estar de acordo cos OBXECTIVOS xenéricos do Correlingua, que son:
• Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua galega e a importancia de activar as accións en prol dela.
• Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua galega.
• Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.
Ademais deberá terse en conta o lema desta convocatoria: GALEGO TODO O QUE BUSCAS.
4. A extensión do manifesto será dun máximo de 500 palabras e deberá desenvolver total ou parcialmente a idea do lema do ano 2012.
5. Os centros deberán formalizar a inscrición a través do formulario activo na páxina web antes do día 1 de febreiro de 2012. Nesa inscrición farase constar o número de persoas que compón o grupo e tamén a etapa educativa. O texto do manifesto deberá ser enviado antes do 15 de febreiro de 2012 por correo ordinario a:
CORRELINGUA
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
APARTADO DE CORREOS 247.
15705- SANTIAGO DE COMPOSTELA
Tamén se enviará o texto en CD ou pen drive, e nun formato compatíbel cos procesadores de texto máis estendidos (DOC, RTF, etc). O envío farase con pseudónimo. Dentro do mesmo sobre incluirase outro en que consten os seguinte dados dos participantes:
– Nome de todos os compoñentes do grupo.
– Curso e centro escolar a que pertencen.
– Teléfono de contacto.
– Profesorado responsábel.
6.– O xuri estará composto por cinco persoas propostas pola Comisión Organizadora. Os membros do xurado non poderán ter relación cos centros escolares participantes. A decisión do xurado será inapelábel.
7. O premio para o grupo gañador consistirá nunha viaxe e un diploma acreditativo para o grupo que será entregado nun acto público.
8. O traballo do grupo gañador será lido nas festas finais do Correlingua 2012.
9. Os traballos que non resulten premiados poderán ser publicados na páxina web do Correlingua.
10. Os traballos premiados poderán ser reproducidos en campañas publicitarias e divulgativas do Correlingua. Para estes efectos os autores cederán os dereitos de reprodución á organización do Correlingua.
A participación neste concurso supón a aceptación das presentes bases.
BASES PARA O CONCURSO DE BANDA DESEÑADA
1. Poden participar todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria de calquera centro de Galiza.
2. A participación no concurso será EN GRUPO e o premio será para todo o grupo, preferíbelmente a aula completa. Cada grupo deberá repartirse as diferentes tarefas para a elaboración da banda deseñada (elaboración do argumento e guión, deseño das personaxes, realización gráfica, cor, etc…).
3. A Banda Deseñada debe ter un tema que estea de acordo cos OBXECTIVOS xenéricos do Correlingua, que son:
a) Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua galega e a importancia de activar as accións en prol dela.
b) Sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil, da importancia da defensa da lingua galega. c) Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.
Ademais deberá terse en conta o lema desta convocatoria: GALEGO, TODO O QUE BUSCAS.
4. O formato da banda deseñada será o seguinte:
EXTENSIÓN: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.
TÉCNICA: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.
O envío farase con pseudónimo. Dentro do mesmo sobre incluirase outro en que consten os seguinte dados dos participantes:
– Nome de todos os compoñentes do grupo
– Centro escolar a que pertencen.
– Teléfono de contacto.
5. Os centros deberán formalizar a inscrición desde páxina web antes do día 1 de febreiro de 2012. Nesa inscrición farase constar o número de persoas que compoñen o grupo e tamén a etapa educativa. O traballo orixinal deberá ser enviado antes do 15 de febreiro de 2012 por correo ordinario, a ser posíbel acompañado a:
CORRELINGUA
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
APARTADO DE CORREOS 247
15705, SANTIAGO DE COMPOSTELA
6. O xuri estará composto por cinco persoas propostas pola Comisión Organizadora. Os membros do xurado non poderán ter relación cos centros escolares participantes. Colabora nesta actividade a Asociación Cultural BD Banda. A decisión do xurado será inapelábel.
7. O premio para o grupo gañador consistirá nunha viaxe.
8. Os traballos que non resulten premiados poderán ser publicados na páxina web do Correlingua.
9. Os traballos premiados poderán ser reproducidos en campañas publicitarias e divulgativas do Correlingua. Para estes efectos os autores cederán os dereitos de reproducción á organización do Correlingua.
BASES PARA O CONCURSO DE VIDEO
1. Pode participar todo o alumnado de Educación Obrigatoria e Postobrigatoria menor de 20 anos, de calquera centro de Galiza, que conten coa debida autoración dos seus responsábeis legais (pais, nais ou titores) no caso de menores de idade.
2. O vídeo deberá estar de acordo cos OBXECTIVOS xenéricos do Correlingua, que son:
– Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua galega e a importancia de activar as accións en prol dela.
– Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua galega.
– Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.
3. A extensión do vídeo será dun máximo de 3 minutos e deberá desenvolver total ou parcialmente a idea do lema do ano 2012.
4. As e os participantes deberán enviar as súas gravacións ben ao enderezo electrónico correlingua@gmail.com ben en calquera soporte dixital ao enderezo:
CORRELINGUA
AVENIDA DE LUGO 2A- ENTRESOLLADO A
15701, SANTIAGO DE COMPOSTELA
No envío indicarase o pseudónimo, e adxunto deberán vir os seguintes datos:
– Centro escolar a que pertencen e
– Teléfono de contacto.
– Profesorado responsábel.
– Autorización de pais, nais ou titores.
5. O xurado estará composto por cinco persoas propostas pola Comisión Organizadora. Os membros do xurado non poderán ter relación cos centros escolares participantes. A decisión do xurado será inapelábel.
6. A/o gañadora/a recibirán un premio por determinar.
7. O traballo gañador será proxectado no acto de presentación do Correlingua 2012.
8. Os traballos que non resulten premiados poderán ser publicados na páxina web do Correlingua.
9. Os traballos entregados poderán ser reproducidos en campañas publicitarias e divulgativas do Correlingua, así como nas redes sociais como Facebook, Twiter ou Tuenti. Para estes efectos as e os autores cederán os dereitos de reprodución á organización do Correlingua.
10. A participación neste concurso supón a aceptación das presentes bases.
Concursos para o manifesto e de banda deseñada para o Correlingua 2011
– Concurso para o Manifesto Correlingua 2011. A partir do lema Somos galego, o alumnado de Secundaria, en grupos, poderá elaborar o manifesto para o Correlingua 2011. Descargar aquí as bases.
– Concurso de Banda Deseñada Correlingua 2011. Os/as alumnos/as de Infantil e Primaria poden participar, en grupo, neste concurso de banda deseñada, tamén a partir do lema Somos galego. Descargar aquí as bases.
Nos dous casos, o prazo remata o 1 de febreiro de 2011.