Desde Xerais:
“No derradeiro programa de radio do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco neste curso, tres alumnas entrevistaron a Carlos Negro e María Solar despois de ler Penúltimas tendencias, Masculino singular e As horas roubadas, a iniciativa da profesora Mercedes Queixas:
Nesta ligazón pode verse a visita de Carlos Negro ao centro, que participou no club lector. E noutrouta ligazón, vemos o peche da tempada radiofónica no centro.
O audio da entrevista radiofónica pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”
Arquivos da etiqueta: CPI Alcalde Xosé Pichel Coristanco
Coristanco: presentación de Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas
O mércores 18 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca do CPI Xosé Pichel de Coristanco, Mercedes Queixas presenta Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, publicado por Galaxia, dentro dos actos da Primavera Cultural do Concello de Coristanco, nunha conversa guiada por Xan Fernández Carrera.
Palabra de escritora: entrevista a María Solar
Entrevista a María Solar no blogue Lingua de Alcaián do IES Coristanco:
“(…) – Lingua de Alcaián (LA): Que te levou a escoller esta temática para escribir As meigas de Lupa?
– María Solar (MS): Quería escribir un libro para nenos como a miña filla, que é máis ou menos da vosa idade, que fose de aventuras, e que recuperara as lendas fermosísimas que temos en Galicia como as meigas ou a historia da raíña Lupa que é marabillosa. Parecíame unha pena que todos os rapaces souberan como é Hogwarts e descoñeceran que existe o Pico Sacro, coas súas covas onde dicían que se movía a raiña Lupa. Así que me pareceu boa idea escribir unha historia actual pero que tamén contara (e mesmo continuara) a lenda da raíña Lupa, ou as lendas das meigas chuchonas, as damas do castro e tantas outras e que de paso, contara como vivían os castrexos, pero todo como unha aventura divertida. (…)
– LA: Esta novela vén acompañada dunha banda sonora, que supuxo para ti esta recreación musical?
– MS: Foi, posiblemente, o máis fermoso que me ten pasado cun libro. Un bo día, un compositor de música de cine que non coñecía persoalmente, David Alonso Garzón, envioume as cancións, simplemente dicíndome que lera o libro, que se criara na zona do Pico Sacro oíndolle á súa avoa esas lendas da Raiña Lupa, e que lle inspirara esa música. Cando as escoitei, caéronme as bágoas de emoción porque era auténtica música de cine. Música que recreaba distintos momentos do libro. A chegada dos nenos coa avoa; os discípulos traendo o corpo; Ebura; o soño da raiña Lupa; ou a loita das meigas no castelo subterraneo, e cando as escoitas imaxínaste exactamente iso.
Foi marabilloso inspirar algo tan fermoso.
E despois aínda naceu o audiovisual coa participación de 20 actores de Achádego Teatro de Lugo, e unha exposición. Foi incrible.
– LA: Que che reportou esta novela como escritora?
– MS: Aportoume moitísimo, primeiro porque aprendín moito do oficio de escritora escribíndoa, despois pola boa acollida que tivo cos rapaces que fai que xa leve tres edicións, e logo, por todo o que vos veño de contar de como medrou coa música, o audiovisual, unha web e unha exposición que non fixen eu, fixeron eles inspirándose no libro. (…)”
Entrevista a Ledicia Costas sobre Recinto gris no Clube de Lectura CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco
Entrevista do blogue do Club de Lectura do CPI ‘Alcalde Xosé Pichel’ de Coristanco a Ledicia Costas:
“(…) – Clube de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel (CLAXP): De onde naceu a idea de traballar a temática que desenvolves en Recinto Gris?
– Ledicia Costas (LC): A idea naceu nunha época na que eu estaba a documentarme para a escrita dun libro de relatos arredor da Segunda Guerra Mundial. Afondei no tema dos totalitarismos e, máis en concreto, do ascenso do nacionalsocialismo en Alemaña e nas súas repercusións. Decateime entón de que nos plans de estudos non se abordaba practicamente este tema. Fun máis alá e percibín que existía un enorme baleiro académico no que se refire aos holocaustos. Entón díxenme: se nos centros de ensino non se estudan os xenocidios, temos un problema. E decidín abordar o tema nunha obra, para que puidese ser tratado nas aulas, aínda que sexa de xeito transversal.
– CLAXP: Entendemos que a protagonista Nube representa o perfil dunha nena autista. É así? Por que esta escolla?
– LC: O que padece Nube exactamente é Síndrome de Asperger. Escollín este trastorno porque na sociedade existen moitas persoas que conviven con este problema, tanto nenos e nenas coma persoas adultas. Quixen poñer de manifesto algunhas das dificultades coas que se atopan os Asperger na súa vida diaria (dificultade á hora de interaccionar socialmente, problemas de comunicación…), así como a súa excelencia intelectual. Quixen desmitificar a imaxe que se ten das persoas que padecen este tipo de trastornos incidindo nas problemáticas do día a día. (…)
– CLAXP: Como te sentiches unha vez rematada a escrita desta novela?
– LC: Sentín que escribira exactamente o que quería: unha distopía que integra elementos do realismo máxico, na que se achega ao lectorado un tema para min imprescindible, como é o holocausto e o funcionamento dos sistemas totalitaristas. E máis aínda, nestes momentos en que a ultradereita ascendeu en Europa de xeito tan preocupante. A única posibilidade de non cometer os mesmos erros no futuro, é coñecer os erros que se cometeron no pasado. Necesitamos rapazas e rapaces con capacidade crítica e con vontade de cambio.”
Entrevista a Francisco Castro sobre O corazón da Branca de Neve
Desde Coristranca, blogue do Club de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco:
“(…) – Coristranca (C): En que te inspiraches para construír a historia [O corazón da Branca de Neve]?
– Francisco Castro (FC): Eu xa tiña bastante desenvolvido o personaxe do Inspector Hermida na miña cabeza. Un policía vigués, no final da súa carreira, con algún trauma persoal importante (cóntase na novela) que o fai infeliz. Pero sobre todo, un tipo honrado, un señor serio que quere facer o mellor que pode o seu traballo e atrapar aos delincuentes. Sobre o que preguntades, debo dicir que a clave deuma unha nova da prensa que falaba dunha rapaza, embarazada, e que estaba sendo explotada sexualmente por un grupo de proxenetas. Cando foi liberada pola policía, declarou que lle dixeran que así como dese a luz ían vender o seu bebé. De aí naceu o inicio da historia. (…)
– C: Tiñas claro desde os comezos ese final ou mudáchelo durante a escrita?
– FC: Tíñao máis ou menos claro. Cando escribes novela policial, na que a arquitectura interna da historia é tan importante, adoitas telo todo case que claro antes de poñerte a escribir. Logo hai sorpresas, claro. E personaxes que cobran un protagonismo que ti non pensabas darlle. Pero, en liñas xerais, estaba todo moi medido antes de me sentar a escribir. (…)”
Vídeos do Día de Rosalía 2013 no ensino (I)
Prólogo (CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco)
1. «Has de cantar (CEIP Doutor Suárez, Fornelos de Montes)
2. Nasín cando as prantas nasen (CEIP Cespón, Boiro)
Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013
Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Desde hoxe imos publicitar diariamente nesta Axenda os centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:
– Prólogo e -Dios bendiga todo, nena: CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco.
– Has de cantar: CEIP Doutor Suárez, Fornelos de Montes.
– Nasín cando as prantas nasen: CEIP Cespón, Boiro.
– -Dios bendiga todo, nena: CEIP Santo Paio de Abaixo, Reboreda – Redondela.
– -Cantan os galos pra o día: IES Nº 1, Ribeira.