Arquivos da etiqueta: Cristais rotos
Premio Xosé Neira Vilas de novela curta para o escritor Álvaro Domínguez
Desde El Correo Gallego:
“O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu, e por unanimidade, concederlle o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. A sesión celebrouse no compostelán Pazo de San Roque e o xurado estivo integrado por Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, membros da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo investigador, crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.
O tribunal argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que profunda nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Así mesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas as e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de diálogos áxiles e cheos de verosimilitude. (…)
O galardón será entregado o vindeiro 3 de novembro nun acto público na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres, que comezará ás 18.30, e que coincide coa conmemoración do Día do Lector. O premio está dotado con 1000 euros e a publicación do traballo seleccionado. O obxectivo deste certame, dirixido a público infantil e xuvenil, é estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público mozo que lle permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela. (…)”