Cristina Ferreiro gaña o XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“O xuri do XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Antía Otero, Estevo Creus, Francisco X. Fernández Naval, Francisco Pérez e María Casar, reunido na Casa do Concello de Sarria o sábado 14 de abril ás 11:00 horas, tras realizar a derradeira deliberación á que chegaron 12 poemarios resolveu conceder o premio á obra presentada baixo o lema: Abecedario póstumo, do que resultou ser autora Cristina Ferreiro.
O xuri destaca que o premio Fiz Vergara de poesía chegue a esta edición cunha enorme vitalidade, demostrada polo número de orixinais presentados, así como pola elevada calidade dos seus textos, o que o converte no centro das olladas de moitas e moitos poetas e un referente no panorama literario da poesía galega.
Esta obra foi destacada polo seu ritmo, por tratarse dunha peza non compartimentada, na que estamos ante un poema longo que inclúe textos de prosa poética e no que se reflicte a contemporaneidade máis actual. É, en certa medida, unha testemuña deste momento histórico, non como denuncia senón como receptora da realidade que vivimos. Reveladora e en certo modo visionaria. Nela trabállanse moi ben os silencios e as pausas, deixando espazos para o lector.
O xuri destacou que hai no libro un latexo de cidade asolagada que entronca co mito das cidades asolagadas galegas e co momento de incerteza e cambio que vivimos.” Vía A. C. Ergueitos.

A Coruña: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación

O xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24), preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Ademais dos coordinadores da publicación, intervirá Mariña Pérez Rei e proxectarase unha videocreación poética de catro minutos de duración, obra de de Cristina Ferreiro Real. O acompañamento musical corre a cargo de Brais Morán (guitarra).

Tres rapazas de Lugo, A Coruña e Santiago, finalistas do IIIº Premio Biblos-Pazos de Galicia

“O IIIº Premio Biblos-Pazos de Galicia decidirase o vindeiro venres 20 de xullo entre as escritoras mozas Cristina Ferreiro Real, de Lugo; Patricia Casas Vázquez, da Coruña, e Raquel Campos Pico, de Santiago pero que reside en Madrid. As tres foron declaradas finalistas por un xurado integrado pola que será este ano a titora da gañadora, a escritora Helena Villar Janeiro, o xornalista e tamén escritor Camilo Franco, o gañador da anterior edición, Alberto Ramos, e o director literario de Biblos, Tucho Calvo.” (Biblos-Clube de lectores)