Berta Dávila gaña coa obra Limiar o primeiro premio de poesía Díaz Jácome

Desde Crónica3:
“A santiaguesa Berta Dávila Fernández obtén o primeiro premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación de Lugo. A obra que resultou gañadora na XIX edición deste certame leva por título Limiar.
O primeiro premio neste certame, que ten por finalidade estimular a creación poética entre os mozos e mozas, recoñécese con 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio foi para Alexandre Fernández Peón de Pontevedra, pola creación Crónica bélica da devastación en cinco minutos. O pontevedrés recibe 600 euros, placa e diploma. Mentres, Laura López Esteban, de Lugo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra Renacer.
O xurado que fallou os premios estivo integrado por Áurea Ramil, Armando Requeixo e José María Felpeto.
Entrega dos premios
A entrega dos premios terá lugar nun acto celebrado polo Concello de Mondoñedo o sábado 1 de decembro a partir das 12:15 horas no Salón de Plenos.
O Concello de Mondoñedo amosa un ano máis o seu compromiso “de aposta pola promoción do xénero poético, neste caso en lingua galega”. Dende a administración local lembran que Mondoñedo é “o berce de grandes mestres da literatura e da poesía” e, neste senso, lembran a convocatoria non só do premio de poesía que honra a Díaz Jácome, senón tamén o premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro.”

Coleópteros, de Lorena Souto, acada o primeiro premio no VI Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Crónica3:
“O Concello de Mondoñedo fai público os gañadores do VI Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, concurso que vén de ser fallado. A obra Coleópteros, da autora Lorena Souto, natural de O Páramo, resultou gañadora deste certame. A galardoada obterá un premio de 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio, dotado con 600 euros, placa e diploma, recaeu na obra Álbum da que é autor Emilio Salgado Freire de Betanzos. Pola súa banda, Xosé Ramón Sánchez Varela, de Carballo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra Queiroas.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo, que se celebrará o sábado 25 de novembro, segundo o seguinte programa:
-12.00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
-12:15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
-12:45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.
O Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro chega a súa sexta edición tras nacer coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A sexta edición deste premio, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, estivo marcada polo gran número de participación de obras, con preto de 100 orixinais recibidos.”

Eduard Velasco gaña o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

DesdeIII Premio Leiras Pulpeiro Crónica 3 (tamén se pode consultar este artigo de Armando Requeixo en Criticalia):
“Eduard Velasco, natural de Barcelona e residente en Santiago, álzase como gañador da III edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo.
O traballo presentado pola gañador que obterá un premio de 1.500 €, placa e diploma, leva por título Mentres o tacto. O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Marchamos, da que é autor Gonzalo Hermo González, de Rianxo. José Antonio Grela Martínez, acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Renovatio. José Antonio Grela é de Santiago de Compostela.
A entrega do premio terá lugar o vindeiro sábado, 8 de novembro segundo o seguinte programa:
– 12:00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
– 12:45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”

Segundo informa Armando Requeixo, o xurado estivo formado por Áurea Fernández, Xosé María Felpeto Enríquez e mais el, coordinados polo técnico de cultura do Concello, Gil Ares.