Descende a edición en galego en 2011

“O 2011 foi un mal ano para a edición en Galicia e en Galego. Así o sinalan os informes Comercio Interior del libro en España 2011, da Federación de Gremios de Editores e máis El sector del libro en España 2010-2012 do Observatorio da Lectura e do Libro. O director de Xerais, Manuel Bragado, recolle no seu blog unha análise dos datos presentados, que revelan que a edición na nosa lingua minguou un 16,3% (de 2.544 a 2.130 títulos) segundo o informe de comercio interior, mentres o do Observatorio cifra o descenso nun 5,22% con 1.922 títulos editados o pasado ano. O nivel de produción editorial, independentemente da lingua, no noso país a edición diminuiu un 28,8% no último ano, pasando de 4.754 títulos en 2010 a 3.384 en 2011.” Desde Cultura Galega.

A Rosalía que vén

“A imaxe de Rosalía de Castro está a mudar. Novas perspectivas de investigación sobre esta autora fundamental das nosas letras coinciden ca remuda na fundación que leva o seu nome. Proxectos de divulgación, a celebración dos 250 anos de Cantares Gallegos e outras iniciativas amosan unha imaxe da poeta que difire en boa medida da icona popular. No marco do X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, celebrado en Cardiff hai dúas semanas, convocouse un Seminario Rosaliano, no que diferentes investigadores amosaron as últimas achegas arredor da poeta. Entre os relatores estaba Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía desde o pasado mes de xuño. “Este encontro demostra que Rosalía está moi viva e que se están a dar avances na investigación rosalianista”. Para el, estes avances cífranse sobre todo “nas relecturas que se fan” da autora. “Ten unha grande importancia o traballo no ámbito feminista, pero eu entendo que o grande avance é a concepción global e sistémica que está a ter sobre Rosalía”. É dicir, o feito de considerar a autora atendendo tanto á súa obra en galego como a escrita en castelán, á prosa ou á poesía. Este perspectiva permite unha aproximación “ao pensamento global dunha escritora global. Non se poden ler os Cantares Gallegos sen ter en conta o que xa fixera en La Flor ou o que faría logo en Follas novas. Agora tendemos a coller unha perspectiva global que tamén nos pode axudar a avanzar na análise da súa figura, do seu pensamento e estratexias e mais ver o que representa”. (…)
Nese sentido, Angueira recoñece que as mudanzas están a se multiplicar nos últimos anos. “En xeral hai un activismo pro rosalianista, tanto no mundo social como a nivel político, artístico ou literario. E o mundo académico non é alleo a este activismo”. Encol das razóns polas que se están a dar nestes ultimos anos estas novas aproximacións, o presidente da Fundación Rosalía recoñece que existía un respecto pola figura que puido dificultar a aposta por novas interpretacións do seu traballo. “Xa desde finais do século XIX e da man do propio Murguía produciuse unha canonización de Rosalía que logo deu nunha certa sacralización, ténselle moito respecto”. Malia a isto, apunta que “o rosalianismo estivo sempre vivo”, e cita as achegas que se fixeron desde o grupo de Ramón Piñeiro, Lois Pimentel, as análises sociolóxicas de Francisco Rodríguez ou as lecturas desde óptica feminista que se suceden desde os anos 90. A esta “Autores tan extraordinarios como ela non se esgotan nin se esgotarán xamais”. (…)” Desde Cultura Galega.

Antonio Gamoneda publica Estética e temporalización do Camiño Xacobeo

Editorial Trifolium publica o ensaio Estética e temporalización do Camiño Xacobeo, unha obra do poeta Antonio Gamoneda, quen en 2011 foi nomeado Escritor Galego Universal pola AELG, traducida ao galego por María Fe González Fernández. Trátase dunha obra inédita que ve a luz en galego, antes que en calquera outra lingua, por expreso desexo do autor, que elixiu a colección Musa pedestris, de Trifolium, para a súa publicación. O ensaio, relativo á obra de creación de e verbo do Camiño de Santiago, toca aspectos formais e iconográficos ligados, uns e outros, á arquitectura, á escultura, á pintura e á escrita en función estética.” Vía Trifolium. Recollido tamén, posteriormente, en Cultura Galega.

Quiosco: Revista Galega de Teatro, 71

“No marco da programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentouse o número 71 da Revista Galega de Teatro. Esta publicacion editada pola asociación cultural Entre Bambalinas mantense fiel ás súas seccións habituais. Así, no último volume, Inma López Silva entrevista a Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, para falar do teatro institucional; inclúese o texto O principio de Arquímedes, de Josep Maria Miró Coromina (Premi Born del Cercle Artístic de Menorca) na sección para difundir a dramaturxia en galego; así como críticas dos espectáculos Kamouraska, de Inversa Teatro e Malena llena eres de gracia, de Compañía das Marías, xunto coas crónicas das Mostras de Teatro Universitario de Vigo e Ourense, o ALT 2012 e a Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas de Xixón.” Vía Cultura Galega.

A Arousa enche a literatura

“A última novela foi Tonas de laranxa, de María e Manuel Lourenzo, ambientado nunha aldeíña da costa da desembocadura do río Ulla e a ría de Arousa, rodeada de laranxeiras. E non está publicada porque foi galardoada co Premio Xerais de novela hai menos dun mes. Pero non só iso: nos últimos anos, numerosas novelas de éxito escollen a ría de Arousa, a súa cultura e a sáu paisaxe humana como un fértil territorio literario. Explóraa connosco no noso mapa interactivo e participa con outras paisaxes literarias. (…)” Vía Cultura Galega.

As letras, paso a paso

“A pasada fin de semana Dublín acollía, un ano máis, o tradicional roteiro no que unha multitude percorre os escenarios da cidade onde transcorre a coñecida novela Ulises, de James Joyce. Aínda que no noso país o equivalente máis próximo é o roteiro literario de A Esmorga, que percorre Ourense tralos pasos da obra de Blanco-Amor, nos últimos temos están a se multiplicar as opcións para coñecer, paso a paso, os lugares onde transcorren obras literarias. (…)” Vía Cultura Galega.

Actividades sobre Valentín Paz Andrade

“Continúa a presentación de publicacións e novidades arredor da figura de Valentín Paz Andrade, homenaxeado nesta edición do Día das Letras. Máis de cen imaxes tiradas do álbum familiar de Valentín Paz Andrade compoñen a proposta que fai Ouvirmos arredor do autor na súa Fotobiografía. Textos de Miguel Anxo Seixas contextualizan este material e percorren a traxectoria do homenaxeado no día das letras. Xornais galegos como Faro de Vigo, La Voz de Galicia están a anunciar tamén as súas contribucións a esta homenaxe co lanzamento de diferentes publicacións sobre a vida e a obra deste persoeiro. Ao tempo, a empresa de alimentación Gadisa anunciou, que como vén facendo nos últimos anos, distribuirá dous millóns de bolsas con textos do homenaxeado na súa cadea de supermecardos. Canda a isto, agasallará aos seus establecementos 30.000 exemplares da novela de terro Formigas, de Tucho Calvo. Pola súa banda, a Consellaría de Cultura anunciou a celebración de concertos na rúa en diferentes localidades galegas. Os grupos Xardín Desordenado e Tender a Man interpretarán os versos deste autor nunha iniciativa que comeza hoxe en Vigo. Nestes días a CRTVG está a emitir os primeiros capítulos das Pílulas poéticas, unha serie de videopoemas sobre textos do homenaxeado.” Vía Cultura Galega.

Letras de fantasía

“Hai agora dez anos publicábanse na nosa lingua os tres volumes de O Señor dos Aneis, obra por antonomasia da literatura fantástica. Desde entón, este xénero foi incrementando a nosa presenza na nosa literatura, sexa mediante traducións ou con autores do propio país. A celebración dos primeiros encontros de autores do xénero amosa en qué xeito está a cristalizar a fantasía nas nosas letras. (…)” Vía Cultura Galega.

A punta de lanza electrónica

Desde Cultura Galega:
“O ámbito educativo é o sector predominante na edición de libros electrónicos en Galicia, tanto na investigación universitaria como nos materiais didácticos para profesores e alumnos de secundaria. Así o revela unha análise dos libros electrónicos dos formatos máis populares con ISBN de 2011. Malia ser a Universidade de Santiago a editora con maior número de libros electrónicos, o emprendemento privado é por agora clave no sector. A finais de marzo o Ministerio de Cultura fixo públicos os datos do informe Situación actual y perspectivas del libro digital en España II, nos que se indicaba que o pasado ano publicáronse en Galicia 470 libros electrónicos, un 13,4% do total da produción editorial galega. En culturagalega.org fixemos unha análise das categorías máis populares de publicación electrónica (CD-Rom, DVD, ebook en diferentes formatos, pdf) na base de datos do ISBN para coñecer como se configura a oferta en galego para o libro electrónico. (…)”.

A edición galega medra en títulos e diminúe en tiraxes

“A crise fíxose notar no mundo editorial en 2011, segundo os datos que publicaba onte o Instituto Nacional de Estatísica. Mentres a nivel estatal a edición se reduciu de xeito histórico, cun 24% menos exemplares, en Galicia deuse un descenso do 14% na mesma magnitude. Fonte a isto, o número de títulos, entre libros e folletos que se editaron na nosa comunidade, mendrou un 3,2% a respecto de 2010, chegando ás 2.866 obras. Destas, 2.371 foron libros, o que supón un descenso neto fronte aos 2.788 de 2010, polo que o incremento conxunto dos datos correspóndese a unha maior edición de folletos. Desde 2008 verifícase, segundo estes datos, un descenso continuo nos libros editados en Galicia.” Vía Cultura Galega.