O Congreso da Real Academia Galega repasou todas as facetas de Valentín Paz Andrade

“O traballo como empresario, a visión sobre a lingua, ou o interese pola proxección exterior foron algúns dos múltiplos aspectos que se trataron no Congreso sobre Valentín Paz Andrade que organizou a Real Academia Galega os pasados xoves e venres. A institución publica agora no seu web un resumo das intervencións deste evento, no que destacados investigadores abordaron as múltiplas facetas deste empresario e pensador, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012. Deste xeito, por exemplo, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, destacou na conferencia inaugural do encontro como eixes fundamentais de Paz Andrade a súa aportación á política galeguista, a súa condición de intérprete de Galicia e a súa intención de proxectar a Galicia no mundo. Entre as novidades que deixou o encontro está o anuncio da publicación en 2013 dos Diarios de viaxe do galeguista. A editorial Alvarellos será a encargada de dar ao prelo estes 30 textos inéditos, escritos entre 1954 e 1955 durante os percursos por América de Paz Andrade como técnico da FAO. O material foi descuberto por Emilia García, historiadora encargada da dixitalización dos fondos do autor no Consello da Cultura.” Desde Cultura Galega.

As voces dos 90

“Os anos noventa lémbranse aínda hoxe como unha década de especial vitalidade poética. Para alén das edicións de libros, a poesía podía atoparse en follas volandeiras recitais en bares. Agora, Poesiagalega.org rescata do arquivo persoal de Rafa Villar un bo feixe de gravacións dunha serie de lecturas que se desenvolveron entre 1997 e 2000 nos pubs Tarasca e Pepa a Loba, en Santiago de Compostela. Un total de vinte e sete recitados que están agora dispoñibles para escoitar libremente na rede.” Desde Cultura Galega.

Gustavo Pernas gaña o Premio Álvaro Cunqueiro e Raúl Dans o Barriga Verde

“6.000 euros en metálico e a “posibilidade” de que as obras sexan públicadas constitúen a dotación dos Premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais que concede a Consellaría de Cultura e Educación. E esa “posibilidade” depende “da decisión do futuro director de Agadic” explicou Manuel Guede, director do CDG e representante do conselleiro de Cultura en funcións. Díxoo na mesa na que se deu a coñecer os gañadores dos diferentes premios de escrita dramática concedidos por esa entidade: Gustavo Pernas faise co Álvaro Cunqueiro e Raúl Dans co Barriga Verde. Os premios Manuel María quedaron desertos.
“Benvido ao club dos Álvaro Cunqueiro” espetoulle Manuel Guede, que tamén recibiu este premio hai seis anos, a Gustavo Pernas (Viveiro, 1959). A súa obra Isobaras foi valorada polo xurado presidido por Manuel Vieites polo “interese da súa aposta formal, que foxe dos convencionalismos”. O autor, presente na comunicación pública dos gañadores, destacou a importancia deste premio “por ser un estímulo para a resistencia e porque nos dá a sensación de visibilidade”. Isobaras pretende, en palabras do seu autor “ser un mapa a e un retrato do noso tempo, elaborado a partir de oito personaxes baixo unha presión atmosférica, que transcorrren nun tempo de crise e que reflicte unha sociedade que está ao límite”.
O X Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de rapaces foi para Raúl Dans (A Coruña, 1964) coa obra Un mosquito de nome Henry. O dramaturgo non estivo presente no acto por cuestións de traballo, pero deixou constancia do seu agradecemento por escrito e explicou que elaborou unha obra “con final feliz e con amor correspondido” que se alonxa un pouco da súa liña de traballo habitual, de teatro de adultos que falan de sentimentos de fracaso aínda que con optimismo.
A sétima edición do premios Manuel María de literatura dramática infantil así como a modalidade de textos para adulto do Barriga Verde quedou deserto.” Desde Cultura Galega.

Basilio Losada leva o XXXV Premio Otero Pedrayo

“O tradutor e primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona, Basilio Losada, é o galardoado co Premio Otero Pedrayo na súa XXXV edición. O premio, que entrega a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións, pretende perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo e está dotado con 30.050,60 euros. O xurado, composto por representantes das entidades convocantes, as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Real Academia Galega e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, emitiu onte o seu fallo.” Desde Cultura Galega.

Compostela verá unha acción de poesía mural

“Encher as paredes de Compostela de carteis con poemas. Esta é, basicamente, a proposta de A Compostelana, un proxecto de poesía mural que comezou este martes na Cidade do Apóstolo e que se vertebra con outras iniciativas deste tipo en Madrid, Bos Aires e París. A proposta nace da man de Picaversos, iniciativa de Branca Novoneyra e Olalla Cociña que desde hai algo máis dun ano está a levar recitais ao pub Modus Vivendi de Compostela. Un texto de Estevo Creus e outro de Lupe Gómez serán os primeiros que se poderán ler nas rúas da cidade.” Desde Cultura Galega.

As librarías que veñen

“Chegan novos tempos para as librarías. A crise propia do sector, que se suma á fonda recesión económica, está a obrigar a buscar novas vías de negocio ou ben a fechar. Malia ao sombrío panorama, nos últimos anos continúan a abrir novos establecementos, que apostan ademais por xeitos diferentes de enfrontar a relación co libro e co lector. Falamos con algúns deles. É ben sabido que o sector libreiro pasa por unha fonda e prolongada crise. A diminución de vendas está a provocar a desaparición de establecementos de referencia, como é o caso da libraría Michelena en Pontevedra ou a Colón na Coruña. Canda a isto, son moitos os que teñen problemas para sobrevivir, como denuncia periodicamente a Federación de Libreiros. Recentemente, o Simposio O Libro e a Lectura da Asociación de Editores reflexionaba sobre esta problemática, apuntando posibles propostas para renovar o sector. No medio desta desacougante situación continúan a xurdir novas iniciativas que se suman aos centros de venda de libros do noso país. (…)”. Desde Cultura Galega.

Marcos Abalde gaña o premio Marqués de Bradomín por Xudite

“Unha obra lírica sobre a maternidade, a medicalización do parto ou o sexo como ferramenta de poder. Todos estes temas se dan en Xudite, a ora co que o dramaturgo galego Marcos Abalde (Vigo, 1982) acaba de obter o premio Marqués de Bradomín 2012 de textos dramáticos que outorga o Instituto da Xuventude, Injuve. A súa foi seleccionada entre 52 obras e, ademais de ser o a primeira vez que este galardón recae nun autor galego, faino cun texto na nosa lingua.
Marcos Abalde continúa neste xeito a súa traxectoria como autor dramático. Malia ser moi novo, en 2011 fíxose co premio Álvaro Cunqueiro cun texto poético situado nun contexto bélico titulado A cegueira e neste ano foi finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega con Canibalismo.” Desde Cultura Galega.

Quiosco: Grial 195

“Chega aos quioscos a entrega 195 de Grial. A revista de Galaxia centra boa parte dos seus contidos en Diálogos O2, encontro no que antigos bolseiros da Fundación Barrié reflexionaron sobre a ordenación do territorio no noso país e o proceso global de urbanización acelerada. Canda a isto, a publicación aborda temas como a relación de Celso Emilio Ferreiro coa censura, recuperando un conto inédito do autor, ou o Conto galego de Rosalía de Castro, entre outras cuestións.” Desde Cultura Galega.

O Consello de Europa critica a redución do galego no ensino

“Galicia está a incumprir a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, promovida polo Consello de Europa e á que o noso está adscrita. O comité de seguimento deste convenio expresou nun informe que se facía público a semana pasada a preocupación “pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoios” que se está a dar no noso país. Ao tempo, reclamoulle ao goberno da Xunta que implante un número suficiente de escolas “que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego” de xeito que se garanta o dereito dos pais a que os seus fillos teñan unha educación na nosa lingua.
Este comité denunciou tamén a falta de información fornecida pola Xunta sobre a situación da lingua e a escasa presenza do galego nos medios de comunicación.” Desde Cultura Galega.

Dieste por correspondencia

Aínda que está recoñecido como un dos autores sobranceiros das nosas letras, especialmente no campo do teatro e do conto, Rafael Dieste foi tamén un agudo pensador e desenvolveu un destacado traballo de dinamización cultural. A pasada semana, a xornada María Zambrano-Rafael Dieste: o legado de dúas figuras insubornables afondaba nas perspectivas menos coñecidas deste autor a partir da súa relación epistolar coa coñecida filósofa. (…)
Para alén do pensamento, as cartas permiten coñecer, como non, visións máis íntimas do personaxe. (…) Axeitos di que nestes textos “poden atoparse moitas anécdotas. Alguna exemplifica como el era, por exemplo que el sempre quixo ter un piano na casa e practicar, aínda que moitas veces tiveron que o vender por problemas económicos. El fala do piano nas cartas como dunha persoas, das súas características. No entanto, nas cartas da súa muller é onde atopamos as referencias ao prezo do instrumento”. En xeral, para o arquiveiro da RAG, esta cartas “Danlle unha dimensión importantísima ao autor, e o epistolario no seu conxunto é un tremendo espazo de dignidade”.” Desde Cultura Galega.