Inscrición aquí.
Arquivos da etiqueta: Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística
Carballo: Curso de verán Traballando en lingua: (Re)pensando o discurso, do 20 ao 22 de xullo
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e mais coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), convocan a sétima edición do curso de verán Traballando en lingua que este ano ten como eixo temático o de (Re)pensando o discurso.
As liñas temáticas son as seguintes:
– Reflexionar sobre a incidencia do(s) discurso(s) lingüístico(s) na situación social da lingua.
– Analizar os argumentos a respecto da diversidade lingüística.
– Revisar termos e conceptos sociolingüísticos en transformación.
– Avaliar as ideas forza e os conceptos chave do discurso normalizador sobre o galego, así como a súa actualidade e/ou necesidade de reformulación.
– Presentar propostas de actuación que permitan intervir no imaxinario social sobre a lingua.
Realizarase no Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan, s/n.) entre o mércores 20 e o venres 22 de xullo. Hai un total de 70 prazas, e a matrícula pódese formalizar aquí, cos seguintes prezos: 30 euros comunidade universitaria, persoas desempregadas e socios/as da CTNL (colectivo especial de matrícula no Xescampus); 50 euros xeral.
O programa é o seguinte:
* Mércores 20 de xullo:
– 11:00 h. (Re)pensando o discurso: propostas integradoras para a normalización lingüística. J. M.ª SÁNCHEZ CARRIÓN.
– 13:00 h. A dignificación das palabras que nos pertencen. O caso da normalización. PILAR GARCÍA NEGRO
– 16:30 h. Impoñemos galego ou queremos galego? Breve panorámica verbo dos marcos e discursos (erróneos?) sobre a lingua galega. IVÁN MÉNDEZ LÓPEZ.
– 18:30 h. Grupos de traballo: Reconstruíndo os discursos sobre a lingua. Coordinados por Olga Patiño Abeixón e Dores Sánchez Alegre.
* Xoves 21 de xullo:
– 10:30 h. Para a hegemonia social do galego: discursos, prácticas e políticas lingüísticas. CELSO ÁLVAREZ CÁCCAMO.
– 12:30 h. Grupos de traballo: Reconstruíndo os discursos sobre a lingua. Coordinados por Rosa Moreiras Cuñarro e Nuria Seoane Bouzas.
– 17:00 h. Marcos ideolóxicos, estrutura social e lingua na sociedade galega actual. FERMÍN BOUZA ÁLVAREZ.
– 19:00 h. Obradoiros simultáneos:
+ Obradoiro de espazo lingüístico persoal. GEMMA SANGINÉS.
+ O português simples (OPS!): socializando a estratégia luso-brasileira para o galego. VALENTIM R. FAGIM.
– 21:00 h. Pelos na lingua. Representación teatral de TALÍA TEATRO.
* Venres 22 de xullo:
– 10:00 h. Obradoiros simultáneos:
+ Obradoiro de espazo lingüístico persoal. GEMMA SANGINÉS.
+ Prexuízos lingüísticos: estratexias de combate. MANUEL NÚÑEZ SINGALA.
– 12:00 h. Lectura e debate das conclusións xerais.
– 13:00 h. Unha guía de estilo para a política lingüística. É posíbel?. NEL VIDAL BARRAL.
Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística
Desde hoxe 1 de xuño está aberto o prazo de preinscrición no V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística Traballando en Lingua que este ano leva por subtítulo Do compromiso individual aos argumentos. O curso, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo e mais coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, terá lugar os días 15, 16 e 17 de xullo e está dirixido a aquelas persoas interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega, nomeadamente, aquelas que traballen nestes ámbitos (técnicos/as de normalización lingüística, técnicos/as de cultura, docentes…). Entre outras, abordaranse as seguintes liñas temáticas: reflexionar sobre a realidade da lingua galega na universidade; introducir casos prácticos de compromiso individual co idioma; escoitar as razóns para o mantemento lingüístico e para as mudanzas de idioma no caso galego; avaliar as posibilidades de éxito das políticas lingüísticas institucionais; ofrecer argumentos a prol do uso da(s) lingua(s), e recoñecer o pasado inmediato como un espazo para confluír na modificación das actitudes. Máis información, na páxina web do curso