“O venres 27 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa XXXIV edición, e no que se lle concedeu o primeiro premio a Lupe Gómez Arto polo seu poema Coplas a Lola.
O Xurado desta XXXIV edición do Certame, en reunión telemática, e composto por:
Presidenta: dona Rexina Vega, Vicepresidenta: dona Anxos Sumai, Vogal 1º: don Armando Requeixo Cuba, Vogal 2º: dona Cristina Corral, Vogal 3º: don Domingo Tabuyo, Vogal 4º: don Amauta Castro. E actuando como Secretario, Xulio Couxil Vázquez; despois das deliberacións oportunas, acordan conceder Premios aos seguintes Poemas:
1º Premio.- Poema nº: 15 : 2º Premio.- Poema nº: 68 : 3º Premio.- Poema nº: 20.
Abertas as plicas correspondentes comprobamos que os gañadores son:
1º Premio – Coplas a Lola. De Lupe Gómez Arto.
2º Premio – O Perigo de estar exhaustos. De Marcus Daniel Cabada Candal.
3º Premio – Dakota: Memoria lírica da emigración. De María Álvarez Martínez (Masha Rakolnikova).
O Xurado fai unha mención especial, ACCÉSIT para o nº 25: O Matrimonio é unha nasa. De Francisco Javier Fernández Dávila.
Notas que acompañan as decisión dos Premios:
Coplas a Lola, de Lupe Gómez, é un poemario de estrutura precisa no que, a través de coplas, poemas narrativos e versos curtos coa luminosidade conceptual dos Haiku, a autora nos mergulla na memoria comunal aldeá, nucleada ao redor da “avoa?” morta. A vivencia da paisaxe, a conciencia de clase e de xénero, a melancolía e a forza da lembranza celébranse a través de poderosísimas e inéditas imaxes.
En O Perigo de estar exhaustos, Marcus Daniel Cabada, achéganos á unha reflexión sobre a sensación de esgotamento que conecta extraordinariamente coa vivencia da sociedade actual. Salienta o notable traballo formal e a fondura coa que o autor abre interrogantes de carácter existencial.
María Alvarez Martínez ofrece na súa Memoria lírica da emigración un achegamento fresco e sorprendente á vivencia dos lugares de emigración, mesturando referencias á Galicia natal e ás paisaxes norteamericanas.
O Matrimonio é unha nasa, de Francisco Javier Fernández Dávila, é unha proposta irreverente, que, fuxindo abertamente da linguaxe literaria, consegue mediante poemas mínimos provocar un alude de imaxes que producen no lector sorpresa e riso irónico.
Con este acto a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, pecha as actividades que este ano tiña previsto facer ao longo do ano, mais o virus que este ano 2020 efectuou a todo o Mundo, fixo que a grande maioría de actos tiveramos que suspendelos ou algúns que se fixeron reducilos á mínima participación e de forma telemática.
Ademais, este ano a entidade celebra o 40 aniversario e tiñamos preparado un programa moi ambicioso, con 2 orquestras, un grupo de rock, 2 de música Folk e unha banda de gaitas; todos viñan de Galicia. Como actividade complementaria e o pasado dia 10 de xuño tiñamos previsto inaugurar a Exposición “As portas de Lugo” no Castelo de Cornellá, entre outros moitos, e tívose que suspender todo, como tamén suspenderon a Festa Maior de Cornellá.
Antonio Díaz
Viladecans, 28 de novembro de 2020″