Entrevista de Patricia Villarino a Manuel Miragaia en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vén de presentar o libro A terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturias (Medulia Editorial, 2024). Faltaba unha análise fonda desta cuestión?
– Manuel Miragaia (MM): A temática dá a sensación de que estivo oculta porque non existe ningún libro publicado no que se fale en profundidade sobre a comarca do Eo-Navia, defenda a variante do galego que se fala alí e a cultura propia e singular que hai na zona. Desde as institucións do Principado tentan dalgún modo uniformizar e acabar con esta cultura. Non se trata de entrar no tema político ou administrativo, só recoñecer unha realidade e ser solidarios con ela.
– ND: Falamos do occidente de Asturias, cal é a realidade?
– MM: No occidente de Asturias fálase galego, así está recoñecido por moitos filólogos e filólogas que estudaron a cuestión. Xente como Dámaso Alonso ou Menéndez Pidal, moitos lingüistas de todo o Estado español estudaron este fenómeno e todos determinaron que é unha variante do galego. As autoridades do Principado queren chamarlle eonaviego para non identificalo co galego, para afastalo do galego e da cultura galega. Ese é ultimamente o obxectivo do Goberno de Asturias. Intervén a política asturianista e un tanto españolista para afastalos da Galiza a nivel cultural e lingüístico.
– ND: E que pensa a xente do Eo-Navia desta cuestión?
– MM: No Eo-Navia hai xente que loita pola súa fala. Saben que desde o centro de Asturias tentan deturpar o galego e asocialo ao asturiano ou bable. Agora que hai proxectos para oficializar o asturiano, o que queren é que tamén se faga o mesmo nesta zona co galego de Asturias, que sexa oficial. Na zona occidental nunca se falou asturiano. A súa lingua é galego, o xeito de falar, a pronuncia é galega, esta zona pertenceu ao convento lucense, na antiga Gallaecia romana, o resto de Asturias era do convento asturiacense. Hai séculos dunha cultura que ten reflexo tamén en cuestións como a gastronomía. O caldo cómese no Eo-Navia, a partir do Navia cara ao centro de Asturias desaparece o caldo como prato. Os cabazos tipo de Mondoñedo e Ribadeo danse no Eo-Navia, no resto de Asturias non hai. (…)”