No marco da VII Xornada da Sección de Literatura Dramática. Os retos das artes escénicas en tempos difíciles, organizada pola Sección de Literatura Dramática da AELG, co apoio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a complicidade do Centro Cultural Português Camões de Vigo, tivo lugar o V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, que intentou servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, estivesen a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Nesta quinta edición do festival acolléronse 7 proxectos (galegos e portugueses), que foron amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no V Festival, Afonso Becerra de Becerreá, por parte da AELG, xunto a Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, directora do Centro Cultural Português Camões de Vigo, premiaron un proxecto coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña. A peza escollida foi O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir (David R. Alonso e María de las Llanderas). Ao tempo, manifestaron a súa alta valoración de todas as propostas chegadas, tanto galegas como portuguesas.