Entrevista de Montse Dopico a Delmiro Rocha en Praza:
“Afirmar a democracia é afirmar o que virá. Mais iso non ten que levarnos á mera espera pesimista. Porque supón apertura radical cara ao outro, cara á alteridade que vén e que xa comeza a estar. Non é, así, aferrarse á utopía. Senón facer no aquí e no agora o que parecía imposible. Neste sentido móvense as reflexións do ensaísta e profesor Delmiro Rocha no seu libro Quizais. Filosofía ético-política do porvir, (Euseino?). Unha deconstrución da democracia desde o pensamento de Derrida.
– Montse Dopico: Tes publicados outros dous libros sobre Derrida. Quizais xorde como traballo académico. En que contexto? Cal era o seu obxectivo?
– Delmiro Rocha: O contexto académico é o marco obxectivo dos tres libros. Non obstante, diferéncianse en temáticas, distribución, nivel de afondamento e linguas. A estratexia, ou polo menos a intención estratéxica, consiste en ter un pé dentro da institución e outro fóra. Traballar á marxe. Quizais redáctase integramente no contexto dun doutorado para a obtención do Diploma de Estudos Avanzados, polo menos na súa primeira versión, a cal non dista gravemente da publicada.
O obxectivo consistía en investigar o proceso de substantivación do adverbio “quizais” no tramo de pensamento que discorre de Nietzsche a Derrida coa intención de desvelar como determinaba o pensamento ético-político de Derrida. Como adoita acontecer nestes casos, máis que chegar a unha conclusión definitiva abriuse para min unha forma de ler a Derrida que non se detiña nos terreos máis ou menos delimitados do ético-político senón que se estendía á obra enteira do filósofo e as súas inmediacións. Ao final, pasaron xa uns anos, converteuse nun xeito de ler a filosofía, por suposto, pero tamén a literatura, un filme, os medios de comunicación, a mirada, en definitiva, do outro que nos observa e nos fiscaliza. (…)”
Arquivos da etiqueta: Delmiro Rochá
Radiocrítica do 23-06-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 23 de xuño en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva sobre A voz do vento, de Pemón Bouzas (I, 00:31); Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro, en edición de María Camiño Noia Campos (II, 00:11); Quizais, de Delmiro Rocha (II, 4:30) e mais Pitusa Semifusa, de Olga Brañas (III, 00:33), con coda musical por remate.”
A Coruña: Ciclo Escrita(s), en Sargadelos
A Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, retoma o Ciclo Escrita(s), que baixo o título Alteridades dun secreto a voces, recolle a experiencia que coa(s) escrita(s) manteñen varios autores, tratando de atravesar a partir das diferentes liñas de universo dos/das conferenciantes/conferenciantas a proliferación das inscricións que fan con nós comunidade. O programa destas charlas, todas elas ás 20:00 horas, é o seguinte -pódese descargar tamén aquí: Sargadelos 2012 Escrita(s)-:
– Sábado 21 de abril: Óscar Rodriguez de Dios, Telegrafías. Tentativas para tropezar con outros.
– Xoves 26 de abril: Abraham Rubín, Deconstrución e outro. unha fantoloxía do acontecemento.
– Venres 4 de maio: Beatriz Blanco, Restos da(s) lingua(s): a escrita como síntoma.
– Venres 11 de maio: Ramiro Ledo, Reciclar a carraxe.
– Venres 25 de maio: Clara Gayo, Sempre que penso no medo, me ataca o amor.
– Venres 8 de xuño: Marta Pérez Pereiro, Errantes e místicas. Andar sen rumbo no cinema contemporáneo.
– Venres 15 de xuño: Miguel Mosqueira, A xentileza da desesperación.
– Venres 22 de xuño: Delmiro Rochá, A escritura poética ou a douta ignorancia.