Xesús Constela: “Para escribir esta novela cheguei a entrar en arquivos de cárceres norteamericanas grazas a internet”

Entrevista a Xesús Constela en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Agardaba o que está a suceder con 15.724?
– Xesús Constela (XC): Estou abraiado e agradecido. Escribir é moi solitario e nunca sabes o que vai pasar. Es como un artista de circo que ensaia o seu número pero non sabe se vai funcionar. Estou contento coa reacción crítica, aínda que eu escriba para os lectores, e por suposto para estar contento conmigo mesmo. (…)
– DF: Contou o que quería contar en 15.724?
– XC: Completamente, aínda que non me resultara fácil. Pero a reacción da crítica e da xente está sendo espectacular. Tardo varios anos en escribir unha novela, ou un libro de relatos, sempre tratando de que o resultado teña o listón alto, cun mínimo de calidade incluso lendo en voz alta o resultado do texto.
– DF: Que sucedeu desde que en 2003 gañou o Premio Torrente Ballester con As humanas proporcións?
– MC: Pois que entrei nun mundo que non coñecía e onde os meus textos, Libro das Alquimias, Shakespeare destilado ou este mesmo sempre foron tratados moi ben, aínda sendo de rexistros moi diferentes. Que será o próximo? Xa traballo nun libro de relatos, unha volta ás orixes. Gústame a inmediatez dos contos.”

Antón Cortizas: “Ós nenos gústalles a poesía, entenden as metáforas e os ritmos”

Entrevista con Antón Cortizas en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“- Diario de Ferrol (DF): Vaia tropa!, é un proxecto recente?
– Antón Cortizas (AC): Este libro leva feito dez ou once anos pero non sei que fado ocorreu que quedou así, sen editar, foi un traspapeleo destes que se dá. Ultimamente, pegueille un repaso. (…)
– DF: Hai déficit de poesía para os nenos?
– AC: O déficit vén dado polo que se edita e polo que non se edita, nada máis. O que sobra é poesía, e teatro e narrativa. Se hai oportunidade de editar e a xente le, a capacidade creativa de calquera lugar do mundo desenvólvese. Foi o que nos pasou a nós. En canto á lingua, tenta lograr o estatus que merece e que lle corresponde por natureza, empeza a desenvolverse a literatura e outras cousas máis. A lingua é unha riqueza que non podemos negar ninguén, crea postos de traballo, permite exportar os autores, tradúcense os libros.., en tódolos aspectos é unha riqueza a nosa lingua, é unha pena que a xente non o comprenda así e a destrúa. Pero, como dicía, se hai a oportunidade de editar a xente escribe. En poesía, o problema é que se vende menos, non sei cal é a razón pero a xente le máis narrativa. Ó ser máis difícil editar, pois hai menos. Co teatro pasa outro tanto, aínda hai menos. Pero cando hai concursos literarios de teatro preséntase xente. 0 que pasa é que logo, ó mellor, dese certame edítase unha obra, dúas ou ningunha. Ó mellor é iso da oferta e da demanda.
– DF: Porén, a poesía semella moi axeitada para lerlles ós henos ou para que canten e lean contigo.
– AC: Ós nenos gústalles a poesía, e son moi capaces de comprender as metáforas e os ritmos. A poesía é ritmo sobre todo e iso entra moi ben para a lectura, a lectura con ritmo é preciosa. (…)”.

Lorena Souto: “O poemario trata de superar os estereotipos patriarcais”

Entrevista a Lorena Souto, recente gañadora do XXIV Premio Pérez Parallé en Diario de Ferrol:
“- Diario de Ferrol (DF): Cal é a súa sensación despois de gañar o Pérez Parallé?
– Lorena Souto (LS): Foi unha ilusión tremenda, porque é a primeira vez que me dan un premio sen contar as redaccións escolares. Enviara o texto e xa non o tiña moi en mente, nin me lembraba que a pasada fin de semana decidíase. É unha gran satisfacción.
– DF: Por que se presentou ao certame de Fene?
– LS: Para poetas que non temos publicado nada é un concurso que ten moito prestixio. Estase convertendo nunha plataforma da que están a saír xente como Xiana Arias ou Mario Regueira e outros que van facendo camiño. A posibilidade de publicar nun selo do enorme prestixio de Espiral Maior tamén axuda moito.
– DF: Qué é o seu poemario premiado, Fase de trema?
– LS: É unha evolución da percepción da realidade contra os estereotipos do patriarcado desde unha perspectiva feminina no que o eu acaba abrazando un ton máis colectivo e múltiple.
– DF: É un poemario feminista?
– LS: Coido que non é tanto iso como unha voz contra os estereotipos de xénero do patriarcado. Os homes tamén poden sentirse identificados. É un berro de alerta contra os individuos sometidos.
– DF: Pero coincidirá en que a voz feminina dentro da poesía cada vez se escoita máis.
– LS: Si, pero tamén o fan as arquitectas en arquitectura ou outras profesionais. Cada vez máis mulleres escriben e resulta normal que acaben publicando e gañando premios. En xeral estamos a ver novas voces, máis distintas e plurais.
– DF: Unha renovación da lírica, pois?
– LS: Pero por parte dos dous sexos, non só das mulleres. Hai novas voces e unha apertura á pluralidade en temáticas e estilos.
– DF: Que fixo ata chegar aquí?
– LS: Son licenciada en Filoloxía Galega e fixen estudos de doutoramento de teoría da literatura e literatura comparada. Estiven investigando temas de léxico cunha bolsa da universidade e formo parte do consello de redacción da revista Dorna.”

Xabier P. DoCampo: “A lectura serve para aprender a poñerlle nome aos sentimentos”

Entrevista a Xabier P. DoCampo en Diario de Ferrol e Diario de Arousa, a través de Xerais:
“- Pregunta (P): Leva moitos anos escribindo literatura, sobre todo infantil e xuvenil. Como ve agora este xénero?
– Xabier P. DoCampo (XD): Daquela, anos 70 e 80, a literatura infantil e xuvenil (LIX) era unha necesidade educativa. Hoxe cambiou moito, non só polas mudanzas políticas, senón tamén polas que se produciron no eido industrial e comercial. Hoxendía existe xa un número alto de editoras publicando exclusivamente LIX en galego. Esta, e a literatura galega en xeral, desde os anos 70 para acó é unha literatura absolutamente incomparable. Non hai outra do noso entorno tan vizosa e de tanta calidade como a galega. Agora hai, loxicamente, moitos máis autores. Lembro unha vez oírlle a un persoeiro de gran relevancia na cultura galega dicir cun libro na man que unha literatura é adulta e está xa totalmente consolidada cando era capaz de ter libros tan malos coma ese que levaba. A calidade continúa e increméntase, pero na abundancia existen máis posibilidades de que se atope unha obra de menor calidade. É que houbo un momento en que todas as obras que se escribiron en Galicia de literatura infantil e xuvenil eran verdadeiramente sobranceiras. (…)
– P: O poder político está á altura das circunstancias?
– XD: Os responsables políticos sempre van arrastrados polas circunstancias. Sempre. Se algún di outra cousa é porque ten unha visión interesada do asunto. Eu non nego as circunstancias económicas, que son as que son, pero hai que ter en conta unha cousa: o sector do libro tiña que estar especialmente protexido, o sector da creación en xeral, desde o punto de vista económico, xa non digo desde o punto de vista de facer país. Se se escacharraron determinados sectores económicos, penso que aqueloutros que están fortes e van ben han de reforzarse e promocionarse. Claro, aquí aparece outra cousa: o sector da cultura galega está loxicamente ligado á lingua galega, e cando o que se quere é desterrar do corazón dos galegos a lingua galega, evidentemente aí cae arrastrado todo o sector da cultura. Non hai máis que ver como chegaron determinadas persoas facendo cantos a cousas estrañas como a literatura en castelán de escritores nacidos en Galicia.”