Pontevedra: presentación de Do idilio á diáspora, de Xosé Carlos López Bernárdez

O martes 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Oliva) de Pontevedra, preséntase o libro Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, de Xosé Carlos López Bernárdez, publicado en NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Abilleira e Fernando M. Vilanova.

Carlos L. Bernárdez: “A obra de Castelao foi básica na ruptura coa arte rexionalista”

Entrevista a Carlos L. Bernárdez en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O seu libro títulase Do idilio á diáspora. O da diáspora está claro, pero… a que se refire Vde. con “idilio”?
– Carlos López Bernárdez (CLB): Con “idilio” quero facer fincapé nun dos factores que definen as procuras da arte rexionalista nos primeiros anos do s. XX -en artistas como Soutomaior ou Sobrino-, creadores que traballan no contexto dunha Galiza en plena crise, cun activo movemento agrarista que loita contra o foro. Estes pintores responden a esta situación cunha arte que idealiza e enfeita o popular, evitando os trazos máis conflitivos e tensos. En certo senso, funcionan como sedantes ideolóxicos no canto de asumiren o conflito. Galiza nesta arte é un locus amoenus, cheo de festas e fermosas raparigas aldeás. Evítase calquera temática que poida presentar a modernidade, creando un país ideal e inmaculado.
– FdV: Por que elixiu concretamente as figuras de Castelao e Seoane como un a xeito de “principio e fin” deste percorrido artístico que leva a cabo?
– CLB: Porque Castelao supón un punto de inflexión fundamental, a ruptura con este modelo rexionalista; en concreto, desde a elaboración do album Nós (1916), no que insire a temática social desde unha perspectiva crítica. Seoane, punto final do traballo, conleva a reformulación, desde o exilio, do que fora o movemento renovador d’Os Novos (Maside, Torres, Souto, Colmeiro, Laxeiro…) -fundamental na evolución da nosa arte- desde perspectivas que dialogan coa modernidade internacional. Coido que con el se completa e supera todo un vieiro polo que camiñou a nosa arte durante décadas. (…)”.

Vigo: presentación de Do idilio á diáspora, de Xosé Carlos López Bernárdez

O mércores 25 de abril, ás 20:00 horas, na Fundación Laxeiro (Rúa Policarpo Sanz, 15-3º) de Vigo, preséntase o libro Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, de Xosé Carlos López Bernárdez, publicado en NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participarán Javier Pérez Buján e Nieves Loperena.