Luís Álvarez Pousa: “Que un medio estea en galego non garante que ofreza calidade informativa, aínda que haxa boa intención”

Entrevista de David Reinero a Luís Álvarez Pousa en Praza:
“(…) – Praza (P): [No libro] Fala tamén do sistema mediático galego como unha loita constante entre a consolidación, grazas a iniciativas públicas ou privadas máis ou menos arriscadas, e o fracaso, co control político ou o afundimento económico desas mesmas iniciativas. Pero hai un lector galego? Por veces parece que algo que pasa aquí sexa máis importante cando o conta o New York Times ou El País que cando o contou antes un medio galego.
– Luís Álvarez Pousa (LAP): Iso obedece a que hai moitos anos de descrédito. Podemos partir de que o índice de lectores de prensa e libros no país nunca foi competitivo con outros países ou outras nacionalidades históricas españolas. Sempre foi un número pequeno de lectores, pero suficiente para alimentar a unha serie de empresas de carácter familiar que foron facilitando a comunicación dos pequenos acontecementos, das realidades de tipo local, comarcal, provincial, como para que a xente puidera, sobre todo na Transición, darlles un certo crédito e que esas empresas non necesitasen doutro tipo de ingresos que os tradicionais, a compra en quiosco e a publicidade. O dano foi que chega un momento en que hai un poder político establecido en Galicia no que as empresas chegan a un momento de resistencia, con intentos de penetración no tecido mediático galego de grupos de fóra. E nese momento a prensa galega de carácter tradicional e familiar vese con dificultades para confrontarse con esas novas iniciativas. Nese momento as empresas galegas endebédanse para subsistir nesa competencia tamén entre elas mesmas. Seguramente algunhas delas tiñan que acabar caendo, pero nese momento a Xunta, mesmo desde os seus primeiros anos, fai todo o posible porque non caian e todas se sintan beneficiadas polas súas axudas. Nunca o fixo con transparencia, que é o que estou criticando. E por outra parte os créditos bancarios tamén acabaron buscando a súa propia mordida dentro desas empresas. As caixas de aforros tiveron unha fortísima influencia sobre as informacións das seccións de economía de todos os medios de Galicia ata a súa desaparición. Foi lamentable porque a sociedade estivo á marxe do que se estaba xerando nesas entidades. Marcos Pérez, compañeiro teu en Praza Pública, que fixo a súa tese doutoral sobre a prensa na transición en Galicia, documentou moi ben ese período. Agora estamos nun momento distinto pero hai determinadas circunstancias que nos fan pensar que vivimos algo parecido pero cunhas dimensións moito maiores. Porque o grao de competitividade xa non é só entre medios similares, por exemplo entre a prensa escrita, senón que todo o que significa internet fai que o cuarto poder estea recaendo en mans doutras persoas, o problema é con que tipo de filtros.
– P: Fala no libro tamén de intentos de compra de medios galegos por capital foráneo. Vendo a evolución dalgúns, non seria mellor que fosen hoxe doutras empresas e non de quen foron ata agora? Un medio é mellor ou conta mellor Galicia por ser galego ou en galego?
– LAP: Non. Sempre que me formulaban en público ou nas clases na facultade se eu cría que os medios en galego eran unha necesidade, sempre dicía que si, pero eu enténdoos en primeiro lugar como unha alternativa de tipo informativo, e en segundo lugar, ademais, en galego. Que estea en galego un medio non garante que ofreza calidade informativa. Aínda que haxa boa intención. Eu mesmo son director dun medio en galego como é a revista Tempos Novos, levamos 26 anos no mercado, temos as mesmas dificultades agora que tiñamos ao comezo cando en 1997 a puxemos en marcha co apoio de 150 persoas. A sociedade galega debera entender isto. Comprometerte coa túa achega para facer que esas empresas que queren publicar en galego poidan ter capacidade operativa suficiente como para marcar axenda e competir, se non en cantidade si en calidade, con outras con control partidario e político. A clave está nesa cidadanía. Polo tanto, prensa en galego si, é necesaria, cada vez máis porque o galego precisa de medios de comunicación, que son os que garanten calquera tipo de proxecto político, cultural ou económico. Temos esa obriga de manter o galego nos medios, pero sempre e cando as empresas teñan o respaldo cidadán suficiente para poder darlle un corpo, para poder competir no mercado con aqueles que teñen moitos máis recursos en castelán. (…)”

Luís Lamela: “No franquismo, guerrilleiros de Ordes atacaron a Garda Civil de Vimianzo”

Entrevista a Luís Lamela en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Enfocar, poñer rostro, crear unha imaxe máis humana, e quizais máis equilibrada, da loita antifranquista: ese é o propósito desta obra. Que o levou a iniciar este proxecto?
– Luís Lamela (LL): Pois un dos primeiros libros que publiquei foi sobre a figura dos Foucellas, que a pesar de ser personaxes míticas, realmente non se sabía moito delas. Isto levoume, anos despois, a falar sobre os escapados, que foron os precursores dos guerrilleiros. Nese camiño, quixen saber máis deses homes, mortos na súa maior parte a mans dos seus perseguidores, e levei a cabo unha investigación que me levou moitos anos, pois a documentación non era accesible. Fun creando biografías dunha xente, completamente descoñecida, que formou o exército que durante anos despois da guerra loitou contra as forzas franquistas.
– LVG: Contar esas vidas, en biografías que van dende o 1936 ao 1965, é para vostede unha forma de facerlles xustiza?
– LL: Pois si, porque durante a súa loita a propaganda franquista calificábaos de bandoleiros, ladróns e delincuentes, cando sabían perfectamente que non eran máis que soldados da República. Irregular, si, pero un exército ao fin e ao cabo que loitaba para recuperar a democracia en España e reclamar a atención das nacións aliadas para que botasen abaixo a ditadura. Cantidade de xente morreu nesa loita.
– LVG: En que papel deixou a historia —digamos, hexemónica, coñecida— o papel desta loita guerrilleira e os seus integrantes? Que discurso imperou?
– LL: Desapareceron. Realmente a ditadura nunca recoñeceu esa loita. Cando había algún tipo de acción súa contra os franquistas esas noticias nunca saían nos medios, só se coñecían no seu radio de actuación. Para o sistema, eran delincuentes, e unha vez desapareceron, foi con todas as consecuencias.
– LVG: Fala no texto de que os guerrilleiros foron, «eternos perdedores». Eles creron posible un cambio, pero nunca chegou.
– LL: Nun primeiro momento escaparon ao monte para non ir á guerra, e por medo a que a represión se cebase con eles. Pensaban que serían dúas semanas ou un mes, pero tiveron que permanecer alí durante anos. Ao ver que non podían reintegrarse na sociedade foi cando se radicalizaron e organizaron para loitar contra os seus perseguidores. (…)”

Pontevedra: Culturgal 2023, actividades do 1 de decembro

Este é o programa do Culturgal 2023. As actividades do 1 de decembro son: