
Arquivos da etiqueta: Edicións Morgante
Compostela: presentación de Pusilánime, de Mario Caneiro
Presentación de Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega, de Manuel Gago, en Compostela
Presentación de Pusilánime, de Mario Caneiro, en Compostela
Palmeira, Ribeira: presentación de A saga do desarraigado, de Francisco A. Vidal Blanco
Presentación de A saga do desarraigado, de Francisco A. Vidal Blanco, en Palmeira (Ribeira)
Ferrol: presentación de Pusilánime, de Mario Caneiro
Presentación de Pusilánime, de Mario Caneiro, en Ferrol
Muros: presentación de As palabras de Morfeo, de Ramón Beltrán, o 2 de outubro
Calros Solla: “Vivo Vigo, debullándome nel en cada latexo; a Vigo fun acomodando o ritmo da miña respiración. Estou resentido, pero hai que reflexionar”
Entrevista de Angelo Nero a Calros Solla en Nueva Revolución:
“(…) – Nueva Revolución (NR): “Este libro de poemas de Calros Solla é unha homenaxe poliédrica a esta amada e odiada cidade nosa que tatexa, latexa e se desangra cada serán en cada esquina e que ao outro día xa está en pé para ir ao choio. Pero tamén é un berro reivindicativo, unha reflexión intelixente e, ás veces, unha gargallada agridoce na noite, que se burla de todo aquilo que nos deshumaniza e nos ridiculiza como pobo”, di o acaído limiar de Xosé-Henrique Costas, de herba de vigo. Canto hai de homenaxe e de reivindicación neste orixinal artefacto poético, e que foi o que te levou a fiar este feixe de versos que comezas co provocativo “Vigo sen vivir en min” dos Resentidos?
– Calros Solla (CS): O poemario herba de vigo é xaora unha homenaxe reivindicativa. Que o nome da cidade lle dea título ao libro é significativo: trabar o nexo sentimental coa urbe; unir a miña sorte co seu destino. Amais, a escolla para o título da composición “herba de vigo” pretende identificar o medio no que nestora son e transito, pasto e remoio coa metáfora do seo nutricio; herba forraxeira; que alimenta –como animal bípedo e racional que son– o meu corpo e a miña alma, a miña andaina instintiva e a miña reflexividade.
Vigo é a cidade na que resido dende hai oito anos. Acolleume –a min e a moitos– como terra de promisión, sen facer preguntas; no meu caso, cos estigmas do pontevedresismo e da cerdedanía: o ser vilego e aldeán. Eu, en pago, sen abxurar das miñas eivas e dos meus atributos –da miña equipaxe–, entregueime libre á impúdica contemplación dos seus encantos e das súas miserias. Froito desta introversión xurdiu unha restra de versos onde a cidade ora me arrouba, ora me perturba, aleda ou atristura. Alédame, poño por caso, que moitos vigueses da cerna (v.g.: Quique Costas, autor do limiar; Manuel Bragado, Ramón Nicolás, Antonio G. Teijeiro, Manuel Esteban…) se sentisen representados polo poemario e manifestasen a súa agarimosa adhesión. Benia a eles.
Vigo é unha cidade industrial malia o galopante e ás veces groseiro proceso terciarizador. Neste contexto aínda son quen de advertir que “sous les pavés, la plage!”. A cidade monstro medrou e, a cada medra, a cada braceo ou espernexo, foi chimpando do andel algúns dos seus sinais de identidade. Así e todo, as vacas da soberanía alimentaria seguen pacendo nos comareiros de Martínez Garrido. No libro teñen cabida o proceso desgaleguizador, a desmemoria, as inxustizas, os desmandos contra a natureza e o patrimonio, as desigualdades sociais, o retroceso nos dereitos laborais…; e tamén, a resistencia. Vivo Vigo, debullándome nel en cada latexo; a Vigo fun acomodando o ritmo da miña respiración. Estou resentido, pero hai que reflexionar.
– NR: Boa parte da túa obra, en especial a adicada a etnografía, máis tamén o teu universo poético, está enraizado na túa terra, Cerdedo. Agora fas unha afirmación de viguismo, aínda que sen renunciar ás túas orixes: “en vigo, / o fin xustifica os medios. / en cerdedo, / os medos xustifican a fin”. Pensas que os vigueses, no entanto a meirande parte temos as raíces fora, estamos dalgún xeito obrigados a abrazar ese viguismo para que non se note que todos somos forasteiros?
– CS: “Toda a terra é dos homes. Aquel que non veu nunca máis que a propia, a iñorancia o consome”, alentou Rosalía. Dito isto, sexamos vigueses “de toda a vida” ou uns recén chegados, debemos abrazar con forza o que de galeguismo oceánico ten ese “viguismo”, sen renunciarmos á enriquecedora singularidade de cadaquén; sublimémolo como sentimento de pertenza a un pobo, a unha nación, a unha cultura, a unha lingua…, que turra por facerse oír con voz propia nun planeta globalizado. Freemos o etnocidio; arrepoñámonos ao negacionismo con encanto e persuasión; sumemos afectos e sinerxías para evitar sentírmonos estranxeiros na nosa propia terra.
Tamén digo que cada un fala da feira segundo lle vai nela. Neste senso –refírome agora ao TAV–, é evidente que se Vigo acaba facendo bo trato, Cerdedo quedará a velas vir, como a vaca que mira pasar o tren. (…)”





