Xurxo Souto: “A visión do mundo de Luísa Villalta era punki e rupturista”

Entrevista de Jacobo Caruncho a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Somos un pobo de artistas. O título do seu libro é xa toda unha declaración de intencións.
– Xurxo Souto (XS): É un título manifesto, punki e rupturista. Hai toda esa tradición de tópicos escuros dicindo que eramos un pobo pusilánime e morriñoso e non, somos un pobo cargado de forza vital e de talento. Coma todos os pobos do mundo.
– LO: E Luísa tamén era así, punki e rupturista?
– XS: Era, era. Temos esa imaxe dela absolutamente plácida, porque por outra banda era unha rapaza elegante, era un sorriso, era unha presenza de amor. Pero a súa visión do mundo era punki e rupturista. Comezando coa propia idea que tiña da poesía. O que se entende pola poesía é só unha parte. A poesía é moito máis e sempre ten que estar relacionada coa música. E fronte a outros, ela buscaba sempre esa emoción.
– LO: Temos entón mal entendida a poesía galega?
– XS: A literatura galega está mal explicada. Ten moi boa letra, pero falta a música. Luísa Villalta no seu libro O outro lado da música, a poesía explica todo o estudo da literatura galega en clave musical. Ese libro saíu en 1999 e por desgracia pasou desapercibido. Agora, con todas estas pompas que está recibindo por todo o seu mérito, vexo que se acode moi pouco á visión de Luísa como teórica. En esencia, a música e a poesía son o mesmo. Cal é o primeiro monumento da literatura galega? As cantigas medievais. Como se poden explicar as cantigas sen música? Cal é o gran monumento do Rexurdimento? Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Non pode ser máis claro. (…)”

María Solar: “Vivimos nunha sociedade que non admite o diferente nin acepta outras verdades”

Entrevista de Laura Veiga a María Solar en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que quería facer un retelling de Carmilla?
– María Solar (MS): Hai moitísimo que quería escribir este libro. Cando lin Carmilla, fascinoume. Para min foi unha descuberta que a primeira novela do xénero vampírico estivese protagonizada por unha vampira. Drácula devorou a Carmilla, pero apareceu 25 anos despois. Carmilla realmente sentou as bases da novela vampírica. Ademais, a protagonista era unha rapaza adolescente que seducía outra rapaza, e isto escrito en 1872. Pareceume incríbel porque creo que pecamos moito de adanismo, de pensar que sempre estamos facendo o máis innovador cando de súpeto descobres que hai xente que xa nesa época creou todo un xénero novo e ademais desde esta perspectiva. Entón daquela ocorréraseme traer a novela á actualidade. Quería escribir unha novela vampírica, que collese a esencia de Carmilla, pero que o fixese con outras armas que temos hoxe en día na escrita e que resultan moito máis atractivas para os lectores da actualidade.
– ND: E ademais dirixida á adolescencia.
– MS: Claro. Eu pretendía manter algúns puntos esenciais da novela para que fose unha homenaxe. Con todo, a miña pregunta era que pasaría se hoxe sucedese isto? Aí entran situacións como a saúde mental. Se unha persoa ve mortos hoxe en día ou fai algo que se sae do normal, sen dúbida a nivel social vaise pensar que é unha persoa cun problema mental. Vivimos nunha sociedade que non admite o diferente, mais tampouco acepta que haxa outras verdades.
Na novela aparecen a amizade, o amor, o ser diferente, mais un dos conflitos fundamentais de Adeline é que os vampiros amosan a súa razón de ser e confróntana á dos humanos. Os humanos pensamos que a nosa sociedade e a nosa maneira de pensar é a boa e eles teñen a propia cos seus valores e a súa cultura. Persoalmente gústame xogar con esta idea do enfrontamento nas miñas novelas, incluso en Quokka Moka (Xerais), que é infantil. Gústame ver como se sente a persoa que le cando a pos diante da evidencia do diferente. (…)”