Entrevista de Marcos Pérez Pena a Marta Villar en Praza:
“(…) – Praza (P): E ti por que decidiches facer novela negra en Detective Ferruchi?
– Marta Villar (MV): Eu lía moitísima novela negra cando era nova. E sempre digo que me interesa sobre todo como instrumento, como unha estrutura que funciona, que engancha, e que ao tempo é unha caixa na que meter outras cousas. O xénero sempre me encantou. E máis que os crimes en si, o que me gusta é a investigación. Iso ten que ver moito, supoño, co xornalismo, con atopar datos, coas entrevistas, con seguir as pistas dun tema. A novela negra contribúe moito a lectura, é un xénero que engancha lectores, que crea lectores, e só por iso xa paga a pena. (…)
– P: En Ferruchi hai moitos temas, abofé, que son importantísimos en Galicia e máis aínda na Costa da Morte: a emigración, as traballadoras do téxtil nos anos 70 e 80, moitas historias que xa che veñen da casa ou do lugar onde te criaches. Historias e personaxes que son reais aínda que non o parezan e que lle dan á novela un punto de realismo máxico…
– MV: En Galicia non necesitamos realismo máxico porque creo que todos levamos dentro estas historias. Eu son do rural, dunha aldeíña de 12 casas na que hai un monte de historias, de cousas peculiares que non se ven noutro sitio: a solidariedade entre veciños, as xenreiras pequenas, personaxes moi curiosos e tamén moi fortes, sobre todo as mulleres.
A min eses temas interesábanme moitísimo. Escríbese moito sobre a emigración galega, pero non está todo contado. Arturo Lezcano sacou agora O País Invisible, que é un libro fantástico, no que hai moitísimas historias. A min interesábame esa situación que viviron moitas familias, nas que os nenos foron criados aquí polos avós mentres os país estaban emigrados en Europa. Unha situación que era un drama a tres partes, con fillos que non chegaron a crear un vínculo afectivo cos pais cando estes retornaron e con avós aos que ao final lles acabaron por levar da casa uns nenos que criaron como fillos. (…)
– P: Colles tamén ideas da cousas que les na prensa? De historias, de procedementos policiais…?
– MV: Eu son unha gran lectora de prensa, é unha cousa que manteño. E si que boto man da prensa para documentarme sobre un tema, máis que para coller algunha historia. Aínda que nesta última novela si que incorporei unha cousa que lin no xornal, que pasou na zona de Carballo: un policía detivo a un home que pasou conducindo por riba dunha rotonda; por suposto deu positivo, pero a explicación que deu foi marabillosa: “cando pasei por alí, a rotonda non estaba”.
Ese humor é fantástico, esa resposta nunca a podería inventar nunha novela. Os galegos temos unha forma de dicir e de contar moi especiada, temos que valorarnos moitísimo máis. Eu creo que todos os galegos e galegas temos unha novela enriba. (…)”
























