Entrevista de Montse Dopico a Begoña Paz en Praza:
“A paixón. A febre. A intuición do monstro, da besta. O sometemento, o abuso. As entregas aprendidas,. A negación do eu. Do nós. A admisión da ferida. A bostela. A pel renovada, endurecida. A liberación. Soas, enteiras e máis sabias. É o proceso que Begoña Paz describe en em>Caixa das bestas (Baile del Sol), o seu segundo poemario, publicado en edición bilingüe. Falamos con ela.
– Praza (P): Caixa das bestas foi publicado nunha edición bilingüe en galego e español pola editora Baile del Sol. Antes publicaras os teus libros en galego en editoras galegas. Pasou algo para que non saíse aquí antes?
– Begoña Paz (BP): Pasou que o enviei a unha ducia de premios de poesía -o xeito máis doado de publicar poesía en Galicia- e a varias editoras galegas. Que a obra non gañou premio ningún e que as editoras ou non contestaron ou fixérono dicindo que non encaixaba nas súas coleccións, que tiñan comprometida a edición de poesía para varios anos ou que era un libro caro de editar. O libro -que xa ten uns anos- traducino moito despois para que o puidese ler BK, a miña irmá malagueña. O seu primeiro comentario sobre o libro foi unha maldición marabillosa que me devolveu a fe.
Foi ela a que me animou a enviarllo a Baile del Sol, unha editora canaria que xa publicara poemas meus -tamén en bilingüe- nunha antoloxía de poesía, 23 Pandoras. Envieille o pdf ao editor un venres e o luns tiña o contrato na miña caixa de correo. “´-Orixinal e tradución?” “-Claro”. “-Cos collages en cor?” “-Claro”. Velaquí a diferenza entre o frío e a calor. Mais esa calor xa a sentira. O meu primeiro poemario, A mala vida, foi publicado por unha editora mallorquina, La Baragaña. O editor lera poemas meus en antoloxías publicadas fóra da Galiza e propúxome publicalo. Tan sinxelo, ás veces, todo.
– P: O texto vai acompañado de colaxes e, polo que pon o propio libro, ambos son da túa autoría. Que función querías que cumprisen as colaxes?
– BP: A primeira idea de Caixa das Bestas foi visual. Levaba un tempo matinando en recuperar a miña afección ás colaxes, unha amiga pediume que lle dedicase un dos meus libros e, como odio dedicar, colei unha colaxe na contracapa do libro. Esa colaxe é a primeira que aparece no libro. Dela naceu o primeiro poema. Doutras colaxes, máis poemas; doutros poemas, máis colaxes, nos que se entrecruzaban a reflexión e a ferida, o desconcerto, a paixón e a ferocidade. Cos títulos engadíndolle ironía ao conxunto. Para min son un todo indivisible. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Baile del Sol
Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 7 de agosto
O 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Xosé Henrique Rivadulla Corcón asina Cando soa a buguina, publicado por Xerais, e Amor de náufrago, publicado por Medulia.
– 19:00 h. Begoña Paz asina Caixa das Bestas, publicado por Baile del Sol.
– 19:00 h. César Lorenzo e Jorge Campos asinan Atlas da Galicia pequeniña, publicado por Aira.
– 20:00 h. Miguel Barrera asina Poema da Rúa das Aves, publicado por Alvarellos.
– 20:00 h. O ilustrador Miguel Robledo asina Teño dereitos e Frankenstein, publicados por Aira.
– 20:00 h. Ángel Suanzes asina Se a memoria está na boca, publicado por Urutau.
– 21:00 h. Xurxo Lobato asina Galicia é unha festa, edición do autor.
– 21:00 h. Nazaret López asina Formigas nos pés, publicado por Xerais.