Desde
Galaxia:
““Neste libro hai tres celebracións: Roland Barthes, a lingua galega e a filosofía”. Con estas palabras Luis García Soto (A Coruña, 1956) agradeceu o Premio Ramón Piñeiro que, na súa XIV edición, se lle entregou onte pola obra Barthes filósofo, no paraninfo na Facultade de Filosofía de Universidade de Santiago de Compostela.
Luís G. Soto, profesor nesta facultade, da que foi decano durante anos, reivindicou a filosofía como a gran ponte para a vida e o coñecemento, e a lingua galega coma unha gran rede de relación, afectos e socialización “que se tece arredor de nós e nos dá sentido e identidade”. Respecto a Barthes, filósofo que vén ocupando unha parte importante da actividade intelectual do premiado, este ano cúmprense cen anos do seu nacemento. “Esta obra, escrita en galego, enriquece a bibliografía sobre un autor fundamental no pensamento contemporáneo e, ao mesmo tempo, nos posiciona nos debates que se están a celebrar en toda Europa sobre o seu pensamento”.
Uxía Rivas, profesora na facultade, actuou de madriña na presentación, cunha analise sobre a obra premiada, e o vicerrector de oferta docente, Roberto López, que presidíu o acto, citou a Emilio Lledó para reivindicar oa estudos de filosofía, hoxe ameazados por unha concepción mercantilista das humanidades, marxinadas dos planos de estudo das universidades pola cultura do diñeiro e do utilitarismo “que simplifican e deforman a realidade, eliminando o pensamento crítico”.
O Premio Ramón Piñeiro, centrado no xénero de ensaio, convócase todos os anos pola Editorial Galaxia co patrocinio de Gas Natural Fenosa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En palabras de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, “o ensaio é un xénero de madurez que aposta polo cualitativo fronte ao cuantitativo e que está na mellor tradición do catálogo da editora. (…)””
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Vigo: presentación de O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira
Compostela: debate-presentación de Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza
O
mércores 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa do Santo Antonio, 10, baixo), de Santiago de Compostela, terá lugar un debate-presentación de Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza, libro publicado en Galaxia, nun acto organizado pola A. C. O Galo, onde intervirán Xusto Beramendi, Joám Evans Pim, José Antonio Portero Molina, Xavier Vence e Víctor F. Freixanes, quen presentará e actuará de moderador.
Vídeo da presentación de Fábula, de Xavier Alcalá, na Coruña
Desde Palavra Comum:
O Barco: presentación de As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán
O
mércores 21 de outubro, ás 19:30 horas, no 3º andar do Edificio Multiusos do Concello do Barco de Valdeorras, preséntase o libro As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán, publicado por Galaxia. No acto, organizado polo Concello, a editora e o Instituto de Estudos Valdeorrenses, interveñen, xunto ao autor, Alfredo García, Margarida Pizcueta, Víctor F. Freixanes, Aurelio Blanco Trincado e Santiago Macía.
Compostela: presentación de Vic e Bombona, de Sara Barreiro
O
luns 19 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase Vic e Bombona, de Sara Barreiro, publicada en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Eva Millán e o Francisco Castro.
Iván García Campos: “Un libro está vivo cando o lector ten aínda máis preguntas e incertezas despois de lelo”
Entrevista
de Montse Dopico a Iván García Campos en Praza:
“(…) – Praza (P): A vida é dona de nós. Non temos o control sobre ela. É unha das ideas máis presentes en Cuestións vitais secretas. Por que?
– Iván García Campos (IGC): Podería ser unha das ideas, si. Mais o que máis me interesaba salientar é que o coñecemento que temos da realidade é parcial, fragmentado. E a partir dese ínfimo coñecemento temos que tomar decisións. Con ese entendemento parcial, nada se resolve definitivamente. Vivimos na incerteza. E mentres agardamos que as cousas se resolvan, a vida vai pasando… Este é un libro que fala do presente. Hai moita literatura de ficción que fala do pasado ou do futuro.
Pero o que eu quixen foi pensar o presente e máis nun momento histórico tremendo como o que vivimos. Tamén quería falar desde a perspectiva das persoas, dos individuos. Non do grupo. Para min iso é o máis interesante para facer literatura, e non a intriga, a acción…, que tamén están nos relatos, pero creo que non é o obxectivo. Quero dicir, que tamén é importante ter o lector nesa incomodidade de que sabe que algo vai acontecer… En calquera caso, o que trato é de suxerir preguntas que, na maioría dos casos, non se resolven. Hai moitas omisións, porque a vida tamén é así. Cada persoa vive a súa vida e o resto son como actores secundarios e non sabemos nin de onde veñen nin onde van… (…)”
– P: Falabas antes de que che interesaba a persoa e non o grupo. Ou de que a literatura debía facer emerxer o oculto. Son ideas moi presentes desde hai moito tempo no discurso literario, sociolóxico…
– IGC: Interésame os individuos, as persoas concretas, e non o grupo. Sempre digo que o importante de alguén que escribe non é a súa vida, senón o que escribe. Pero as circunstancias persoais inflúen no que escribes. Eu traballo rehabilitando persoas que teñen enfermidades e lesións. Persoas que senten dor, medo, incertidume. Acompáñoas en todo o proceso e iso faime vivir cada día o valor das persoas. Pero insisto: a miña vida non ten importancia. Non me gusta falar de min. Hai editoras que utilizan o status profesional do escritor para promocionalo. Iso non me gusta. Que máis dá que sexas catedrático ou que non teñas carreira. Creo que o importante é o que escribas. Da mesma maneira que penso que como se coñece ás persoas é no cara a cara.
– P: As ideas do éxito, da felicidade… tamén se cuestionan no libro.
– IGC: Cando somos novos pensamos que a felicidade é que sexa todo perfecto. Ao medrar, decatámonos de que non é así. De que felicidade é estar co teu fillo, por exemplo. E de que a “felicidade” é unha entelequia. Como a “humanidade”. Non existe a humanidade. Só as persoas. O concepto da felicidade vai mudando ao longo da vida. A vida non acontece de modo ordenado, como nos contan. Non saen as cousas como as tiñamos planeadas. Mais a cuestión é como nos adaptamos. Porque, ata que punto temos o mando da nosa vida? Saber vivir a vida tamén é saber adaptarnos ao que nos vai traendo a vida. (…)”

