O Barco: presentación de Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa

O venres 29 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán (Rúa Academia Dequidt, 6) do Barco de Valdeorras, preséntase o libro Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950, de Manuel Pérez Rúa, publicado en Galaxia, que obtivera o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2009. No acto participan, co autor, Eduardo Ojea Arias e Gustavo Docampo Paradelo.

O Barco: presentación de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz

O xoves 28 de abril, ás 20:00 h, na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán (Rúa Academia Dequidt, 6) do Barco de Valdeorras, preséntase o libro Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz, publicado en Galaxia. No acto a autora estará acompañada por Eduardo Ojea Arias e Arturo Ponte.

A Coruña: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O luns 25 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 2º andar) da Coruña, preséntase o libro Vivir, unha aventura irrepetíbel, biografía de María do Carme Kruckenberg, obra de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia. No acto participan Francisco Castro, Mercedes Queixas, e a propia María do Carme Kruckenberg, e dado que a poeta é tan amante do jazz, está prevista a actuación do grupo Tres Azoteas.

Bos Aires: presentación de O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo

O luns 25 de abril, ás 20:30 h., na Sala Alfonsina Storni, na Feira do Libro de Bos Aires, preséntase O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo, publicado en Galaxia. No acto participan a propia autora, a ilustradora Leonor Beuter e Víctor F. Freixanes. Ademais, contará coa participación do músico Alfredo Beuter.

Mondoñedo: exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro

O venres 15 de abril, ás 13:00 h., no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo, inaugúrase a exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro, organizada pola Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Mondoñedo.

Santiago: presentación de Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro, de Xosé Manuel Dasilva

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Dasilva presenta o seu estudo sobre o Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro, publicado en Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes, Xesús Alonso Montero e Miguel Barros. Crónica posterior en Xornal.

Premios da Crítica 2010: Marga do Val e Víctor F. Freixanes

En representación da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados deste ano en lingua galega:

Poesía: A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, poemario publicado en Edicións Espiral Maior en 2010. “Trátase dun poemario vital e reflexivo. A voz poética mergúllase en significativos episodios biográficos a xeito de particular educación sentimental”.

Narrativa: Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, novela publicada en Editorial Galaxia. “Parte do interesante artificio do cantar de cego a ofrece un estilo envolvente, compensado e denso”.

Laura Caveiro foi este ano a representante da Sección da Crítica Literaria enviada a Cáceres para propor os títulos galegos decididos oito días antes en Compostela.

Vía Crítica literaria. Tamén se recolle esta nova en Galicia Hoxe, Xornal, Cultura Galega e Galaxia.

Bases do Premio de Narrativa Breve Repsol 2011

“A Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no desexo de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega, convoca a quinta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, de acordo coas seguintes

BASES

1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen, excepto a persoa gañadora da edición anterior, cunha obra escrita en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega.
2. As obras, que serán orixinais e inéditas, terán unha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120.
3. Os orixinais, dos que se presentarán seis copias encadernadas, estarán mecanografados a dobre espazo, a razón de 32 liñas de 70 caracteres, aproximadamente. En cada un deles figurará o título da obra e o lema desta. Ademais, acompañarase un sobre pechado no que figurará o citado lema e, no seu interior, o nome, enderezo, números de teléfono fixo/móbil do autor ou autora e unha recensión biográfica recente.
4. As obras enviaranse antes do 22 de xullo de 2011, facendo constar no sobre: Premio de Narrativa Breve Repsol, ao seguinte enderezo: Complexo Industrial Repsol. Apartado 700. 15080 A Coruña.
5. Axuntarase aos orixinais unha declaración xurada asinada polo autor/a onde declare a súa autoría sobre a obra, así como a súa orixinalidade. A non inclusión de dita declaración xunto coa obra será motivo para que a obra en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada e destruirase.
6. Establécese un único premio dotado con 9.000 (nove mil) euros. Esta cantidade estará suxeita á retención a conta do IRPF que legalmente corresponda.
7. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que as obras presentadas non reúnen a calidade suficiente.
8. A contía do Premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de ata un máximo de 1.500 exemplares do texto gañador. Estes dereitos corresponderanlle en exclusiva á Fundación Repsol. A obra premiada será publicada por Editorial Galaxia nos termos que acorden a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En todas as edicións que se realicen se fará constar o nome de Premio de Narrativa Breve Repsol 2011.
9. O xurado estará composto por:
— unha persoa nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística,
— unha persoa nomeada pola Fundación Repsol,
— unha persoa nomeada pola Real Academia Galega,
— unha persoa nomeada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, e
— unha persoa nomeada por Editorial Galaxia.
A decisión do xurado será inapelable e farase pública no mes de setembro do ano 2011.
10. A entrega do Premio terá lugar nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. A non ser por razóns de forza maior, a persoa gañadora deberá estar presente no acto de entrega do Premio.
11. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten por escrito, no prazo máximo de dous (2) meses a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12. Os datos achegados polos participantes no Premio incorporaranse a un ficheiro automatizado titularidade da Fundación Repsol, entidade con domicilio en Madrid, rúa Velázquez, 166, 28002, cuxo tratamento estará suxeito á Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, e a súa normativa de desenvolvemento, coa finalidade de utilizarse para a realización de cantas xestións sexan necesarias para o desenvolvemento do Premio, incluída a selección do gañador, a publicación da listaxe do gañador e a posterior entrega do premio a éste. Os participantes terán o dereito de acceder a este ficheiro e rectificar, cancelar e/ou opoñerse ao tratamento dos seus datos. Neste caso, deberán comunicalo expresamente, para o que enviarán unha comunicación escrita á antedita dirección.
13. Os participantes autorizan expresamente, sen dereito a contraprestación ningunha e con carácter indefinido, que a Fundación Repsol poida facer difusión, en calquera medio de comunicación interno e/ou externo que estime oportuno, dos seus datos persoais, consistentes no seu nome e apelidos como gañador do Premio, coa exclusiva finalidade de asegurar a divulgación, por calquera medio e coñecemento, da realización e adxudicación do Premio.
14. Os participantes autorizan expresamente, con carácter indefinido, que a Fundación Repsol poida facer difusión, en calquera medio de comunicación interno e/ou externo que estime oportuno, do nome e apelidos do gañador do Premio, sen que iso xere dereito de pago e/ou indemnización ningunha a favor dos participantes.
15. Nos aspectos non incluídos nestas bases ou naqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles ás entidades organizadoras, as cales, unha vez que consultados os membros do xurado, emitirán ditame que será inapelable.
16. A participación na convocatoria do Premio Narrativa Breve Repsol 2011 implica a aceptación destas bases.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2011.”

As bases poden descargarse tamén neste arquivo: Bases Premio Narrativa Breve Repsol 2011.

Redondela: presentación de O señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo

O luns 11 de abril, ás 12:30 h., no salón de actos do CEIP Santo Paio de Abaixo de Redondela, e organizado pola comunidade educativa do centro, preséntase a edición especial do libro de Ramón Otero Pedrayo O señorito da Reboraina, publicado en Galaxia, e que será realizada por Víctor F. Freixanes.