Carballo: actividades do domingo 28 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve até este domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o no seu último día, domingo 28 de agosto:

– 12:30 h. Presentación de A ciencia no punto de Mira, de Jorge Mira, publicado por Auga Editora. No acto participan, acompañando ao autor, Santi Garrido e José María de la Viña.
– 19:30 h. Presentación da nova serie infantil A familia Caravana, de Pepe Carreiro, publicada en Edicións do Cumio. No acto participan, xunto ao autor, Milagros Lantes e Francisco Villegas.
– 20:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.

Carballo: actividades do sábado 27 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o sábado 27 de agosto:

– 12:30 h. Presentación de Luís Suárez. Fútbol de seda, de Xan Fraga, publicado en Baía Edicións. No acto participan, co autor, Marcos Trigo e Manolete, ex-xogador do Deportivo da Coruña.
– 20:30 h. Presentación de In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por María Canosa.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.

Monforte: actividades destacadas do xoves 25 na Feira do Libro

A XIV edición da Feira do Libro de Monforte, aberta desde o mércores 24 ao sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, contará cos seguintes actos destacados para o xoves 25:

– 19:00 h. Cándido Pazó ofrecerá o monólogo humorístico Cunqueiradas, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.
– 20:30 h. Presentación dos libros Noutra dimensión, publicado en Galaxia, e Onde houbo lume, publicado en Biblos Clube de Lectores, de Marica Campo, a cargo da propia escritora.

Soutelo de Montes: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O venres 19 de agosto, ás 20:30 h., no Auditorio de Soutelo de Montes, preséntanse os libros Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, e O bestiario máxico do abade Eliseo e outras narracións insólitas, de Francisco Rozados, Rochi. No acto, no que o autor estará acompañado por David Raposeiras Correa e Xosé Luna Sanmartín, haberá tamén unha actuación musical a cargo do dúo de guitarra e voz Andrea e Xavi.

‘Cinema e poesía de Canadá en galego’

Desde Galicia Confidencial: “En outubro de 2007, Galaxia introducía na Literatura galega unha nova voz, a da canadense Erín Moure (Calgari, Alberta, 1955), unha das autoras centrais da poesía contemporánea daquel país, unha políglota que se atreveu a publicar poemarios bilingües en inglés e en galego, o idioma do seu bisavó, natural de Crecente (Pontevedra). No 2005, Moure presentou o seu poemario Little Theatres, premiado co A. M. Klein Prize da Federación de Escritores de Québec e finalista  do prestixioso Griffin Poetry Prize. Traducido ao galego por María Reimóndez e publicado por Galaxia co título Teatriños ou aturuxos calados, neste libro atopamos o poema Homenaxe ao mineral do repolo, texto que inspirou a curtametraxe en stop-motion da tamén canadense Stephanie Dudley (…)”

Muros: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O mércores 17 de agosto, ás 20:00 horas, na antiga fábrica de sel, en Porteliña, s/n., Muros, preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto participan, acompañando ao autor, Noelia Mancebo, Rosario Fernández Piñeiro e Eduardo Galán.

Viveiro: actividade máis destacada do martes 16 na Feira do Libro

Remata a 15º Feira do Libro de Viveiro, que se celebra nos Xardíns Noriega Varela até o martes 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.

A actividade máis destacada deste último día é a seguinte:
– 20:30 h. Presentación do libro A vida fóra, de Miguel Sande, publicado en Galaxia. Xunto ao autor participa no acto Carlos Nuevo.

Cee: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 11 de agosto, ás 19:00 h., dentro da Feira do Libro de Cee, preséntase a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Noelia Mancebo e Marcela Riera.

A Coruña: actividades do martes 9 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do martes 9 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

– 19:00 h. Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro de poesía, en edición bilingüe (galego e castelán) Golpear de sombras, publicado pola editorial Huerga y Fierro. Xunto co autor, participarán no acto a poeta Eva Veiga e a profesora e traductora Teresa Seara.
– 20:00 h. Presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, coa participación, acompañando ao autor, de Víctor F. Freixanes e Ángel de la Cruz.