O luns 11 de abril, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, prosegue o Ciclo de Poetas Di(n)versos, iniciado en novembro de 2009 baixo a dirección de Yolanda Castaño, no que ten lugar un recital poético dobre entre unha voz en galego e outra en calquera das outras catro linguas da Península, coa presenza de dous representantes da poesía máis experimental que se produce hoxe en día nos extremos do norte peninsular:
– Eduard Escoffet, nado en 1979 en Barcelona, é poeta e axitador cultural. Practicou diversas vertentes da poesía (visual, escrita, oral, instalación, performance), sempre cun espírito experimental e de investigación. As súas influencias van dende a poesía sonora dos anos cincuenta á poesía catalá medieval, pasando polo text/sound sueco, a poesía concreta e a experimentación do barroco español. Nos últimos anos tense centrado no traballo oral e sonoro. Á parte dun intenso movemento dentro da escena contracultural de Barcelona, ten presentado o seu traballo en festivais e programacións doutras cidades de España e sobre todo no estranxeiro: Italia, Francia, Bélxica, Alemaña, Portugal, Arxentina, Estados Unidos, China, Chile, República Checa, Nicaragua e República Dominicana. Por otra banda, dirixiu o festival internacional de polipoesía PROPOSTA (Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, 2000-2004) e comisariou, xunta a Eugeni Bonet, un ciclo de cine letrista para o MACBA (Museo de Arte Contemporánea de Barcelona). Actualmente colabora, entre outros, co festival Yuxtaposiciones (Casa Encendida, Madrid) e codirixe o Festival Internacional de Poesía de Barcelona. Tamén exerceu como asesor de política cultural. Ademais, traballa na súa tese doutoral sobre literatura barroca en Barcelona. Non fai libros.
– Estevo Creus naceu en Cee en 1971, deuse a coñecer como poeta nos anos 90 no seo do Batallón Literario da Costa da Morte e foi membro fundador da editorial de poesía Letras de Cal e mais do grupo de teatro Talía. Como poeta debutou con Poemas da Cidade Oculta (1996), ao que seguiu Areados (1996), gañador do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Tres anos máis tarde sae do prelo Teoría do Lugar, grazas ao Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e en 2003 un novo libro, Decrúa, faise co Fiz Vergara Vilariño. En 2007 concibe e publica xunto a David Creus Facer merzbau, un proxecto que acolle textos, videocreación e performance, e, máis tarde, ve a luz Máquina ou Móbil (2009). Por último, O libro dos cans, que se publicara orixinalmente no ano 2000, reedítase en 2010. Tamén ten publicados os relatos E a catro patas quilómetros, recollido na publicación dos Premios Pedrón de Ouro (1994) e Alguén matou a Bambi, compilado en Historia da Pusilaminidade e catro contos máis (1996). Ademais, colaborou como músico en espectáculos de danza como: Cos pés na terra -do grupo de teatro D2- e diferentes propostas escénicas da compañía de danza contemporánea Traspediante.
Será unha nova oportunidade libre e gratuíta de coñecer de primeira man algúns dos mellores autores/as das literaturas peninsulares, comprobando a proximidade, a conexión e a calidade da boa poesía contemporánea. Ao termo do acto, presentado pola directora do ciclo e poeta Yolanda Castaño, Escoffet e Creus poderán asinar exemplares da súa obra. Esta iniciativa de periodicidade mensual e impulsada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, continuará de xeito estable ata ao mes de maio. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Abril 2011.