Arquivos da etiqueta: Elena Veiga Rilo
Betanzos: presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila
O venres 20 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o poemario Raíz da fenda, de Berta Dávila, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, quen fará un agasallo a cada un dos asistentes, Elena Veiga Rilo e Fran Alonso.
Santiago: presentación de Verbas no ar, de Iria Morgade
O xoves 19 de xaneiro 2012, ás 20:0 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Verbas no ar, gañadora do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia de Novela, de Iria Morgade, publicada por Biblos. No acto intervirán, xunto á autora, Tucho Calvo, Elena Veiga Rilo e Pablo García Martínez.
O primeiro libro de relatos de Letra en Obras supera as 1.000 descargas
“En Letra en Obras esta semana temos algo que celebrar. O libro homónimo, que recolle 17 relatos doutros tantos autores novos, superou xa o milleiro de descargas na rede. Os escritores Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga Rilo, Andrés Carrasco, Raquel Boo Anderson, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández Armesto, Brais Zas, Alberto Rodríguez Díaz, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda son os protagonistas desta obra que pode ser descargada na nosa páxina.” Vía Letra en Obras.
Elena Veiga Rilo gaña o 6º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos
Con Morto en fucsia, Elena Veiga Rilo (Guísamo-A Coruña, 1991), estudante de Filoloxía na Universidade de Santiago, é a gañadora do 6.º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou o pasado venres 23 de xullo na tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Fina Casalderrey como titora e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. Con Elena Veiga foi finalista Andrea Maceiras Lafuente, presente na cea e que recibiu unha placa conmemorativa ademais da recomendación do xurado de rematar o seu proxecto, no que tamén viu grandes posibilidades de rematar nunha boa novela.
O xurado, integrado por Fina Casalderrey, Pablo García Martínez (gañador da quinta edición) e Tucho Calvo, considera que, “cunha vizosa imaxinación e unha excelente agudeza no emprego da retranca, Elena Veiga ofrécenos unha historia tráxica de lectura amable, capaz de conmover nalgunha páxina ata encollerche o peito, e de arrincarche de súpeto unha gargallada en momentos de esperpento e hipérbole”, constituíndo “unha crítica mordaz e irreverente da sociedade actual que non deixa títere con cabeza: a igrexa, a pedofilia, os malos tratos, a violencia de xénero, os marxinados sociais, o mundo da moda, a hipocrisía enquistada e aceptada polos cidadáns, a droga, a transexualidade, a aparencia, o fraude, os traumas da infancia que quedan como tatuaxes na alma”. Conclúe o xurado que, “auténtica expoñente da que podería ser a nova Xeración Facebook, en Elena Veiga cómpre destacar o ben que xoga durante a construción da trama coa virtualidade e como se aproveita dela para agachar unha proposta de final que abate o lector”.
Antes da lectura da acta do xurado, os convidados puideron disfrutar dun breve concerto do Quinteto Pentalfa que lidera o gaiteiro Bieito Romero e tamén participaron na homenaxe que recibiu o libreiro Xesús Couceiro, a quen se lle fixo entrega do 2.º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura da asociación Pazos de Galicia que visualiza nunha escultura do artista Luís Loureira. Biblos e Pazos de Galicia quixeron salientar unha vez máis o papel fundamental e o esforzo totalmente altruísta que os titores veñen desempeñando no premio que organizan e, para deixarlles constancia do seu agradecemento, fixéronlles entrega dunha escultura creada para a ocasión por Ramón Conde e personalizada cos nomes de Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas e Fina Casalderrey.