O xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, preséntase o libro En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, María Xosé Silvar “Sés” e Fran Alonso.
Arquivos da etiqueta: En vías de extinción
Se non vos namorastes de Gaia en @ViasDeExtincion é que non tedes sensibilidade nin corazón! ;) #ParaGaia
“O xoves 15 de novembro celebrouse en Pontevedra a presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez. No acto, celebrado na Libraría Paz, participaron, xunto á autora, Eva Mejuto e Fran Alonso. Na presentación da novela tivo lugar o sorteo de dous libros de María Reimóndez, Usha e O club da calceta, entre todas as persoas que enviaron tweets á conta de Twitter @ViasDeExtincion. Unha persoa entre o público escolleu o tweet gañador, que pertence a @luchinhagz. (…)” Desde a web da novela.
Pontevedra: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez
O xoves 15 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación de En vías de extinción de María Reimóndez en Pontevedra. O acto celebrarase na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) e contará coa participación de Fran Alonso, Eva Mejuto e a propia autora.
María Reimóndez organiza un concurso en Twitter arredor a súa novela En vías de extinción
1. Organizadora do sorteo: María Reimóndez.
2. Ámbito temporal do sorteo: dende o 15 de outubro ás 10 da mañá ata o 14 de novembro ás 15 horas.
3. Participantes do sorteo. Poderán participar todas as persoas que teñan unha conta en Twitter propia e sexan seguidoras/es da páxina de Twitter: @ViasDeExtincion (www.twitter.com/ViasDeExtincion).
4. Premio. A autora regalará dous libros seus –O club da calceta e Usha– ao tweet gañador, que será escollido por unha persoa entre o público que asista á presentación da novela En vías de extinción en Pontevedra. A man inocente escollerá o tweet de unha caixa na que se atoparán impresos individualmente todos os tweets.
O premio do presente sorteo en ningún caso poderá ser obxecto de cambio, alteración, compensación a petición do gañador ou cesión a terceiros.
5. Mecanismo do concurso: Os participantes deberán seguir os pasos establecidos nestas bases, contestando á pregunta feita (Que foi o que máis che gustou de En vías de extinción?) cun tweet acompañado do hashtag #paraGaia
A elección do tweet gañador levarase a cabo na presentación de En vías de extinción en Pontevedra o 15 de novembro.
O anuncio da/o gañadora farase público durante a propia presentación e publicarase tralo remate da presentación no Twitter e na páxina web www.enviasdextincion.net.
6. Comunicación da/o gañadora. O resultado do sorteo notificarase ao participante gañador/a mediante o envío dunha mensaxe directa para confirmar a aceptación do premio antes do luns 19 de novembro (ata as 15 horas), onde deberá especificar un correo electrónico onde contactala/o.
No suposto de que a/o gañadora non acepte o premio, non o recolla ou non cumpra co establecido nas presentes bases, o premio quedará deserto.
7. Reservas e limitacións. Os datos deberán ser facilitados pola/o participante de forma veraz. Calquera comunicación falsa de datos persoais dará dereito á organizadora do sorteo a descalificar á gañador/a para participar e poder dispoñer do correspondente premio. A organizadora queda eximida de calquera responsabilidade no suposto de existir algún erro na captura ou trascripción dos datos facilitados pola/os propias/os participantes que poidan impedir a súa identificación. A organizadora poderá solicitar á premiada/o identificación mediante fotocopia de DNI ou outra documentación válida para verificar a súa identidade. A organizadora resérvase o dereito a descalificar calquera tweet que non cumpra os seguintes requisitos. Vostede afirma e garantiza, con respecto a cada tweet que envíe, que estes non mostran o seguinte: contigo ameazante, falso, mal interpretable, abusivo, difamatorio, obsceno e/ou escandaloso, non violan os dereitos das persoas á privacidade ou á publicidade, e non inclúen marcas comerciais de terceiros.
8. Protección de datos. Os datos persoais que vostede facilite para participar no sorteo usaranse exclusivamente coa finalidade de: poder realizar o desenvolvemento e xestión do sorteo, xestión da entrega do premio e para calquera outra finalidade prevista nas presentes bases.
9. Aceptación e publicación das bases. A participación no sorteo supón a aceptación das presentes bases.
Santiago: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez
O martes 2 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, preséntase En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan María do Cebreiro e Manuel Bragado.
María Reimóndez: “Busco o cambio dende a rebeldía. As personaxes de En vías de extinción utilizan a súa marxinalidade para criticar o centro”
Entrevista a María Reimóndez en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A protagonista da súa última novela [En vías de extinción] é unha moza que vai dende o rural de Lugo a Vigo para estudar Tradución e Interpretación. É vostede?
– María Reimóndez (MR): Non para nada. O libro xoga con elementos que teñen que ver con miña vida pero nada máis. Tirei de detalles que me son coñecidos pero como persoa, a protagonista, Gaia, é moi distinta a min.
– DP: Que máis hai de María Reimóndez no libro?
– MR: De min no libro está a rebeldía, que é algo co que me identifico. Ademais está busca de espazos políticos fóra dos habituais, no ámbito privado, por exemplo. Gústame buscar personaxes que a sociedade marxina. E dáse a casualidade de que estes personaxes utilizan a súa marxinalidade para criticar ao centro dende esa posición. Gaia –a protagonista- está nas marxes pola súa identidade rural, por ser galegofalante e ser lesbiana. A miña intención é demostrar que ás veces a xente que vive no centro ten unha visión máis limitada das cousas. E os que obsevan dende fóra, como Gaia, poden ter unha visión máis complexa. (…)
– DP: A autora María Xosé Queizán comparaba o papel secundario das mulleres co da lingua galega. Segue a ocupar un lugar secundario o galego?
– MR: E direi máis: entre as persoas galegofalantes, as mulleres aínda estamos máis discriminadas que os homes. Seguimos na dinámica de que uns teñen o poder e outros son a plebe. Neste organigrama os galegos están moi abaixo, pero isto lévame ao que dicía antes de que canto máis marxinal é unha posición, máis completa é a súa visión do mundo. Hai dous tipos de galegofalantes: os activistas e os que non o son e mesmo amosan certo autoodio. Neste contexto o papel das institucións sería intervir para cambiar a situación, o curioso é que os que gobernan na Xunta reforzan estas actitudes. Ademais están as dificultades para chegar á cidadanía porque as vías de comunicación está atoradas. Entón unha persoa sabe máis cousas do que pasa en Madrid que do que pasa en Pontevedra. Os referentes culturais desprázanse e un galego non sabe quen é Agustín Fernández Paz pero si Pérez Reverte. (…)”.
María Reimóndez: “Gaia é unha ponte entre distintos mundos”
“O Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a María Reimóndez, sobre En vías de extinción. María Reimóndez fala de biodiversidade e diferencia para se referir á súa última novela, protagonizada por Gaia, unha persoa rebelde que non acepta a uniformidade. A entrevista pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.
Vigo: actividades destacadas do luns 2 de xullo na Feira do Libro
Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do luns 2 de xullo son:
– 19:00 h.: presentación de Carné de identidade, de Mahmud Darwish, publicado en Barbantesa, traducido por Moncho Iglesias e Samar Sabat.
– 20:00 h.: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. Intervirán, xunto á autora, Michael Skinner e Manuel Bragado.
– 21:00 h.: presentación de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde, tamén publicado en Xerais. No acto intervirán o autor e Manuel Bragado.