Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño

Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.

Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.

Carballo: inauguración da exposición do III Enarborar o bosque, con poesía, música e proxección audiovisual

Convocatoria Un milladoiro para Corcoesto, dentro da III edición de Enarborar o Bosque

O sábado 1 de xuño terá lugar a III edición de Enarborar o Bosque en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, con recitais poéticos, pintura ao vivo, música, maxia… unha verdadeira romería artístico-reivindicativa ao aire libre. Os organizadores, Delio Sánchez, de Factoría DELIdeas, e os compoñentes do colectivo arTeu, Xacobe Meléndrez e Inma Doval, convocan explicitamente a levar versos escritos sobre croios, ou mesmo pequenas pedras intervidas, coas que se montará unha instalación adicada á protección de Corcoesto e o seu entorno natural frente ao proxecto de explotación mineira de ouro a ceo aberto. Tamén se pode enviar a pedra ao Apartado 223, C. P. 15660, de Cambre – A Coruña antes do 28 de maio.
Máis información aquí, ou tamén no evento creado en facebook.

Santa Cruz, Oleiros: recital poético-musical na inauguración de Enarborar o bosque

O luns 22 de agosto, a partir das 20:00 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), terá lugar a inauguración da exposición Enarborar o bosque, na que se recollen os traballos feitos durante a xornada de Arte Reivindicativa ao Aire Libre na Carballeira de Chaián, o 5 de Xuño de 2011, formada por pintura, fotografía, escultura e escrita. Dentro dela terá lugar un recital poético-musical, no que participarán: Chelo Suárez, Francisco X. Fernández Naval, François Davo, Helena Villar Janeiro, Iolanda R. Aldrei, Lourdes Maceiras, Marina Cocós, Miguel Melero, Natalia Margalejo, Ramiro Torres e Xesús Rábade, e o poeta e músico Mou de Lugh, que acompañará os poetas cun hang drum. A exposición, que se poderá visitar até o 31 de agosto, e na que participan un total de 59 artistas, está organizada polo Colectivo Arteu.