O venres 10 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría La Central del Raval (Carrer Elisabets 6, 08001) de Barcelona, terá lugar a conferencia Roberto Vidal Bolaño á procura dunha poética teatral, de Xosé Manuel Fernández Castro, editor das súas Obras Completas en Positivas.
Desde o mesmo 10 até o venres 24 de maio, estará aberta a exposición bibliográfica Roberto Vidal Bolaño na escena teatral galega no Edificio Histórico, Vitrinas da Biblioteca General e Galería do Pati de Lletres-Universidade de Barcelona (Gran Via de les Corts Catalanes, 585).
Os actos están organizados por Estudis Gallecs i Portuguesos, da Universitat de Barcelona.
Arquivos da etiqueta: Estudis Gallecs i Portuguesos
Álvaro Cunqueiro en Cataluña
Reportaxe en Praza:
“Todo e de todo sobre Álvaro Cunqueiro e Cataluña. Abriu é unha publicación científica de periodicidade anual editada por Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona. Co obxectivo de “ofrecerlle á comunidade académica un espazo de debate sobre a textualidade (literatura, cinema, artes escénicas, música…) no ámbito dos estudos brasileiros, galegos e portugueses”, esta revista que vén de publicarse inclúe anualmente un monográfico, ao que acompañan artigos de miscelánea e recensións de libros. Na súa estrea, o protagonista é o autor de Mondoñedo. (…)
María Xesús Lama López (Lugo, 1964) é a editora deste número titulado Álvaro Cunqueiro en Cataluña. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e doutorada na Universitat de Barcelona, é profesora titular de Literatura Galega e coordinadora deste primeiro número da revista científica. Ademais, Lama López publica en Abriu o artigo Cunqueiro en Cataluña: un modelo de relacións intersistémicas, un estudo panorámico dos contactos e intercambios do escritor de Mondoñedo e os estudos cunqueirianos coa cultura catalá, “a xeito de presentación do contexto de relacións interculturais no que se inscriben as colaboracións do monográfico”. “Estúdanse tres ámbitos atendidos de maneira diversa pola crítica: relacións persoais con axentes da cultura catalá que dan pé a colaboracións e intercambios diversos, relacións profesionais co mundo editorial e xornalístico que proxectan a súa obra no mercado español, e relacións repertoriais que se manifestan en traducións ou en comentarios críticos do propio escritor sobre as súas lecturas”, explícase no resumo. Outros tres artigos completan o monográfico sobre Cunqueiro dunha publicación dirixida por Helena González e onde todos os textos pasan por un sistema de arbitraxe confidencial e anónimo cun mínimo de dúas avaliacións externas de carácter metodolóxico e de estilo. Unha revista científica que engade tamén unha análise sobre a narrativa galega de fin de século ou sobre a obra de Lois Pereiro.”
Barcelona: conferencia O best seller como elemento normalizador dun sistema literario en crise, por Pedro Feijoo
O mércores 12 de decembro, ás 11:30 horas, na Sala de Professors (Edifici Josep Carner, andar 5) da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona (Carrer Aribau, 2), terá lugar unha conferencia de Pedro Feijoo sobre O best seller como elemento normalizador dun sistema literario en crise, organizada por Estudis Gallecs i Portuguesos.
Barcelona: conferencia O novo e o vello na literatura, por Miguel Anxo Murado
Barcelona: recitais poéticos con Olalla Cociña
O luns 14 de maio Olalla Cociña participa en dous actos poéticos en Barcelona, organizados por Estudis Gallecs i Portuguesos:
– Ás 09:30 horas no Encontro poético O amor pola palabra viva, na Aula Capella da Facultat de Filologia (Gran Via de les Corts Catalanes, 585).
– Ás 19:00 horas na mesa de poetas Non quero máis palabras para Eros, no Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison (Sant Pere Més Baix, 7).
Cunqueiro en Cataluña
“Estudos Galegos e Portugueses e o Decanato da Facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona organizaron un seminario sobre a presenza do escritor mindoniense en Cataluña no centenario de Álvaro Cunqueiro. Na xornada participaron Julià Guillamon, Víctor Martínez-Gil, Blanca Ripoll, María Liñeira e Adolfo Sotelo. Os relatorios mostraron a relación de amizade e os vínculos literarios de Cunqueiro con persoeiros do sistema literario catalán como Néstor Luján, Joan Perucho, Guillermo Díaz Plaja, Josep Pla ou Joan Teixidor. Unha das achegas máis interesantes é o proxecto Enllaç entre literatures no que podemos consultar as cartas inéditas enviadas por Cunqueiro e Aquilino Iglesia Alvariño a Tomàs Garcés. Ante un numeroso público púxose en valor a obra literaria de Cunqueiro, pero tamén outras facetas complementarias como a de xornalista, gastrónomo ou colaborador da revista Destino. Durante tres semanas poderase visitar na mesma facultade unha exposición bibliográfica que recolle boa parte da produción do mindoniense e que repasa tamén a súa biografía grazas á reprodución da exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro que está estes días na Fundación Penzol de Vigo.” Vía Galaxia.