Actos da Fundación Rosalía para o día 24 de febreiro

“A Fundación Rosalía de Castro pecha o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos celebrando o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural que servirá de marco para a presentación do proxecto de edición de De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que asumirá a Fundación en colaboración coa Radio Galega. Coa edición en libro-cd culmina o proxecto promovido polo informativo cultural da radio pública que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e a directora da Radio Galega, Rosa Martínez, presentarán o proxecto no acto co que as dúas entidades conmemoran o Día de Rosalía. Os poemas inéditos lidos por algúns dos autores e autoras que participan en De Cantares Hoxe e a música na voz de Najla Shami forman parte dun programa especial do Diario Cultural aberto ao público e no que se revisará tamén a pegada da obra de Rosalía de Castro na poesía contemporánea. (…)
O acto de presentación desenvolverase o luns 24 de febreiro ás 19:00 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.
Ofrenda floral
Como todos os anos, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, fará en colaboración co Concello de Santiago unha ofrenda floral en Compostela. Por mor das obras que se están a realizar no lugar onde naceu Rosalía hai 177 anos, na actual Praza de Vigo, a ofrenda trasládase á Alameda. Será o luns 24 ás 10:30 horas da mañá, cando membros da Fundación e do Concello partan da Porta Faxeira cun grupo de gaiteiros ata a estatua da Alameda, onde se levará a cabo a ofrenda.
#euRosalía, un ‘selfie’ rosaliano
O 24 de febreiro rematan as celebracións do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos e desde a Fundación propoñemos unha acción colectiva en Internet que integre á maior xente posible, tanto en Galicia coma no resto do mundo.
Trátase de que o día 24 todos e todas nos fagamos unha autofoto (un ‘selfie’, como se chama agora) con calquera motivo relacionado con Rosalía (cun libro dela, a carón dunha estatua, dunha placa, dunha camisola…) e a comparta nas redes sociais, usando o hashtag #euRosalía, de forma que sexa fácil de atopar para todos/as.”