Eva Moreda: “Teño debilidade polos homes que citan a Bourdieu”

Entrevista a Eva Moreda en A Nosa Terra:
“A Nosa Terra (ANT): A literatura erótica é un xénero marxinal nas letras galegas. Cal pode ser o motivo?
Eva Moreda (EM): Poño en dúbida que sexa marxinal. Na poesía, por exemplo, o erotismo é un dos grandes temas desde os anos 90, ou mesmo desde antes. Outra cousa é que estas obras non se presenten explicitamente como literatura erótica, o cal, en principio, tampouco me parece mal: non son moi partidaria de clasificar a literatura en caixóns, aínda que recoñezo que editorialmente pode ser unha boa estratexia. É certo que en narrativa se cadra se tardou, ou se está tardando, algo máis en arrincar. Se cadra porque historicamente escribir narrativa estivo moi ligado a facer país, e non semella moi evidente a literatura erótica sexa un xénero desde o que se poida facer país. (…)
ANT: Que posibilidades lle ve ao libro electrónico en conceptos como a mestura multimedia… libros con música incorporada, por exemplo?
EM: Pois precisamente, unha das cousas que me gustaría ver na literatura galega (e na literatura en xeral) é unha maior implicación coas posibilidades textuais da internet e os medios dixitais; na cultura galega estase facendo un uso importante das novas tecnoloxías no plano da difusión pero se cadra xa vai sendo hora de que os escritores nos poñamos a escribir con eses novos medios na cabeza. Como un poemario escrito a base de actualizacións de estado no Facebook, ou, por que non, un libro electrónico que nos vaia permitindo escoitar as músicas ás que se fai referencia no texto.”

A Coruña: presentación de Organoloxía, de Eva Moreda

O martes 29 de xuño, ás 20:30 horas, preséntase na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18, 1º), da Coruña, o libro Organoloxía, de Eva Moreda, publicado en Edicións Positivas, e que ven de gañar a V edición do premio Narrativas quentes. O acto desenvolverase no salón de actos da Asociación, con entrada libre.

Eva Moreda: “O erotismo regula as relacións sociais da xente”

Entrevista de Alberto Ramos a Eva Moreda publicada en Xornal de Galicia:

Que unha obra erótica estea protagonizada por mulleres quere dicir que é para un público feminino ou é que volvemos chocar cos tópicos?

Busco lectores tanto como lectoras, non fixen unha obra para un público feminino. Certo é que lla pasei a un amigo para que me dera a súa opinión e, cando lla entreguei, díxenlle: “non te asustes”. Pero non é antihomes, en todo caso é antimachismo e non quero perder ningún lector por iso.

A literatura erótica segue sufrindo o estigma de ser historias para o entretemento, para a novela rosa e para nada máis elevado?

O prexuízo segue aí e resulta sorprendente que non se supere. Eu estiven en xurados de premios literarios nos que se desbotaban grandes obras que podían gañar unicamente pola súa carga erótica. Pódese escribir unha novela rosa só para entreter ou podes escribir algo que vaia máis aló co erotismo, porque é unha canle tan válida como calquera outra para retratar calquera tema literario. O problema, seguramente, reside en que hai unha visión do sexo que se basea nas pulsións máis salvaxes. Claro que hai instintos de naturalidade, mesmo de animalismo, pero iso condicionou demasiado a sexualidade. O sexo é natural, pero non só natural, tamén hai profundidade. [Ler entrevista completa]

Eva Moreda gaña o V Premio Narrativas Quentes

A escritora Eva Moreda levou o V Premio Narrativas Quentes coa obra Organoloxía. O xurado acordou a súa decisión por unanimidade. A novela está ambientada nun conservatorio no que quedan pechadas accidentalmente seis profesoras de música, que aproveitan a noite para falar das súas experiencias eróticas, vencelladas cos instrumentos nos que son expertas. O libro, editado por Positivas, estará á venda a partir de maio

A Coruña: presentación da novela O país das bestas de Eva Moreda

Mañá xoves 4 de xuño preséntase a novela O país das bestas de Eva Moreda, no salón do Ámbito Cultural de El Corte Inglés da Coruña, ás 20 horas. A escritora estará acompañada pola profesora da UDC Olivia Rodríguez González. O libro presentarase dous días despois en Ribadeo, na Casa das Letras, o sábado 6 de xuño ás 20:30, coa participación de Eva Moreda e Tucho Calvo, director literario de Biblos.