Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro

“A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
– 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
– 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
– 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html.”

Coñécense os finalistas do Premio Arcebispo San Clemente

“O 18º Premio Literario Arcebispo San Clemente, que fallan os alumnos de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro de Santiago e doutros catro centros de Galicia, xa conta con finalistas nas tres modalidades de novela galega, en castelán e estranxeira. En lingua galega as obras finalistas son: A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda; O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos; e Extramunde, de Xavier Queipo -as tres editadas por Xerais-. As finalistas en lingua castelá son: Caligrafía de los sueños, de Juan Marsé (Lumen); El ruido de las cosas al caer, de Juan Gabriel Vásquez (Alfaguara); e Deseos, de Marina Mayoral (Alfaguara). En lingua estranxeira: Sete anos, de Peter Stamm (Cantil); O mapa e o territorio, de Michel Houellebecq (Anagrama); e Purga, de Sofi Oksanen (Rinoceronte). A entrega dos premios aos gañadores da anterior edición (Xulia Alonso, Eduardo Mendoza e Colm Tóibín) terá lugar o 22 de marzo.” Vía La Voz de Galicia.

Publicado o terceiro número de Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies

“Sae á luz o terceiro número de Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies, revista académica anual especializada e cofinanciada polo Centro de Estudos Galegos en Gales (Universidade de Bangor) e a Universidade de Cardiff. Entre os autores participantes figuran Danny Barreto (Vassar College), María Liñeira (The Queen’s College, Oxford), Paul McDermid (University of Saskatchewan), Marisol Rodríguez (University of Aukland), Joseba Gabilondo (Michigan State University), Eva Moreda, Vanessa Cerqueira Ogando (Universitat de Barcelona), Pere Comellas Casanova (Universitat de Barcelona), Laura Lonsdale (The Queen’s College, Oxford), Silvia Vázquez (University of Exeter) e Rosa María López González (Universidade de Santiago de Compostela).” Vía Poesía galega.

Eva Moreda: “A miña última novela marca certa madurez, evolución”

Entrevista a Eva Moreda en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Naceu na Veiga e emigrou. A Veiga é como un tempo distinto é unha novela sobre emigración. Aínda que non sexa autobiográfica…
— Eva Moreda (EM): Non é autobiográfica pero hai varios detalles da miña vida, a parte de Londres e a da Veiga, en forma de flashbacks.
— LVG: ¿Como está sendo a resposta dos lectores ante esta novela?
— EM: Bastante boa. En xeral tivo críticas boas. Tamén estou moito en redes sociais, Facebook e Twitter, e xente que, sen coñecerte de nada, me escribiu para dicir que lles gustara…
— LVG: En canto aos libros que xa ten editado é…
— EM: O sexto. Tampouco é que marque un cambio de sentido, ou un xiro de 180 graos pero retoma temas que tratara, como o da emigración. Houbo xente que mo comentou, e penso o mesmo, que marca unha certa madurez, evolución respecto a obras anteriores; a técnica literaria está máis traballada, a forma de traballar os temas. (…)
En canto se lle pregunta a Eva Moreda polas súas novas incursións ou proxectos a nivel literario, esta é a súa resposta: “Hai un tema que me gustaría tratar. Estou facendo os meus experimentos: literatura infantil e xuvenil. Tamén teño os meus libros favoritos de cando era nena. En parte porque de pequena sempre lía moito e se conseguira interesar a alguén pequeno pola lectura sería unha grande satisfacción para min. Hai o debate de se este tipo de literatura é de categoría distinta á de adultos, en que se diferencia, se trato un tema que tamén podería tratar nun de adultos”.”

Eva Moreda: ”Cinguir a emigración á economía en Galicia é evitar facer autocrítica”

Entrevista a Eva Moreda en El Progreso:
“Con moitas novelas ás costas a pesares de ter só 30 anos, Eva Moreda case, case asinte cando se lle di que A Veiga é como un tempo distinto (Xerais Narrativa) é a mellor que fixo, e de feito di que «tiña moi claro desde o principio o que quería». Aparentemente sinxela, curta, conta a historia de xente da vila asturiana de Vegadeo, A Veiga, en linguaxe coloquial, emigrada a Londres nos 60, cada un afrontando o seu pasado, presente e futuro dun xeito moi diferente.
– El Progreso: Un dos protagonistas do libro é o propio Londres. Están os barrios dos que escribe coma na época do libro?
– Eva Moreda: Son reais, desde logo, e seguen tengo unhas características parecidas. Pero por exemplo Croydon, daquela, si que era algo así coma unha cidade dormitorio para emigrantes, e moitos deles españois e, polo tanto, galegos. Hoxe, se cadra, eso xa non é tanto así. O que si está tamén moi cambiado é Portobello. Segue habendo o bar Galicia, un colexio español que é un centro do Ministerio de Educación. Daquela, o 90 por cento dos que tiñan alí eran fillos de galegos. Hoxe Portobello é unha zona que está de moda, os prezos encarecéronse e hai un feixe de tendas de roupa, complementos… de marcas de primeira. (…)
– El Progreso: Está escribindo outro libro ou de momento está a descansar?
– Eva Moreda: Estou escribindo un infantil, pero levo tempo con el porque é unha novidade para min. Falei con outros escritores que din que este tipo de literatura é máis sinxela, pero para min non o está sendo. Á marxe de ter que, obviamente, simplificar a linguaxe, tés que simplificar a trama, evitar flashbacks, e non quero facer algo como de Disney, así que hai atopar fórmulas para tratar temas como… a morte, por exemplo, sen que sexa un trauma.”

O primeiro libro de relatos de Letra en Obras supera as 1.000 descargas

“En Letra en Obras esta semana temos algo que celebrar. O libro homónimo, que recolle 17 relatos doutros tantos autores novos, superou xa o milleiro de descargas na rede. Os escritores Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga Rilo, Andrés Carrasco, Raquel Boo Anderson, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández Armesto, Brais Zas, Alberto Rodríguez Díaz, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda son os protagonistas desta obra que pode ser descargada na nosa páxina.” Vía Letra en Obras.

“Escaparate literario de obras galegas en Italia”

“A través da web Insula europea, un grupo de estudosos de diversas literaturas europeas coordinado polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia, Carlo Pulsoni, propoñen diferentes títulos coa finalidade de que as editoriais italianas se animen a traducilos. Unha das literaturas con máis presenza é xustamente a galega coas novelas Un tipo listo, de Xosé Monteagudo, A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda, Pirata, de María Reimóndez, Así nacen as baleas, de Anxos Sumai e Spam, de Francisco Castro. Este espazo virtual pretende ser un punto de encontro para novos investigadores interesados en aspectos culturais (históricos, filolóxicos e literarios) europeos. Ademais da función informativa e integradora, cómpre destacar a iniciativa da Vetrina letteraria que incorpora títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, españolas, inglesas e tamén galegas. Unha vez que estamos na web. premendo en cada unhas das propostas aparece a portada do libro, unha recensión do contido, a lingua orixinal, a editorial e o contacto da persoa que facilita a información. Deste xeito as editoriais italianas, que doutro xeito terían dificultades para coñecer algunhas obras estranxeiras, sobre todo aquelas procedentes de sistemas literarios minorizados, atopan suxestións avaladas por especialistas e un contacto ao que dirixirse para demandar máis información. A actualización da sección será constante por parte destes expertos de distintas nacionalidades que, no caso de que as editoriais así o soliciten, poderían incluso ofrecer fragmentos traducidos das obras requeridas”. Vía Galaxia.

Conversa con Eva Moreda en Fervenzas Literarias

Entrevista a Eva Moreda en Fervenzas Literarias, vía Xerais:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Aínda que centrada na historia de Gelo e Elisa, pasan por A Veiga é como un tempo distinto multitude de personaxes que pululan por Portobello Road e que poderían conformar o corpus da emigración, os roles que van desenvolver no novo país de acollida e todas esas Veigas que cada un deles deixaron noutro tempo.
– Eva Moreda (EM): Eu tiña claro que non quería escribir unha novela costumista, un cadro de costumes, e se cadra por iso optei por non perderme demasiado no detalle folklórico de a onde ían os galegos en Londres e onde traballaban e que comían. A novela está centrada en dúas persoas e dúas actitudes vitais fronte a emigración, a de Elisa e a de Gelo, pero era consciente de que, entre unha e outra actitude, cabían moitas máis, e intentei retratalas, aínda que fose en poucas pinceladas, no resto de personaxes. Así, por exemplo, temos a Rita, que é unha muller solteira dunha certa idade que non rompe coa súa vida anterior dun xeito tan espectacular como pode facelo Elisa, pero si que aproveita as oportunidades que lle brinda o novo país ata acadar un status que en Galicia non podería imaxinar. Conscientemente procurei non obsesionarme demasiado coa documentación, máis que dar moitos detalles moi precisos interesábame retratar actitudes vitais máis ou menos universais. (…)
– FL: Nunha entrevista anterior que compartimos con Francisco Castro, finalista da segunda edición do Narrativas Quentes, laiábase de que a literatura erótica non fora abordada polas escritoras galegas. Se vemos as grandes obras eróticas do último século, a meirande parte delas son escritoras: Almudena Grandes, Marguerite Durás, Emmanuelle Arsan…
– EM: No caso da literatura galega, creo que si hai bastante erotismo escrito por mulleres, pero case todo concentrado na poesía. É unha cuestión interesante. Se cadra é que simplemente somos menos narradoras e, en proporción, hai menos mulleres en todos os xéneros, incluído o erótico, que xa é minoritario de por si. Pero, cando escribía Organoloxía, si tiña a sensación de estar transitando un espazo que me era hostil, ou polo menos que non era o meu. (…)”.

Eva Moreda: “Desaproveitouse o capital dos emigrantes retornados”

Entrevista a Eva Moreda en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Chama a atención que nunca fale de lingua galega ou Galiza/Asturias. Sempre usas “como dicimos alá”… Por que esa decisión?
– Eva Moreda (EM): Houbo varios motivos. En primeiro lugar, escribín toda a novela [A Veiga é como un tempo distinto] coa Veiga, a vila onde nacín, na mente, aínda que a Veiga real non coincide exactamente coa Veiga novelada. Pero, obviamente, A Veiga non é administrativamente galega, e penso que podía causar confusión no lector que os personaxes se referisen a Galicia como o seu país de orixe cando, en sentido estrito, non o é. De feito, moita xente aínda se estraña de que, tendo nacido en Asturias, escriba en galego, porque ignoran totalmente que o occidente de Asturias é galegofalante. Pero tampouco quería meterme a fondo co problema do Eo-Navia, cultural e lingüisticamente galego, administrativamente asturiano; aínda que é un tema que me interesa moitísimo, non era esta novela o lugar no que desenvolvelo polo miúdo. Máis que perderme en debates deste tipo, quería presentar A Veiga como un posíbel trasunto de tantas vilas galegas dos 60 e 70 que sufriron a emigración.
– ANT: Vostede que algo coñece Londres, pensa que queda algún vestixio da presenza galega alá?
– EM: Aínda quedan moitas cousas. O Centro Galego, as clases de galego para fillos de emigrantes no colexio Cañada Blanch, nomes de tendas e de negocios que te sorprenden porque a referencia a Galicia é evidente… Logo está a xeración dos que chegamos nos últimos 15 anos, que xa ten un perfil totalmente distinto e na que si que eu vexo unha vontade de facer país desde a distancia.
– ANT: Que futuros proxectos literarios enredan arestora a Eva Moreda?
– EM: Agora mesmo estou enleada con literatura infantil, ou infanto-xuvenil. Non me resulta moi fácil, porque non teño fillos, nin sobriños, nin son profesora de Primaria ou Secundaria, pero intrígame explorar se son quen de escribir algo para este tipo de lectores. Sobre todo para a franxa de idade de 12 ou 13 anos, que é unha idade moi desconcertante. Tamén teño un par de borradores de novelas para adultos nos que me gustaría seguir traballando, pero a miña prioridade agora é a literatura para os máis novos.”

Nace Letra en Obras, unha web para promocionar autores novos

“O colectivo Letra en Obras pon a funcionar hoxe un proxecto web homónimo para promocionar os escritores novos. O primeiro proxecto é o libro 17 letras sen día (en formato pdf e epub e con licenza Creative Commons), con 17 relatos de autores novos, que se presentou o 17 de maio na Libraría Couceiro de Compostela. A autoría dos dezasete textos correspóndelles a Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga, Andrés Carrasco, Raquel Boo, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández, Brais Zas, Alberto Rodríguez, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda.” Vía Galicia Hoxe, Galicia Confidencial e Culturagalega.