A XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral. O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
A XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral terá lugar o 30 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
A inscrición é obrigatoria e previa, seguindo estes criterios:
– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, por un total de 8 horas, farase directamente a través da páxina web da AS-PG
– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org Nel indicarase o nome, apelidos e Documento de Identidade.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes nese momento.
O medo é o temor xeralmente irreflexivo ao descoñecido e unha das emocións básicas, primarias e universais do ser humano.
Existe un medo necesario, que actúa en nós como mecanismo imprescindible para a nosa propia supervivencia, intrínseco, pero que hai que aprender a modular e combater, unha emoción que forma parte da nosa herdanza cultural e da propia experiencia. Énos moi útil pois sérvenos para detectar e prever os perigos que nos poden afectar física ou psicoloxicamente.
Pero hai outro gran tipo de medo, o que exercen uns conxéneres sobre outros de múltiples maneiras, usando toda clase de medios, coa finalidade exclusiva de sometelos á vontade dunha persoa, dun grupo ou dun poder tirano. Este tipo de medo é, probablemente, a arma máis poderosa que existe.
Por tanto, o medo é innato ao ser humano pero tamén arma de control das persoas des que nacemos, individual e colectivamente.
– 10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
– 10.30-11.30 Conferencia: O medo non é libre.
Ana Carreira
Titulada Superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia pola ESAD de Galicia, entra en contacto co mundo teatral da man de Achádego Teatro e da Aula de Teatro da USC. Complementa estas experiencias cunha ampla formación tanto no eido da interpretación como na narración oral e a dramaturxia.
Como narradora oral posúe unha extensa experiencia en moi diversos ámbitos: festivais e ciclos de narración oral, programas de televisión, campañas escolares, itinerarios culturais, campañas de animación á lectura e rotas literarias, como a da novela A praia dos afogados, organizada polo Editorial Galaxia.
Tamén exerce a docencia sobre narración oral no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo do Concello de Vigo.
Na actualidade combina a súa faceta de narradora oral coa de dramaturga e é membro de UBÚ TEATRO e PÍNCONÚS
– 11.30-12.30 Conferencia: Días de contar e cantar: poemas para escorrentar o medo.
Federico Martín Nebras
Escritor, contacontos e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, destaca a importancia de educar os nenos e nenas a través do xogo, do canto e da tradición oral para que poidan ler o mundo a través das palabras. Alén diso, resalta a necesidade de inculcar a lectura desde o nacemento como unha forma de alimentar a alma.
– 12.30-14.00 Mesa redonda: Onde habitan os monstros, mais… habita a palabra?
Ana Carreira e Federico Martín Nebras
Coordina: Lois Pérez
– 16.00-17.00 Conferencia: Arco da Vella, vaite de aí… Relatos míticos que explican porque esconxuramos ó Arco.
Lidia Mariño
Nacida en Portosín en 1984. Diplomada en Fisioterapia, actualmente atópase cursando o Grao de Antropoloxía Social e Cultural na Uned. Realizou varios cursos de extensión universitaria sobre antropoloxía, mitoloxía e ritualística galega; así como de investigación etnográfica, rituais con máscara e crenzas medievais.
En 2012 publica a novela histórica La verdad del bufón e no 2018 participa no libro colectivo “Achegas ao Patrimonio Inmaterial Galego”. Ten publicados numerosos artigos -así como tamén impartido conferencias- sobre diversos aspectos da mitoloxía, os ritos e as crenzas galegas. O seu tema fundamental de investigación é a figura da Vella mítica, que estuda aplicando os métodos da mitoloxía comparada. A esta personaxe está dedicado o seu blogue “Tralas pegadas da Vella”.
– 17.00-18.00 Conferencia: As caras do medo: Narrativas, tipoloxías e caracterizacións na mitoloxía popular galega.
Antonio Reigosa
O medo forma parte da realidade vital e emocional das persoas des que nacen, por iso se expresa simbolicamente e forma parte do imaxinario da humanidade. Segundo a idade da persoa, o lugar e as circunstancias a cultura popular tradicional galega creou diferentes figuras do medo que analizaremos e describiremos.
Naceu en Zoñán, Mondoñedo, 1958. Na actualidade é Responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo e Cronista oficial de Mondoñedo.
Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular, da literatura tradicional e cultura oral. Cofundador do Grupo de Investigación Etnográfica Chaira. Creador en 2005 da enciclopedia virtual Galicia Encantada (galiciaencantada.com) polo que recibiu o Premio Follas Novas do Libro Galego 2021.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), impulsou con Isidro Novo e Lois Pérez proxectos como as Polafías, os premios Mestres da Memoria e as Xornadas de Literatura de Tradición Oral.
Membro do “Comité de Expertos en investigación de campo” do proxecto Corpus de Literatura Oral da Universidade de Jaén.
– 18.00-19.30 Mesa redonda: O medo na mitoloxía popular. Figuras e contexto.
Lidia Mariño e Antonio Reigosa
Nesta mesa abordarase o tema do medo e das súas manifestacións individuais e colectivas desde o punto de vista da mitoloxía popular, as diferentes figuras que o representan e a súa pervivencia no imaxinario colectivo.
Coordina: Cesáreo Sánchez Iglesias
– 19.30-20.30 Sesión práctica: De medos, maxias, músicas e beleza.
Benxamín Otero
Oboísta dende o 1989, formado na clásica Benxamín Otero non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón de outras disciplinas. Mestre de Óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais desembocan en grupos como Curitiba, Grodan defló, Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc…
No mundo audiovisual é o compositor de bandas sonoras para videos comerciais, curtametraxes coma “Alzheimer” de Alex Sampaio, “Viento” de David Argüelles, ou o documental “Piedad” de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos “Primeiro movemento para figuras brancas” e “Historia Natural” e a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico pero sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, “O Asombro”, “Poesía última de LP”, “As pombas de Carboeiro” ou “Os vellos non deben de namorarse”entre outras.
Ultimamente está a realizar “No tempo dun café” xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias, “trece canción bonitas” facendo dúo con Germán Díaz ou o espectáculo musical de Faia “Ao cabo leirín”
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.