Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez gañan ex aequo o 11º Premio Abrente de Textos Teatrais

Desde13729169_10153632491211857_8866966479130160817_n a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia:
“Acta do Xurado do 11º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT Ribadavia.
19 de xullo de 2016
Reunidas:
-Marta Pérez, actriz. (Vogal).
-Iria Sobrado, actiz (Vogal).
-Esther Carrodeguas, dramaturga premiada co 10º Abrente.
-María López, Concelleira de Cultura (Presidenta).
Roberto Pascual, Director da MIT (Secretario).

Acordan:

Conceder ex aequo o Premio aos textos presentados co título Fendas presentado co lema de “Lugasi Karloff” e o titulado Todo sobre Eva, co lema “Todas somos Eva”.

Todo sobre Eva é unha obra con temática urxente, necesaria e que arroxa luz sobre unha problemática global, a violencia simbólica sobre a condición de ser muller e a violencia de xénero.

É un texto poético, con posibilidades moi abertas na súa escenificación. Un berro poético, social e escénico, que bebe da dramaturxia de Heiner Müller e da salmodia dos textos bíblicos.

Fendas é un texto que fala sobre a memoria histórica contrapoñendo o máis escuro do noso pasado co que está sucedendo no noso presente. Amósase quizais con este texto que non están resoltas moitas das cuestións do pasado, que é preciso e oportuno traer aos nosos días. A peza podería trasladarse a calquera tipo de poder social e político que impón a súa maneira de estruturar unha determinada sociedade sen ter en conta todo o legado anterior. Por todo iso, porque está pasando hoxe no mundo, o texto ten unha grande actualidade. Remite ao concepto da banalidade do mal formulado por Hannah Arendt, que expresa a xustificación dos feitos tráxicos sen querer asumir responsabilidades persoais e respondendo con exclusiva complicidade á autoridade.

Abertas as plicas, o autor e a autora premiados son:
Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez.”