Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro

“A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
– 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
– 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
– 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html.”

Congreso Mil e un Cunqueiros, do 28 de setembro ao 1 de outubro

“En 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.
A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.
No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso Mil e un Cunqueiros. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser un punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.

O programa, que pode estar suxeito a cambios, pode consultarse aquí:

* Mércores, 28 de setembro:
Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro s/n.). Santiago de Compostela:
10:00 h. Inauguración
10:30 h. Conferencia As miñas lecturas de Cunqueiro, por César Antonio Molina (Casa del Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez).
12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?, por Thomas Harrington (Trinity College, Hartford-Connecticut).
13:00 h. Mesa redonda Achegas á biografía cunqueiriana: Xosé Luís Franco Grande (escritor),
Rexina Vega (Universidade de Vigo) e Xosé M. Dasilva (Universidade de Vigo)..
16:30 h. Sesións de comunicacións.
18:00 h. Mesa redonda Cunqueiro e os medios de comunicación: Miguel Somovilla (Director de comunicación da RAE), Iago Castro (Universidade de Vigo) e Manuel Outeiriño (Universidade de Santiago de Compostela).
19:30 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, unha mirada holística, por Anxo Tarrío (Universidade de Santiago).

* Xoves, 29 de setembro:
Paraninfo da Universidade da Coruña (Maestranza, 9).
09:30 h. Sesións de comunicacións.
11:30 h. Pausa.
12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, José J. Veiga e a literatura fantástica, por Regina Zilbermann (Universidade de Rio Grande do Sul).
13:00 h. Mesa redonda O herdo de Cunqueiro: Xosé María Álvarez Cáccamo (escritor), Francisco Salinas (Universidade da Coruña) e Xosé Miranda (escritor).
16:30 h. Sesións de comunicacións.
19:00 h. Conferencia Cando xogan dobre a novela e o seu autor. Proceso de configuración textual en Merlín e familia/Merlín y familia, por Martine Roux (Universidade de Angers).
20:00 h. Proxección cinematográfica (CGAI).

* Venres, 30 de setembro:
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela:
09:30 h. Sesións de comunicacións.
12:00 h. Conferencia Cunqueiro en castelán. Breve historia dunha recepción, por Fernando Valls (Universitat de Barcelona/Universidade de Berlín).
13:00 h. Mesa redonda O popular en Cunqueiro, con María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago de Compostela), Camino Noia (Universidade de Vigo) e Marcial Gondar (Universidade de Santiago de Compostela).
16:30 h. Sesións de comunicacións.
19:00 h. Conferencia Os lugares do intelectual, por Jordi Gracia (Universitat de Barcelona).
20:00 h. Representación teatral.

* Sábado, 1 de outubro:
Vigo, nun lugar pendente de confirmación
10:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental, por Alberto Moreiras (TAMU, Texas A&M University).
11:00 h. Mesa redonda Os outros mundos de Cunqueiro, con César C. Morán Fraga (escritor), Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona).
13:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona, por John Rutherford (Universidade de Oxford).

Inscrición:
A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do Consello da Cultura Galega. O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza. As persoas con comunicación aceptada deberán seguir o mesmo procedemento de preinscrición que o resto das persoas interesadas (formulario de preinscrición). O número de prazas é limitado (100 persoas).

Tarifas de inscrición:
O pagamento da matrícula realizarase no prazo sinalado para a inscrición de asistentes (con ou sen comunicación), do 15 de xuño ao 15 de setembro, no seguinte número de conta: NOVACAIXAGALICIA 2091-0300-47-3110063172. Importante: O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza.
• Inscrición con comunicación: 40 euros.
• Inscrición sen comunicación: 20 euros.
• Parados e estudantes: desconto do 50% sobre as tarifas anteriores.
Para formalizar a matrícula debe enviarse o xustificante de pagamento. Se está nos grupos de matrícula reducida, debe incluír tamén unha copia da tarxeta do paro ou da matrícula no curso 2010-2011.”