Gisele Mato: “O sufrimento non debe ser algo íntimo porque está para atraer a mirada e o coidado do outro”

Entrevista de Laura Veiga a Gisele Mato en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que quería transmitir con Habitar as fendas?
– Gisele Mato (GM): Habitar as fendas é unha continuación dunha reflexión que comecei co meu poemario anterior, Fraxilidades. Entendo a poesía como unha forma de conversa, de lanzar preguntas e que as persoas que lean poidan seguir reflexionando. Dentro desta continuidade, quedábanme cousas por contarme e por contar.
A conversa en ambos os poemarios xira arredor do ser humano e de esquecernos desta extensión que somos de dispositivos, das persoas máquinas. É reflexionar sobre o que nos fai seres humanos, como a vulnerabilidade ou o sufrimento, e poder mirarnos as fendas, as feridas, e que facemos con elas. Penso que o sufrimento, a dor, ten consecuencias nos afectos, na forma na que nos relacionamos, no corpo, e quería explorar todas estas facetas.
– ND: É unha reflexión que xira arredor do sufrimento individual para achegarse ao sufrimento universal?
– GM: A poesía permite abrir o debate sen dar nada por concluído nin dar nada por feito. As imaxes permiten que as persoas interpreten aquilo que lles resoe. Interésame moito tocar emocionalmente porque é desde onde se poden ter unhas reflexións máis fondas sobre o que nos pasa. Tamén quería afastarme do que é o sufrimento como espectáculo. Unha cousa é tapar a dor e ensinar as máscaras do sorriso, que é algo que se nos dá moi ben, mais tamén se dá o outro extremo que é abrirse e expor toda esa dor nunha canle de Youtube de formas verdadeiramente obscenas.
O sufrimento é unha emoción que merece reflexión e atención, porque senón as fendas supuran, e creo que desde logo non é algo íntimo. Debemos compartilo e observalo, porque para iso están as emocións que consideramos negativas, para atraer a mirada e o coidado do outro; mais é moi diferente facer isto a exhibirnos e facer un negocio da nosa propia dor.
Igual que cando te cortas e tes unha ferida física miras para ela e intentas coidala ou incluso pides que a mire un médico, as fendas emocionais normalmente son tapadas. Vivimos nunha vertixe que non nos permite pararnos e ver que está a acontecer, que nos están a dicir as nosas emocións negativas. Queremos fuxir delas e agochalas a través de filtros de Instagram. Quería salientar a posibilidade de facer algo coas emocións negativas e deixarnos de tanto postureo. (…)”

Gisela Mato Rivera obtén a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

“Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, obtivo a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades, de entre 74 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio. (…)
O xurado deste ano estivo composto por: Tamara Andrés, Oriana Méndez e Sara Plaza.”