Agustín Fernández Paz recolle o Premio Trasalba nun país de “liberdade limitada” para galegofalantes

Desde Sermos Galiza:
“Recibiu o Premio Trasalba e, máis unha vez, presentouse herdeiro dos soños da xeración Nós. O escritor Agustín Fernández Paz criticou no seu discurso a condición de “libertade limitada” que padecen @s galegofalanes e lamentou o doado que é desfacer o que tanto tempo “custou construír”. (…)
O discurso de Agustín Fernández Paz ao recoller o Premio Trasalba foi contundente á hora de criticar os pasos atrás no proceso de normalización lingüística. “Na Galiza de hoxe as persoas galegofalantes temos a nosa liberdade limitada”, dixo o escritor que defendeu o espazo de normalidade para a lingua e mostrou a súa confianza na rede e nas iniciativas sociais para pular contra a ofensiva que bate no galego.
Como un “dos mellores escritores do noso tempo” que “traballa sempre desde o compromiso coa nosa lingua” definiu o tamén escritor e presidente de Galix, Francisco Castro, ao autor da recente A viaxe de Gagarin (Xerais), un título que se engade a súa ampla e valorada obra que o converteu nun dos escritores máis lidos e traducidos da nosa literatura.
O acto de entrega do premio Trasalba tivo lugar este domingo día 29 de xuño na casa museo de Ramón Otero Pedrayo. A Fundación Otero Pedrayo decidira por unanimidade da súa xunta de goberno concederlle o recoñecemento a Fernández Paz nesta edición número 32 para o que valoraron “moi especialmente“ a súa significación na literatura dirixida aos lectores máis novos “ámbito no que o autor ten acadado recoñecida sona dentro e fóra das nosas fronteiras, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece”. (…)”

Agustín Fernández Paz, Premio Trasalba

Desde Sermos Galiza:
“O Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño. (…)
O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica. (…)”

Obradoiros literarios dirixido ás mulleres sobre Ramón Otero Pedrayo

“A Fundación Otero Pedrayo organiza durante os meses de outubro e novembro, catro Obradoiros Literarios dirixido a mulleres que gravitarán arredor da figura de don Ramón. Dirixidos a quen gusta de escribir e centrados no libro de Otero Pedrayo, Historia dun neno, as asistentes, en xornadas de venres e sábado, asistirán a, por unha banda, un Obradoiro de Escrita Creativa con Francisco Castro e a unha sesión de Contacontos e Oralidade con Eugenia Muñoz. Os Obradoiros desenvolveranse nas localidades ourensás de Trasalba, Amoeiro, Coles e Vilamarín. Máis información inscricións no enderezo electrónico fundacion.otero.pedrayo@gmail ou no teléfono 988.281.139″. Desde Fervenzas Literarias.

Trasalba: Roteiro literario Trasalba, terra literaria, baseado na obra de Ramón Otero Pedrayo

“Este sábado, día 10 de setembro, terá lugar a posta en marcha do primeiro Roteiro Literario baseado na obra do escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo e circunscrito á parroquia de Trasalba. Dito roteiro, obra de Patricia Arias Chachero co título Trasalba, terra literaria. Unha viaxe a través da obra de Ramón Otero Pedrayo, foi publicado pola Fundación Otero Pedrayo e presentado na derradeira festa do premio Trasalba 2011. Neste primeiro percorrido, participarán fundamentalmente as veciñas e veciños da parroquia trasalbesa, moitos deles ou os seus parentes, mencionados nas obras de don Ramón. As guías deste roteiro serán a propia autora, Patricia Arias Chachero, e Susana González Rodríguez, encargada de mostrar a Casa Museo Otero Pedrayo. A saída terá lugar ás 9:00 h da Casa Museo de Trasalba. A Fundación proxecta realizar estas visitas con carácter periódico cunha convocatoria pública e dun xeito privado ofertándoas aos centros de Ensino Medio.” Vía Galaxia. Crónica posterior deste roteiro tamén na propia web de Galaxia.

Ramón Lorenzo, premio Trasalba

‘(…) En opinión dos promotores do Premio Trasalba “a figura de Ramón Lorenzo encarna a tradición do estudo e modernización da nosa lingua dende os máis altos niveis da esixencia intelectual, con proxección en universidades e centros de estudo de todo o mundo, así como unha traxectoria ética intachable a prol do noso idioma e da nosa cultura”.’ En Galaxia, A Nosa Terra e Xornal.