Sobre Camilo, por Suso de Toro

DesdeCamilo Nogueira Sermos Galiza:
Reproducimos a seguir o discurso de laudatio que pronunciou o escritor Suso de Toro durante o acto de entrega a Camilo Nogueira do Premio Trasalba, recoñecimento que institúe a Fundación Otero Pedrayo.
(…) Non acredito no pupilato de mestre ningún, mais acredito no maxisterio. Cada quen debe procurar onde achar o maxisterio que precise e logo mirar de recibilo a certa distancia, ter sempre unha reserva para garantir a liberdade de criterio. Precisamente o maxisterio máis proveitoso, o que nos fai libres é o que se recebe de quen vive o seu destino libremente, sen ollar para as costas e sen pretensión de ter pupilos. Por iso digo con naturalidade que considero a Camilo Nogueira o meu mestre para cousas fundamentais, e mais digo tamén que é mestre para min pola admiración que libremente lle teño. (…)
Mais como debo explicar o motivo e os fundamentos deste recoñecemento que se lle fai hoxe aquí, teño que precisar que esas capacidades o rapaz do barrio vigués do Calvario púxoas de modo absoluto ao servizo dun soño chamado “Galiza”, máis concreto, “a nación galega”. Unha nación que pode ser interpretada de moitas maneiras mais tan fecunda, ancha e real que nela poderían convivir e conviviron aquel don Ramón Otero Pedrayo, a quen coñecimos como o oficiante dun vello rito aveso, co fillo daquel Camilo Nogueira Martínez, o escultor do agrarismo e o galeguismo e dirixente do Partido Galeguista vigués. Otero ofrecíanos unha visión persoal e sentida dun pasado tan real como imaxinado, os Nogueira ofrecían e ofrecen a continuidade xeracional dun futuro posíbel. O galeguismo cara atrás e cara adiante. E no caso do noso Camilo, ao soño nacional hai que lle sumar a utopía da esquerda. O galeguismo é unha forza creadora de realidades diversas.
Hai quen crea realidades históricas a través da capacidade destrutora da guerra e quen crea a través da paz, o Camilo é desta xente. É da xente que inventa técnicas e tecnoloxías que cambian a vida, da xente que agrupa e organiza as capacidades económicas, da que crea organizacións sociais para avanzar, da que analiza o que ten diante e ofrece solucións, da que fai todo iso alimentada por un soño utópico….
Camilo por natureza é un intelectual, aínda que a súa figura non encaixe nunha cultura modelada polo academicismo borbónico e campe fóra de calquera linde. O seu campo é o pensamento, mais non é un pensamento estático que dea voltas sobre si mesmo, senón que se dirixe a realidade que o rodea para transformala. (…)”

O galeguismo agasalla a Camilo Nogueira en Trasalba

DesdeCamilo Nogueira Galaxia:
“Unha xornada emocionante. Amigos, compañeiros de andaina política, xente vencellada á cultura galega e ao galeguismo, mesmo de distintas xeracións, confluíron o domingo en Trasalba, na Casa Grande de Cimadevila, para homenaxear a Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936), por toda una vida comprometida con Galicia e o galeguismo. O espírito de Otero Pedrayo e da Xeración Nós deixábase sentir no ambiente, coa idea de Europa en primeiro plano, idea tan querida por Camilo, igual que o foi no seu día por Castelao, Otero, Vicente Risco, Villar Ponte…
O escritor Suso de Toro encargouse da laudatio. Unha intervención documentada e sentida, entregada á personalidade da figura a homenaxear, á que no anos 80 dedicou un libro de conversas: Camilo e outras voces (Xerais). “O optimismo da vontade e da intelixencia. A Idea de Galicia sempre en positivo, sempre para avanzar, porque a vontade das persoas é fundamental para construir o futuro dos pobos”, en palabras de Suso de Toro.
Camilo agradeceu o Premio e fixo una chamada á ilusión, a unidade de esforzos para seguir construíndo o país, porque as ideas seguen vivas “e non debemos deixarnos levar por circunstancias que debemos analizar e superar. Galicia é hoxe moito máis forte que hai cincuenta ou sesenta anos, ten moitísima máis creatividade, dispón de moitos mais recursos. Só temos que sabelo organizar e activar”. A continuación, recibiu de mans do Presidente de Honra da Fundación Otero Pedrayo, Xesús Alonso Montero, a figura en bronce de Otero Pedrayo, realizada polo escultor Manuel Buciños,
Actuou no acto o grupo musical Tundal, e presentáronse dous novos títulos da Fundación: a primeira entrega das memorias de Otero Pedrayo, Lembranzas do meu vivir, que comentou o profesor Ramón Villares, autor do limiar; e a recuperación de Parladoiro, escolma xornalística de Otero que no seu día, en vida do autor, realizou o profesor Carlos Baliñas. O presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes, fixo tamén referencia ao Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que este ano se concedeu ao libro de Alfonso Mato e Santiago Lamas, De camiños, viaxeiros e camiñantes, unha homenaxe á viaxe a pé que en 1927 realizaron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey.”

Camilo Nogueira (Galaxia xuño 2016)(Fotomontaxe publicada por Galaxia)

Camilo Nogueira, recoñecido co Premio Trasalba

DesdeCamilo Nogueira Sermos Galiza:
“O economista, enxeñeiro, ensaísta e político galego Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936) recibirá o próximo 26 de xuño o Premio Trasalba que todos os anos concede a Fundación Otero Pedrayo a unha personalidade destacada no galeguismo. O escritor Suso de Toro, que en 1991 publicou o libro de conversas Camilo Nogueira e outras voces, será o encargado de pronunciar a correspondente laudatio, e a Fundación, como vén sendo habitual, publicará un libro-homenaxe ao premiado.
A Fundación valora a personalidade de toda unha vida entregada á causa de Galiza, da súa identidade nacional e cultural, salientando de xeito especial a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo.
A xeración Nós comprometeuse moi decididamente na dimensión europea e europeísta de Galicia como nación. Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, entre outros, pronunciáronse moi conscientemente por este vencello histórico, que enmarca Galiza na construción do grande universo europeo mesmo desde as primeiras concepcións da Europa moderna. Como ensaísta, ademais de como político, Camilo Nogueira desenvolveu e desenvolve unha intensa actividade nesta dirección, con libros como Europa, o continente pensado (2008) e Galiza na Unión (2008). (…)”

A Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 1 e domingo 2

OFeira do Libro da Coruña 2015 sábado 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o 1 e 2 de agosto:

Sábado 1
12:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Mercedes Queixas Zas.
19:45 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
20:30 h. Presentación de O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, publicado en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema.

Domingo 2
18:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Presentación de A Normalização Linguística. Uma Ilusão Necessária, de Mário Herrero, publicado por Através. Participa no acto Afonso Mendes.
19:30 h. Elena Gallego Abad asina exemplares de Dragal e Sete Caveiras na caseta da Secretaría.
19:45 h. Manuel Blanco Desar presenta Galicia: Un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Justo Beramendi.
20:00 h. Presentación do libro-disco Sira e o robot. Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, e ilustrado por Iván Sende, publicado por Xerais. Actividade musical na carpa infantil.
20:30 h. Presentación de Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga, publicado en Xerais, coa participación Lourenzo Fernández Prieto.
21:15 h. Presentación de Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, publicado en Xerais. No acto terá lugar unha conversa do autor con Manuel Bragado.

Vigo: actividades destacadas do martes 7 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 martes 7 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
19:45 h. Presentación do último número da revista Grial.
20:30 h. Homenaxe poética a María do Carme Kruckenberg, organizada pola Editorial Galaxia e presentada por Mercedes Queixas Zas. Pechará o acto o grupo musical Xardín Desordenado.

Ourense: actos destacados do xoves 4 na Feira do Libro

O11351139_1099085193438644_2895588946783956781_n xoves 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

19:30 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, da Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor Fernández Freixanes.
20:30 h. Ramón Caride presenta O frío azul, da colección Alcaián, de Urco Editora.

Lugo: presentación na Feira do Libro o mércores 13

OFeiras do Libro 2015 mércores 13 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Dentro das súas actividades, destaca:
20:00 h.  Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor Fernández Freixanes, presidente da Fundación.