Novo simposio de galicianistas na Universidade de Michigan

Desde Sermos Galiza:
“Paralelamente á Feira do Libro de Bos Aires, a cultura galega tamén está a ser protagonista en Ann Arbor, onde se celebra do 20 ao 23 de abril o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, con importante presenza tanto de investigadores como de persoas da cultura chegadas desde Galiza.
Os estudos galegos están a vivir un momento de crecemento nos Estados Unidos, e este simposio, que coordina a profesora da Universidade de Michigan en Ann Arbor, Cristina Moreiras, non fai máis que confirmalo. Nel participan, ademais de estudosos da cultura galega de todo o país, os escritores Miguel Anxo Murado, María Reimóndez e Suso de Toro; os xornalistas Pemón Bouzas e Xosé Manuel Pereiro; o produtor audiovisual Felipe Lage; os cineastas Eloy Enciso e Lois Patiño; o fotógrafo Manuel Sendón, ou o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero.
No Simposio participan máis de 40 galicianistas de universidades de todo Estados Unidos, como Princeton, Wisconsin, Houston, Ohio, Massachusets ou Texas, entre moitas outras. Os temas a tratar van desde a identidade galega, a lusofonía, o novo cinema galego ou obras dos clásicos como Rosalía de Castro até artistas contemporáneos como Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Sés, Dios Ke Te Crew, entre outros.
Malia que só hai un centro galego, a cátedra na CUNY (City University of New York, fundada por Kathleen March nos anos 80), nos últimos anos os estudos galegos en Estados Unidos deron un salto significativo neste país. A entrada dunha lingua minorizada como o galego na MLA, a organización académica de linguas e culturas que agrupa máis socios en todo o mundo, supuxo un fito no galicianismo e un “recoñecemento sen precedentes para a nosa cultura”, segundo Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin e un dos impulsores desta candidatura.
En novembro de 2014 acadouse a aprobación do Foro de Lingua, Literatura e Cultura Galegas na MLA e este xaneiro houbo no seu congreso anual (ao que asistiron unhas 7.000 persoas) catro sesións dedicadas a Galiza cun total de 13 relatorios impartidos por outros tantos estudosos da cultura galega.”

Aberto o prazo a comunicacións para o XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (Bos Aires, do 6 ao 8 de abril de 2015)

o_ce23c8a7a96b211a_001o_ce23c8a7a96b211a_002o_ce23c8a7a96b211a_003o_ce23c8a7a96b211a_004o_ce23c8a7a96b211a_005o_ce23c8a7a96b211a_006o_ce23c8a7a96b211a_007

Preséntase en Ferrol “A lingua galega na cidade do século XX”, de Gabriel Rei Doval

Na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación do libro A lingua galega na cidade do século XX (Xerais), de Gabriel Rei Doval. No acto intervirá, ademais do autor, Fernando Ramallo, da Universidade de Vigo. Será o venres 20 ás 20:00 horas.