Fran Alonso: “É unha impotencia”

Entrevista a Fran Alonso en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Ten algún proxecto para a próxima temporada?
Fran Alonso (FA): Teño un libro de narrativa que acabo de entregar, e outro rematado dende hai un ano e pico que supoño que sairá en 2011. Como son lento escribindo, teño pouco tempo, estou nun momento no que me coinciden cousas nas que estiven traballando estes anos. De feito teño un poemario que supoño que sairá no outono. (…)
GH: A literatura para un escritor é á vez unha profesión e un hobby?
FA: Depende do concepto que teña cada un. Para min é unha profesión, e creo que os escritores deberían te-la opción de profesionalizarse sempre que quixesen. Teño a sensación de que pasan os anos e non escribo todo o que me gustaría. Hai moitos proxectos literarios que me quedan sen escribir por falta de tempo, é unha especie de impotencia que ás veces vivimos os escritores por non nos poder profesionalizar dende o punto de vista económico, porque si o estamos na medida en que temos unha obra coa que somos ou intentamos ser esixentes, temos uns requirimentos que nos fan levar un ritmo de vida dun escritor profesionalizado, e iso haino que compatibilizar cunha xornada laboral.

María Xosé Queizán: “A axilización das ideas”

Entrevista a María Xosé Queizán en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Ten algún proxecto literario?
María Xosé Queizán (MXQ): Estou repasando un ensaio que vai saír en outuno, creo, e unha obra de teatro que tamén teño escrita. Probablemente me dedicarei ás miñas memorias, pero iso xa o veremos.
(…)
GH: Estivo lendo neste verán?
MXQ: Estou con Ideas sobre la complejidad del mundo de Jorge Wagensberg, un científico filósofo. Tamén estou lendo un libro de Ángel Rodríguez Gallardo sobre as vidas de Enriqueta Otero Blanco e Genes, pueblos y lenguas, de Luigi Luca Cavalli-Sforza. Pola noite leo novelas de crime e policiais.”

Marilar Aleixandre: “Estimulando o intelecto”

Entrevista a Marilar Aleixandre en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para unha escritora é ó mesmo tempo profesión e hobby?
Marilar Aleixandre (MA): En certo modo si, aínda que a profesión da que vivo eu é ensinar e investigar na universidade.
GH: A escritora sempre ten un libro baixo o brazo?
MA: No meu caso, si, por exemplo neste intre o que dicía de Modiano.”

Darío Xohán Cabana: “O vicio de escribir”

Entrevista a Darío Xohán Cabana en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é ó mesmo tempo profesión e hobby?
Darío Xoán Cabana (DXC): Para min non é unha profesión porque non vivo dela. Tampouco é un hobby, xa que é unha cousa moito máis seria ca iso. É un vicio, pois unha vez que te metes nela é coma o tabaco, que non o dás deixado.
GH: O escritor sempre ten un libro baixo o brazo?
DXC: Non, un escritor é un cidadán normal e corrente coma outro calquera, ó que lle gusta tomar uns viños, dar un paseo, estar sen facer nada ou falar coa xente.”

Víctor F. Freixanes: “De viños e cartas”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é ó mesmo tempo profesión e hobby?
Víctor F. Freixanes (VF): Máis ben diría que, para un escritor, a literatura é unha especie de chute en vea.
GH: O escritor sempre ten un libro baixo o brazo?
VF: No meu caso teño varios, e tamén por varias razóns. Poden ser para ir lendo, para ve-lo que están facendo os colegas, ou para ir adquirindo unha aprendizaxe para logo poder compartir con outros escritores.”