Alberte Valverde: “Vexo Rompente constantemente: na crise económica, na situación do país que temos hoxe”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Alberte Valverde en Praza (foto da Universidade de Vigo):
“”Rompente é un espazo de convivio, de diálogo, e de experimentación. Foi o acicate necesario que houbo na Transición para renovar por completo o campo literario galego”. O pasado mes de decembro Alberte Valverde presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, Elementos para a descrición e análise da vangarda no final do século XX na Galiza: o grupo Rompente (1975-1983), dirixida por Burghard Baltrusch. O traballo, unha biografía artística de Rompente, serviu para organizar, sistematizar, dixitalizar e dar a coñecer os textos poéticos, teóricos e performáticos do grupo, tanto os xa publicados e coñecidos, como unha morea de inéditos. “Ante a falta de interese de todas as editoriais” por publicar a tese -destaca-, o obxectivo inmediato é que estes textos, especialmente os inéditos, sexan difundidos a través da web, nun proxecto que deberá concretarse á volta do verán.
A maior parte dos textos inéditos que esta investigación saca á luz estaban nas propias bibliotecas persoais dos integrantes do grupo. Por exemplo, Alfonso Pexegueiro conservaba un inédito teórico de 1977, aínda que a meirande parte das descobertas foron feitas grazas a Manolo Romón, “auténtico arquiveiro de Rompente”, destaca Alberte Valverde. Ademais dos textos poéticos, Valverde destaca a importancia dos traballos teóricos sobre Teoría da Literatura, política ou ideoloxía na Galicia da Transición, “cunha importancia moi grande para o campo literario galego, porque fan unha reflexión na súa propia contemporaneidade”. E despois habería un terceiro grupo de textos, os máis deles inéditos, que serían os textos performánticos. “Rompente son os primeiros que traballan a performance de xeito serio, non como simples espectáculos poéticos. Os documentos das performances estaban inéditos, a única información que tiñamos era a través da prensa da época ou por exercicios memorísticos”, sinala. (…)”

A literatura máis cool, segundo 8 escritores galegos

Desde Disquecool:
“Se algo concluímos desta moi limitada enquisa é que hai un libro galego que destaca sobre todos os demais no que a orixinalidade se refire. É De catro a catro, de Manuel Antonio, que nós xa colocamos o ano pasado como o libro máis cool da historia da literatura galega, e que elixiron dous dos nosos escritores. Antón Riveiro Coello explica: “Porque para min segue a ser un libro diferente, fresco, orixinal, moderno. Se cadra, a mellor viaxe literaria polo mar das vangardas.”  Fran Alonso detalla: “De catro a catro é –continúa a selo– un libro distinto, profundamente cosmopolita, innovador, orixinal moderno e irreverente (igual que o propio Manuel Antonio).De catro a catro é inimitable, inconformista e indomable, é dicir, un libro «in».De catro a catro é un libro incansablemente recorrente e recorrido na literatura galega, fonte continua de reescritas, de reinterpretacións desde a contemporaneidade, de incitación a navegar no mar da literatura. E é que é o noso libro máis intensamente contemporáneo, probablemente. Eu, cando tiña 18 anos, sentaba diante dun radiocasete co libro De catro a catro entre as mans e recitaba poemas que gravaba unha e outra vez. Desde as páxinas de De catro a catro un pode aprender a vida e a literatura. Aprender o mundo. É unha viaxe profunda, unha viaxe axitada, unha viaxe iconoclasta e intemporalmente actual.De catro a catro é o libro máis cool da literatura galega. É coolísimo!” (…)
Iolanda Zúñiga expláiase sobre un libro que aínda non limos, pero queremos facelo xa: “Eu sempre fun moi fan do colectivo de poetas Rompente. O único libro que teño, coidado coma un tesouro, é unha antoloxía de poemas seus que editara Xerais na colección Ablativo Absoluto. O título é Upalás, e non só agrupa textos dos tres poemarios editados polo colectivo, senón poemas individuais dos seus autores e unha parte final que se titula: “Textos de resistencia e comunicación”. Considero que Rompente é o máis cool que paríu a nosa literatura. (…)”