Dores Tembrás: “O pulso poético da Coruña é extraordinario”

Entrevista Dores Tembrásde Guillermo Pardo a Dores Tembrás en Coruña Daily News:
“En colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Concello da Coruña retoma o sábado 17 os paseos literarios pola cidade, unha iniciativa que se iniciou e desenvolviu con éxito o ano pasado. Dores Tembrás será a escritora que guíe este primeiro roteiro da tempada, do que apunta algunhas cuestións ao tempo que reflexiona sobre o xeito de pousar a mirada na cidade. (…)
– Coruña Daily News (CDN): – Que Coruña vai descubrir Dores Tembrás aos participantes?
– Dores Tembrás (DT): Agardo que unha Coruña que se ergue entre o íntimo e o público, con poemas d’O pouso do fume e algúns inéditos. Interésame que o paseo sexa un encontro cun tempo pasado, pero tamén coa vangarda da cidade, onde ademais estarán presentes autores moi admirados ligados a ela.
– CDN: En que se debería fixar e deter unha persoa que visita unha cidade?
– DT: Non me atrevo a aconsellar. A min gústame pasear con tempo, visitar os monumentos, os museos, pero sobre todo camiñar, buscar unha papelería, un restaurante agradábel, un parque…
– CDN: E un coruñés que ve a súa todos os días?
– DT: Preparando este paseo descubrín por exemplo unha ruta pola Coruña modernista que me puxo na pista de edificios por diante dos que pasei moitas veces e nos que non reparara. Creo que a cidade é infinda.
– CDN: Para vostede que é poeta, onde está o poesía da Coruña?
– DT: O pulso poético da cidade é extraordinario, dende a oferta cultural, recitais, librerías que alentan as presentacións, número de poetas, os cursos de escrita poética… A pregunta sería: onde non está?
– CDN: Déanos unha exclusiva para o Coruña Daily News. Que está a escribir? Está traballando na publicación dalgunha nova obra?
– DT: Agora estou máis centrada no labor editor e de formación en Apiario. Pero teño un par de proxectos abertos aos que espero regresar no vindeiro ano.”