“O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe o Encontro Festlatino 2012, As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional. Coordinado por Henrique Monteagudo e Humberto França, o encontro ten como obxectivo poñer en diálogo cultural a países de linguas e culturas neolatinas de Europa, África, as Américas e Asia. Deste xeito, no evento están a participar representantes do Instituto Cervantes, do Instituto Camões e do Ramon Llull, canda representantes das artes, da universidade e das institucións galegas.
Entre eles, pola mañá celebrouse a mesa redonda A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional, na que participaron o escritor Suso de Toro, o editor Manuel Bragado e a catedrática da USC Margarita Ledo, achegando diferentes perspectivas sobre a proxección internacional da literatura e o audiovisual. O escritor Suso de Toro aludiu ás dificultades para un escritor en galego de conseguir ser incorporado como tal dentro do Estado español. De Toro referiuse á relevancia do contexto cultural do autor como parte da súa visibilidade exterior: “un escritor sempre leva canda el o prisma nacional”. O escritor compostelano sinalou que “o balance da miña experiencia peninsular é que sempre encaixamos parcialmente. Recíbennos como un sitio de narcotráfico ou de ananos do bosque”. O escritor sinalou que “a miña experiencia é que a nosa lingua, sen un Estado que a respalde, non vai funcionar”. O editor e presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, referiuse á “fantasía” das cifras, que aínda que sinalan datos relevantes sobre o sector do libro en galego, na práctica non se substancian nunha visibilidade exterior clara. Bragado demandou a creación dunha Oficina da Literatura Galega, na que estiveran implicados todos os axentes do sector, e de “menor rango” que o proxecto do Instituto Rosalía de Castro que tiña o bipartito. Pola súa banda, a catedrática de comunicación audiovisaul Margarita Ledo sinalou a dificultade da produción audiovisual galega para ser emitida en versión en galego no propio país, e as dificultades de internacionalización do audiovisual galego se non hai unha política cultural que aposte por ela.” Vía Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Humberto França
Santiago: Encontro Festlatino 2012. As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional
O Consello da Cultura Galega ten como encomenda estatutaria a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Nos últimos anos véñense desenvolvendo encontros e convenios con distintas institucións públicas e entidades culturais con vistas a contribuír ao diálogo da cultura galega con outras culturas e á súa proxección no exterior. Nesta liña de traballo o Consello da Cultura Galega organiza en colaboración co Movimento Festlatino o seminario As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional que terá lugar o martes, 3 de abril de 2012, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Nel participarán representantes de institucións das distintas culturas da península ibérica vinculadas á súa proxección exterior e á promoción do diálogo intercultural (Institut Ramón Llull, Instituto Camões, Instituto Cervantes, o propio Festlatino), xunto a persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego. O encontro está coordinado por Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) e Humberto França (Movimento Festlatino).
O Festlatino é nun movemento cultural, literario e educacional que ten como obxectivo fomentar o diálogo cultural entre os países e zonas de linguas e culturas neolatinas de Europa, África, Américas e Asia. Anualmente celebra un congreso no Recife e seminarios preparatorios en varios países de linguas neolatinas que reúnen persoas relevantes do ámbito da escrita, filoloxía, profesorado, arte, estudantado, diplomacia, xornalismo, xestión e liderado cultural e político e promoción cultural. O Movimento Festlatino ten como presidente de honra ao Dr. Mário Soares, ex-Presidente da República Portuguesa, e está dirixido por un consello formado por vinte e seis personalidades do mundo da cultura e linguas de doce países. O seu coordinador xeral é Humberto França.
Para asistir é preciso confirmar asistencia previamente no correo electrónico difusion@consellodacultura.org. O programa do Encontro é o seguinte:
– 09:30 h. Inauguración.
– 10:00 h. O Instituto Camões e a proxección internacional da cultura e a língua portuguesa, por Ana Paula Laborinho, Instituto Camões.
– 11:00 h. El Instituto Cervantes y su proyección americana, por Francisco Moreno, Instituto Cervantes.
– 12:00 h. Pausa.
– 12:30 h. Mesa redonda: A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional. Con Suso de Toro, Manuel Bragado e Margarita Ledo, moderados por Humberto França.
– 16:00 h. O movemento Festlatino e a súa proxección internacional, por Isabel Pires de Lima, Festlatino.
– 17:00 h. Promocionando la literatura catalana, por esos mundos de Dios, por Àlex Susanna, do Institut Ramon Llull.
– 18:00 h. Pausa.
– 18:30 h. Mesa redonda: As institucións galegas e a proxección internacional da cultura galega. Con Enrique Sáez Ponte, Francisco Fernández Rei e Valentín García, moderados por Henrique Monteagudo.”