Finalistas do 34º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 16 de maio, venres, ás 19:30 no auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía.
O xurado, reunido o 26 de abril de 2025 ás 10.30 horas en dependencias do Concello de Arteixo, decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
A expedición Reynolds e a tribo dos tul’ati, presentada baixo o lema “Ariel Leira” e con autoría de Héctor Cajaraville Araújo;
Bum, presentada baixo o lema “Pantone 422 C” e con autoría de Nerea Pallares Villar.
Ser amábel, presentada baixo o lema “O fío que une as cousas” e con autoría de Inmaculada Núñez Núñez.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
No acto de entrega contaremos coa presenza do xurado, quen fará unha valoración sobre as obras premiadas así como sobre a presente edición do Certame.
No mesmo acto presentarase a publicación A garza alucinada, volume que integra os relatos gañadores nas edicións dos anos 2022-2024 e contarase coa actuación estelar da Escola de Música Tradicional da A. X. Xiradela.”

Premios concedidos no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo 2023


“O pasado 5 de maio celebrouse a cerimonia de entrega de premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo.
O xurado, composto por Ana Cabaleiro López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Esperanza Luz Mariño Davila (representante da Asociación Galega da Crítica), José Ignacio Silva Regueira (primeiro premio na 31ª edición) e Alfredo Ferreiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os seguintes premios:
O primeiro premio para Sinfonía a 3 voces sobre unha cidade a tumba aberta, presentada baixo o lema “Unha historia posible” e con autoría de D. Roberto Rodríguez González (no seu nome recolleu o premio por causas xustificadas D. Anxo Sánchez), que contou coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra;
O segundo premio para Levidade, presentada baixo o lema “Etérea” e con autoría de D. Agustín Agra Barreiro, que contou coa seguinte dotación: 2000€ e a edición da obra;
O terceiro premio para Endodoncias, presentada baixo o lema “Paki” e con autoría de Dna. Inmaculada Núñez Núñez, que contou coa seguinte dotación: 1000€ e a edición da obra.
Os premios, elixidos entre 55 concorrentes, coñecéronse durante unha cerimonia que presentou Alfredo Ferreiro e contou coa arte musical de Mónica de Nut (acompañada de Luís Martíns) á volta do seu último traballo Raíces aéreas. O arranxo floral do escenario, acorde coa temática do disco da artista, foi responsabilidade do decorador florista Richar del Toro. (…)”