Óscar García: “Traballo un pouco por acumulación até que sinto a necesidade de pórme a escribir xa”

Entrevista a Óscar García Ramos en Nós Diario:
“O Concello de Outes leva 24 anos organizando o Certame de Poesía Francisco Añón, no que se convocan poetas de todas as idades. Nesta ocasión, a situación derivada da Covid-19 impide levar a cabo a entrega de premios e a presentación da obra gañadora, mais os nomes das persoas vencedoras déronse a coñecer recentemente e Óscar García mereceu o galardón máis alto co seu Inventario de consecuencias. Conversamos con el sobre o premio, sobre o seu proceso creativo e a sobre a súa traxectoria literaria.
– Nós Diario (ND): Como é ese Inventario de consecuencias que o fixo merecedor do Añón?
– Óscar García Ramos (OGR): Está dividido en tres partes e o seu fío condutor veñen sendo as “consecuencias” que leva no título. Un deses apartados é “Consecuencias do espello”, outro é “Consecuencias do tomate” e o terceiro é “Consecuencias do bacilo”. Son as tres partes moi distintas, pero teñen en común que en cada unha delas hai un soneto e o demais é verso libre. A parte que ten que ver co bacilo, se cadra, é a que máis ten que contar, porque reflicte unha experiencia directa, que me sucedeu a min e que foi unha tuberculose, que atravesei en decembro do ano pasado, tiven que estar ingresado e foi no hospital onde escribín esa parte do poemario. As “Consecuencias dos espellos” falan deste elemento desde moitos puntos de vista, desde a identidade, as referencias aos espellos na literatura, no cine. “Consecuencias do tomate” é a parte máis surrealista, con cuestións domésticas e mesmo cuestións de tipo social ou metaliterario. E logo tamén está o xogo, a cuestión lúdica interésame moito na literatura.
– ND: O xurado destacou o tratamento dos espellos e máis a temática mitolóxica…
– OGR: No apartado das “Consecuencias do espello” é onde pode haber máis referencias mitolóxicas, aparecen Perseo e Medusa, Narciso… Tomei todo canto vía relacionado co tema dos espellos, os vampiros que non se poden ver nos espellos, Alicia a través do espello, Narciso cando ve reflectida a súa imaxe. Hai referencias ao mundo da literatura e do cine… Estou encantado coa valoración do xurado. (…)”

Obras gañadoras do XXIV Certame Francisco Añón de poesía 2020