Miro Villar: “Breizh é un diálogo entre as fisterras atlánticas”

Entrevista a Miro Villar en Compás da Costa:
“(…) – Compás da Costa (CdC): Breizh parte de varias viaxes á Bretaña francesa, pero despois segue unha “lóxica itinerante”. Cal foi a túa fonte de inspiración?
– Miro Villar (MV): Foi a primeira viaxe. Este libro, aparte de todo o substrato sobre o haiku do que falei antes, ten unha viaxe física, que é cando por primeira vez coñezo a Bretaña nunha das viaxes organizadas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, tendo como guías excelentes ó presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, e tamén ó que fora Director Xeral de Patrimonio en Francia, un bretón que coñece perfectamente a zona. Isto abriunos moito a ollada sobre esta xente, a arquitectura, o megalítico… É dicir, embarcarnos fóra dunha ollada turística, que non o é, senón como un diálogo con esa cultura. Calquera persoa galega, ten na súa imaxinación estas terras estremeiras como poden ser Bretaña ou Irlanda. Son fisterras atlánticas que están moi preto de nós. A obra trata de enlazar este diálogo entre terras que son próximas. Algo do que xa falaran Castelao ou Manuel María.
– CdC: Naquela viaxe, cando tomabas notas no teu caderno, xa tiñas na mente realizar un libro de haikus?
– MV: Non, pero os cadernos de viaxes normalmente non admiten notas longas, senón que son apuntamentos. A posteriori, reflexionando sobre esa suxestión de Jacinto Pascoal percibín que o haiku podía ser a estrofa ideal para recoller todo iso. Pola concisión, polo inmediato, porque permitiría recoller moitas das cousas que puiden observar. (…)”