Vilaboa: O Escritor na súa Terra Xosé María Álvarez Cáccamo, o 6 de xuño

A1430316349527banner-caccamo Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que será homenaxeado no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha moreira branca elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida o Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo.

PROGRAMA DE ACTOS
11:30 h. Parque Público CartelLetraECaccamoPoeta Xosé María Álvarez Cáccamo (Santa Cristina de Cobres, a carón do CEP Plurilingüe de Riomaior).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da moreira branca (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Ornela Fernández Salgado, Tenente de Alcalde de Vilaboa.
Xosé María Álvarez Cáccamo.
Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado ao parque.

12:15 h. Casa da Cultura de Riomaior (Santo Adrián de Cobres)
Acto de entrega da “Letra E”.
Interveñen:
•José Luis Poceiro Martínez, Alcalde de Vilaboa.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xavier Rodríguez Baixeras: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xosé María Álvarez Cáccamo.

14:00 h. Pazo de Larache (Lugar de Larache, 16 – Santa Cristina de Cobres).
Xantar de confraternidade.
Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Vilaboa e demais persoas interesadas.

Consonte este novo século prosegue a súa andadura, máis se engrandece a figura de Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) e máis vasto é o espazo que ela vai ocupando para a nosa historia na estima de toda persoa que se mova no ámbito da creación literaria galega. Autor emblemático da xeración poética dos 80, intenso e múltiple, polifacético, impenitente curioso sempre en procura de novos xeitos (e xestos) de beleza (non só na creación literaria, mais tamén, por exemplo, nas cunchas mariñas e no poema-obxecto), a súa vitalidade extrema, que carece dun tope definido, e a súa índole xenerosa sempre serán causa de novas maneiras de sorpresa, de compromiso cívico ou de irada protesta contra a barbarie.

A súa vida, que provén de eminente estirpe de escritores e que el relatou brillantemente nun libro de memorias e, aliás, reflectiu de contino nos seus poemas maxistrais, decorreu primeiramente –e sobre todo– no barrio das Travesas de Vigo e na exaltación dos veraos de Coruxo, na beira da ría, para, co tempo, se desprazar, en novo círculo familiar, até os Cobres, no concello de Vilaboa, e en concreto o sobranceiro lugar de Vilar, desde onde asiste todos os días ao espectáculo singular da enseada de San Simón e no que xa se considera un arraigado, un veciño máis. E é nese cativador escenario onde o noso Pepe Cáccamo se dispón a ser declarado –en irónica redundancia– escritor e a plantar a moreira branca, da que a follaxe se derrame sobre si e sobre esa terra, en perenne sedución.

PolipticoLetraECaccamo

ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN

I Edición
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos

II Edición
BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo

III Edición
MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei

IV Edición
MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo

V Edición
XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces

VI Edición
UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel

VII Edición
LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo

VIII Edición
XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba

IX Edición
XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín

X Edición
SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo

XI Edición
PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense

XII Edición
MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo

XIII Edición
MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro

XIV Edición
XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide

XV Edición
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba

XVI Edición
MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela

XVII Edición
PACO MARTÍN
2011 • Lugo

XVIII Edición
XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo

XIX Edición
MARICA CAMPO
2013 • O Incio

XX Edición
XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea