Arquivos da etiqueta: Juan Ramón Vidal Romaní
María do Cebreiro, Blanca Roig, Uxía, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Gabriel Tizón, Teatro do Atlántico, Alberte Pagán e Artesáns da Pesca, Premios da Crítica Galicia 2016
No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun do xantar do sábado 19 de novembro o ditame da trixésima novena edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)
O Deserto de María do Cebreiro, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Acuña Trabazo, crítica, profesora UDV; Dolores Vilavedra, crítica, profesora USC; Teresa Seara, crítica, profesora UDC; Malores Villanueva, crítica; Marta Neira Rodríguez, crítica, profesora UDV; David Otero Rodríguez, escritor e Afonso Vázquez Monxardín que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo (Xerais), O Deserto de María do Cebreiro (Apiario) e O último día de Terranova de Manuel Rivas (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de María do Cebreiro O Deserto, editada por Apiario.
O xurado salientou que “a alta calidade do libro radica tanto na súa autenticidade, propia dunha voz tan persoal como é a da autora, como na integración de diversas referencias culturalistas que aínda así non impiden a intelixibilidade da mensaxe poética. Tamén se fixo referencia ao diálogo coas imaxes que conforman o libro, así como o coidado estético deste como produto artítico”.
Historia da literatura infantil e xuvenil galega de Blanca Roig, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Pena, escritor, gañador da edición anterior; Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía de Galicia, catedrático da UDC; Celia Vázquez, profesora da Facultade de Tradución da UDV; Marilar Jiménez Aleixandre, catedrática de Didáctica das Ciencias da USC; Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo; Ramón Lourenzo, catedrático da USC, e Modesto Hermida García, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ás obras Medo político e control social na retagarda franquista de Lucio Martínez Pereda (Xerais); Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais) e Juan Rof Codina, de Diego Conde Gómez (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais).
O xurado destacou que a obra gañadora “ten moito interese para a comunidade educativa e para novos investigadores sobre literatura infantil. Así mesmo que o equipo investigador realizou un grande esforzo na recompilación de materiais nunha área decisiva para o futuro das letras galegas, ao tempo que serve de base para outras investigacións e e exercicios críticos máis detallados”. Sigue lendo