Galician Reader, proxecto de Small Stations Press

“A fin de promocionar as nosas autoras, Small Stations Press anuncia o lanzamento dun novo web, Galician Reader, con fragmentos dos libros galegos en inglés que editamos ao longo dos derradeiros catorce anos (2009-2022).
Está previsto que un libro con estes e outros textos sairá en 2024, cunha distribución en todo o mundo, e exemplares nas bibliotecas públicas e universitarias de Estados Unidos e do Reino Unido.
Con moi poucos recursos, Small Stations Press, baixo a dirección do tradutor e editor Jonathan Dunne, editou 72 títulos galegos en inglés escritos por 45 nomes distintos durante este período.
Estes títulos inclúen as primeiras edicións completas en inglés dos poemarios Cantares gallegos e Follas novas (en tradución de Erín Moure), clásicos como Memorias dun neno labrego (en tradución de John Rutherford), e unha plétora de títulos contemporáneos, ás veces ilustrados.
A diferenza dos títulos sacados pola editorial, os textos no web Galician Reader, e no libro acompañante serán bilingües, dando así acceso ao idioma galego, a través das traducións ao inglés, e visibilizando o proceso de tradución, tantas veces infravalorado ou mal comprendido.
Son pouco máis de dez autoras incluídas ata agora, pero han incrementarse ao longo dos próximos meses, sendo sempre escritoras con libros editados por Small Stations.
Small Stations Press, unha iniciativa persoal de Jonathan Dunne, espera dar así un impulso ao estatus da literatura galega máis alá das súas fronteiras lingüísticas, tendo en conta que unha cultura non traducida é unha cultura muda. A nosa deseñadora, Kapka Kaneva, é unha candidata ao Premio Memorial Astrid Lindgren. Os nosos libros están dispoñibles a nivel mundial –nos tres grandes mercados de Estados Unidos, o Reino Unido e Australia, e globalmente– sempre a prezos razoables.

Small Stations Press, 10 de febreiro de 2023″